MÁIS DO 60% DO ORZAMENTO DA CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR ESTARÁ DESTINADO A MATERIA SOCIAL

  • Coas contas de 2011, este departamento xestionará 10.000 prazas de servizos sociais máis que no ano 2006 con niveis orzamentarios similares aos dese ano
  •  A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, compareceu hoxe en comisión parlamentaria para dar conta dos orzamentos deste departamento
  • Mato salientou a aposta polo colectivo de autónomos e de cooperativas, como fórmulas dinamizadoras da economía e xeradoras de emprego
  • O próximo exercicio ampliaranse os programas de cooperación con concellos e entidades sociais en 8,4 millóns de euros, o que permitirá contratar a 1.100 persoas máis que este ano
  • Reformularase a formación para o emprego, na que se investirán 107 millóns de euros
  • Increméntase nun 3 por cento á partida destinada á aplicación da Lei de Dependencia
  • Ao longo do futuro ano poranse en marcha novas leis como a de Xuventude, Voluntariado, de apoio á familia e á convivencia, de inclusión ou a reforma da Lei de Cooperativas

  A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, resaltou hoxe que o departamento que dirixe xestionará durante o próximo ano un total de 10.000 prazas de servizos sociais públicos -escolas infantís, maiores dependentes, persoas con discapacidade- máis que as que existían en 2006 cun nivel de gasto similar ao que había nese exercicio. Así o sinalou hoxe durante a súa comparecencia en comisión parlamentaria, onde deu conta dos orzamentos de cara ao próximo ano que sumarán un total de 940 millóns de euros. Malia recoñecer o contexto restritivo das contas autonómicas, estatais e europeas, Mato fixo fincapé na optimización e na eficacia dos recursos dispoñibles. “Non son tempos de gastar máis, son para investir mellor”, aseverou. Neste contexto, fixo referencia a que as contas de 2011 na área de Traballo e Benestar reflicten un nivel de gasto similar ao de 2006, aínda que cunha xestión eficaz permiten o mantemento de máis recursos, como son as 10.000 prazas máis que existen na actualidade na área de servizos sociais en comparación co exercicio de 2006. Na súa intervención, comezou destacando a aposta do Goberno galego polas políticas de emprego e do benestar. Proba deste compromiso, é que a Consellería de Traballo e Benestar terá un axuste orzamentario do 4,8 por cento, fronte ao 24 por cento de media de descenso no resto de departamentos non sociais. En liñas xerais, Mato precisou que o departamento disporá en 2011 de 940 millóns de euros, dos que máis do 60 por cento destinaranse á área de benestar. Con estas contas, Mato indicou que perseguirán tres obxectivos fundamentais: preservar as prestacións e servizos básicos para a cidadanía; continuar coa posta en funcionamento de novas prazas públicos e afrontar o seu mantemento; e garantir os acordos do diálogo social e avanzar na posta en marcha dos plans de revitalización do emprego. A maiores do detalle das contías dos orzamentos, a conselleira resaltou que ao longo de 2011 poranse en marcha novas leis como: a Lei de Xuventude; a de Voluntariado; a Lei de apoio á familia e á convivencia e a modificación da Lei de cooperativas (ambas empezan a súa tramitación este ano); ou a Lei de inclusión, que se debaterá no Parlamento en 2011.

Modernización do sistema público de emprego A conselleira abordou máis polo miúdo na súa comparecencia o investimento nas distintas áreas do departamento. En materia de emprego, como liñas xerais de actuación, salientou a aposta por “optimizar ao máximo as políticas activas de emprego para facelas máis eficientes e eficaces”, así como a aposta pola mellora da formación para o emprego e polos autónomos e as cooperativas, “dinamizadores da economía e do emprego”. Ademais, defendeu continuar na liña de concertación e diálogo coas axentes sociais e económicos. Precisamente, neste sentido, detallou que os orzamentos de 2011 garanten o cumprimento dos 15 acordos que se acadaron nas mesas do diálogo social. Como exemplo, citou o investimento de 7 millóns na modernización do Servizo Público de Emprego, o programa Empregatex, ou o desenvolvemento do Plan estratéxico de prevención de riscos laborais 2011-2014. No eido laboral, Mato sinalou que un dos obxectivos prioritarios das contas de 2011 é “facilitar os contratos”. Por iso, os programas de cooperación cos concellos ampliaranse en 8,4 millóns de euros con respecto a 2010 –contarán cun total de 75 millóns-, o que permitirá promover a contratación de 6.000 persoas, 1.100 contratos máis que neste exercicio. A conselleira apuntou tamén que se incrementará o orzamento destinado ao colectivo dos traballadores autónomos, dentro do Plan de emprego específico que se está a debater para eles no diálogo social. En concreto, trátase dun aumento de 4 millóns de euros, ata os 22,7 millóns de euros, isto é, un 24 por cento máis que en  2010. A isto hai que sumarlle que se mantén a aposta polo cooperativismo, con dous millóns de euros. Mato explicou que esta fórmula empresarial ten demostrado resistencia ante a crise, e lembrou que no que vai de ano duplicouse o número de socios de novas cooperativas, ata 1.421, un incremento do 30 por cento en relación ao 2009. O compromiso co emprego esténdese tamén a aqueles colectivos máis vulnerables a afectados pola crise, como son as persoas con discapacidade. Neste eido, aumentaranse tamén en 13,4 millóns de euros os fondos para a creación de novos centros especiais de emprego ou para a súa ampliación, así como para mantemento destes postos de traballo. As contas de 2011 prestan unha especial atención á formación para o emprego, á que destinan un total de 107 millóns de euros. Este investimento permitirá, ademais, a reformulación da formación de cara á “excelencia e á calidade”, e para facer “mellores cursos e máis axeitados ás demandas actuais”.

Máis de mil novas prazas para educación 0-3 anos

Na área de Benestar, a conselleira destacou como eixos principais dos orzamentos para 2011 “a construción dunha sociedade máis inclusiva, con máis e mellores servizos sociais públicos, e o fomento do emprego no terceiro sector”, todas elas metas xa recollidas no Plan de Actuación Social 2010-2013. Neste Plan, establecíase como prioridade a creación de 4.500 prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos ata 2013. “A día de hoxe, e desde a nosa chegada, temos creado máis de 1.500 desas prazas, un 11 por cento máis das que atopamos. Só este ano puxemos en marcha 1.000 prazas públicas, e en 2011 imos incrementar outras 1.000 en 25 escolas en toda Galicia”, resumiu Mato. Ademais desta especial atención á infancia, a conselleira citou como outra das prioridades do departamento a atención aos maiores e ás persoas con discapacidade. Neste sentido, anunciou que a partida económica destinada a estes dous colectivos para o desenvolvemento de programas e mantemento de centros increméntase nun 6,9 por cento. Trátase, en total de 150,4 millóns de euros, case 10 millóns máis que en 2010. En total, Mato cifrou en máis de 2.500 o incremento de prazas de desde abril de 2009 ata o peche deste exercicio en atención a maiores, discapacidade e alzheimer. Deste xeito, explicou que os orzamentos de 2011 garanten o mantemento de 5.000 novas prazas en servizos sociais públicos, resultantes da suma destas 2.500 máis as 1.500 en escolas infantís, todas elas postas en marcha nos últimos 19 meses. Tamén se abordarán outras melloras cuantitativas e cualitativas nos programas de atención: protocolo de atención ao maltrato de maiores a través do teléfono social; renovación do programa de respiro familiar para incluír por primeira vez aos coidadores de persoas con discapacidade; ou o investimento de 13 millóns de euros para manter o transporte adaptado do 065. Ademais, auméntanse nun 15,3 por cento as axudas para manter e para promover as actividades das asociacións que traballan neste eido. No eido da inclusión, mantense a cobertura para o pagamento das Rendas de Integración Social de Galicia e das Axudas de Emerxencia social. A atención aos menores continuará sendo unha prioridade, coa aposta por centros de día en lugar de prazas residenciais, por instalacións de menor tamaño, e pola inserción sociolaboral dos nosos menores.

 Dependencia

En materia de Dependencia, Galicia incrementa a dotación orzamentaria nun 3 por cento para dar resposta aos dependentes galegos, fronte ao recorte do Estado nesta materia. En concreto, destinarase un total de 360 millóns de euros, 8 millóns máis que en 2010. Con esta cifra, “garántese a atención ás 37.000 persoas atendidas, 23.000 delas na presente lexislatura. Case multiplicamos por tres o número de atendidos que atopamos”, precisou a conselleira. Neste sentido, explicou que con esta aposta pola dependencia “mesmo incrementamos a dotación para poder introducir a máis dependentes no sistema”. Nesta mesma liña de actuación, fixo fincapé en que a Xunta garantirá en 2011 as axudas aos concellos para o financiamento do Plan Concertado, “que o Goberno central recorta nun 12 por cento”. Xa no eido da Xuventude, os orzamentos manterán a aposta polos proxectos máis importantes nesta materia, como son o fomento da participación da mocidade en proxectos impulsados por eles mesmos e a mobilidade xuvenil. Así, o modelo de participación xuvenil Iniciativa Xove aumentará nun 2 por cento o seu orzamento, ata os 695.000 euros. Tamén se aumentará o número de prazas dispoñibles no programa da Xuventude no mundo, ata as 400, ou as do programa Mogal de desenvolvemento profesional, que chegará ás 200 prazas. En resumo e para finalizar, Mato concluíu a súa intervención resaltando que os orzamentos de 2011 garanten, entre outras actuacións: o cumprimento dos acordos do diálogo social; o avance no Plan autonómico de emprego 2010-2013; o desenvolvemento do Plan de Actuación Social; a atención aos 37.000 dependentes inseridos no sistema; o mantemento dos servizos sociais públicos, incluídas as 5.000 novas prazas creadas desde a chegada á Goberno; a contratación de máis de 6.000 desempregados, 1.100 máis que en 2010; a mellora da formación e o Plan de Modernización do Servizo Público de Emprego.

About Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: