ROBERTO VARELA DESTACA A CAPACIDADE DO FILME ‘THE WAY’, INSPIRADO NO CAMIÑO DE SANTIAGO, “PARA CAPTAR A ESPIRITUALIDADE DA RUTA XACOBEA”

  • Segundo o conselleiro de Cultura e Turismo, “Galicia e Santiago están presentes de maneira inequívoca na película que reflicte a espiritualidade e a transformación interna propia dos peregrinos que percorren o Camiño”.
  • Varela recoñeceu o “gran traballo” de Emilio Estévez e felicitou ao actor Martin Sheen “por toda a súa carreira”, así como o “traballo de todo o equipo que fixo posible The Way”. “Faltábanos a gran película do Xacobeo e aquí a temos”, apuntou.
  • O filme da produtora Filmax está patrocinado pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e pola Xunta de Galicia. ‘The Way’ conta con Martin Sheen como actor protagonista que traballa por terceira vez baixo a dirección do seu fillo Emilio Estévez.

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela presentou esta mañá a preestrea oficial do filme The Way, dirixido por Emilio Estévez e protagonizado polo seu pai, Martin Sheen. O conselleiro destacou a capacidade da película, inspirada no Camiño de Santiago, “para captar a espiritualidade da ruta xacobea”. Patrocinada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e pola Xunta de Galicia, The Way estrearase en 150 salas de España o vindeiro venres 19 de outubro, tras a súa estrea en Santiago e en Madrid. Segundo desvelou hoxe o propio equipo de The Way, nos primeiros test de visionado do filme en Estados Unidos, o 97% do seu público recomendou a película e o 90% do mesmo amosou a súa disposición de facer o Camiño se tiveran a oportunidade. Na rolda de prensa na que tamén participaron Martin Sheen, Emilio Estévez e Julio Fernández, presidente de Filmax, Roberto Varela recoñeceu asemade que “non foi difícil dar un si a este proxecto desde a primeira entrevista mantida co equipo de traballo”. O conselleiro ligou o filme coa tradición de road movies propias do cinema estadounidense e coa a proxección da imaxe que o Camiño de Santiago posúe en Norteamérica”. Para Varela, “Galicia e Santiago están presentes de maneira inequívoca en toda a película que reflicte a espiritualidade e a transformación interna propia dos peregrinos que percorren o Camiño así como tamén sucede nos personaxes protagonistas de The Way”.  Do mesmo xeito, Varela recoñeceu o “gran traballo” de Emilio Estévez e felicitou ao actor Martin Sheen “por toda a súa carreira” así como o “traballo de todo o equipo que fixo posible The Way”. Segundo o conselleiro, o director “conseguiu plasmar en imaxes a experiencia de facer o Camiño e superou o difícil reto de captar a espiritualidade e o misterio que envolve á peregrinación a Santiago”. En suma, o conselleiro felicitou ao director por “facer unha historia preciosa sobre o Camiño de Santiago, un camiño físico exterior que recorre Europa e termina en Galicia pero tamén un camiño interior vinculado á espiritualidade como desde a Xunta de Galicia levamos destacando ao longo deste Ano Santo”. Roberto Varela asegurou que con The Way, Galicia dispón por fin dunha obra cinematográfica de primeiro nivel sobre a peregrinación a Compostela. “Faltábanos a gran película do Xacobeo e aquí a temos”, engadiu. Pola súa banda o director do filme, Emilio Estévez definiu a cinta como “unha carta de amor dirixida a España que fai honra ao meu avó de orixe galega”. Do mesmo xeito, o director asegurou que “ tanto o meu pai, coma min, sentímonos galegos que nunca se foron e que agora volven a casa”. Estévez lembrou unhas palabras de John Houston nas que dicía que o seu actor favorito era o seu pai, e asegurou do mesmo xeito que “o meu actor preferido é Martin Sheen”. En verbas do propio Martin Sheen, “The Way foi un dos maiores praceres da miña vida“. O actor protagonista do filme lembrou que “meu pai era galego e na miña infancia crieime oíndo falar dos galegos, do camiño e dos peregrinos”. “Esta película e o colme de toda unha vida”, asegurou. Por outra banda o presidente de Filmax Entertainment, Julio Fernández, recoñeceu que a súa intención estratéxica desde o primeiro momento foi que “o lanzamento do filme coincidira concretamente co fin da visita do Papa”.

 Presentación oficial en Compostela

Xa pola tarde, a partir das 19.30 horas, celebrarase a preestrea oficial da película no Teatro Principal. O acceso a este acto será restrinxido e só se poderá entrar con invitación. A estrea nos cines de The Way será o vindeiro venres 19 de novembro. Antes desa data, celebrarase este mércores unha segunda preestrea en Madrid, onde o filme se dará a coñecer aos medios de comunicación. The Way, que se rodou durante sete semanas en distintos puntos do Camiño de Santiago e que ten unha duración de 120 minutos, conta co patrocinio da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e da Xunta de Galicia e foi producida por Filmax en colaboración con Elixir Films e coa participación da TVG. Rodada ao longo do Camiño de Santiago en setembro, outubro e novembro de 2009, a película narra a historia de Tom Avery, un reputado oftalmólogo que vive en California e un día recibe unha chamada desde Francia na que se lle comunica que o seu fillo Daniel faleceu nun temporal nos Pirineos. Desolado, Tom viaxa a Francia para recuperar ao seu fillo e descubre que Daniel comezara o Camiño de Santiago. Entón, decide facelo por el. A película The Way inclúe escenas rodadas no interior da Catedral de Santiago, un feito considerado “un milagre” en palabras do propio Martin Sheen. Trátase da terceira vez que o actor traballa ás ordes do seu fillo Emllio Estévez. O reparto principal complétano a actriz canadiense Deborah Kara Unger, e os actores Yorick Van Wageningen, de orixe holandés, e o norirlandés James Nesbitt. O filme tamén conta coa participación da actriz Ángela Molina, que interpretará o papel de Angélica. O argumento da película desenvólvese en distintos puntos do Camiño Francés. De feito, o filme arranca en Saint Jean Pied de Port (Francia), e continúa por varias poboacións ata chegar a Santiago de Compostela. Tamén se empregaron decorados interiores de Madrid e exteriores de Marrocos. En Galicia, graváronse escenas en Pedrafita do Cebreiro, no Alto de San Roque e no lugar de Vilamaior, dentro da provincia de Lugo. En A Coruña, o equipo de produción estivo no Monte do Gozo, na Praza do Obradoiro, na Praza das Praterías, na Catedral e na Oficina do Peregrino. Asemade, algunhas escenas da película transcorren no concello coruñés de Muxía, máis concretamente no Mirador do Corpiño e no Santuario da Virxe da Barca. The Way está baseada nunha historia de Emilio Estévez e en historias seleccionadas da novela Off the road: a modern-day walk down the Pilgrim’s Route into Spain, de Jack Hitt. Este filme é o cuarto de Emilio Estévez como guionista-director e a terceira colaboración co seu pai. Actualmente, esta preparando a súa próxima película Johnny Longshot, un filme ambientado no mundo das carreiras ecuestres, que tamén protagonizará e dirixirá. Pola súa banda, Martin Sheen é un dos actores máis célebres e completos dos Estados Unidos. Este actor, nativo de Ohio e de ascendencia galega, apareceu en máis de 65 películas incluíndo a que lle dou fama mundial, Apocalypse Now, de Francis Ford Coppola. En televisión, Sheen é recoñecido polo seu papel de presidente de EE.UU., Josiah Bartlet na serie El ala oeste de la Casa Blanca.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

0 Respuestas a “ROBERTO VARELA DESTACA A CAPACIDADE DO FILME ‘THE WAY’, INSPIRADO NO CAMIÑO DE SANTIAGO, “PARA CAPTAR A ESPIRITUALIDADE DA RUTA XACOBEA””

  1. thai seo dice :

    helo VGO MAGAZINE DIGITAL , i look your blog , be a nice blog and greatly. Good for everyone. useful Área Metropolitana and content. i going to plan to read and comment your website.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: