ECONOMÍA E INDUSTRIA CELEBRA A SEMANA DA CIENCIA CON 25 ACTIVIDADES QUE PERCORRERÁN TODA GALICIA

  • Estas iniciativas enmárcanse dentro do programa “Diverciencia”, financiado pola Consellería de Economía e Industria co obxectivo de achegar á cidadanía o traballo que se realiza durante todo o ano no eido do I+D+i
  • Instalarase o “cubo da ciencia” como un lugar de encontro no que os cidadáns das sete cidades galegas poderán realizar “os experimentos máis divertidos”
  • Celebraranse Cafés-teatro científicos nos que dous científicos e un actor establecerán diálogos cos asistentes sobre distintos temas
  • Todas as actividades desenvolveranse entre os días 8 e 22 de novembro, con carácter lúdico e gratuíto

O director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Ricardo Capilla, presentou hoxe o amplo programa de actividades que a Consellería de Economía e Industria ten previstas con motivo da celebración da Semana da Ciencia. A consellería que dirixe Javier Guerra pon en marcha esta iniciativa co obxectivo de achegar á cidadanía o traballo que se realiza durante todo o ano en Galicia, no eido do I+D+I. Segundo explicou Ricardo Capilla, esta “é unha ocasión para poñer en valor diante da sociedade o esforzo que se realiza para mellorar a calidade de vida, impulsar a competitividade económica e traspasar as barreiras do coñecemento”. Deste xeito, Economía e Industria ofrece soporte financeiro a un total de 25 actividades que se desenvolverán en toda Galicia até o próximo día 21 de novembro, coa colaboración de universidades, centros e outras entidades relacionadas co Sistema Galego de Innovación. Estas actividades enmárcanse no programa “Diverciencia”, financiado pola Xunta de Galicia,  e están “dirixidas a un público non especializado, cun enfoque innovador e lúdico”, de cara a  “fomentar a participación cidadá, ao ter carácter gratuíto e aberto á sociedade”. Ademais, o programa da Semana da Ciencia cobre un amplo abano de áreas de coñecemento que vai desde a robótica e a astronomía, até a química e a oceanografía, pasando pola meteoroloxía e a neurociencia. As actividades ofertadas inclúen obradoiros, teatro, concursos, exposicións, visitas guiadas, cómics e mesmo a presenza nas redes sociais. O director xeral de I+D+i sinalou como unha das propostas destacadas a “Ciencia de cada día”, que busca levar esta actividade fóra dos laboratorios, co obxectivo de que os cidadáns poidan conectar, de xeito ameno, coa investigación e a tecnoloxía. Con este fin instalarase o “cubo da ciencia” como un lugar de encontro no que os cidadáns das sete cidades galegas poderán realizar “os experimentos máis divertidos”, en lugares céntricos que facilitan a asistencia de público, como son a Alameda de Santiago (os días 8 e 9 de novembro), os cantóns da Coruña (os días 11 e 12), a Rúa Príncipe de Vigo (os días 13 e 14), o Xardín do Posío de Ourense (o día 17), a Praza de Armas de Ferrol (o día 18), a Praza Maior de Lugo (o día19) e a Avenida Montero Ríos de Pontevedra (os días 15 e 16). Ademais, no plan de actividades da Semana da Ciencia (www.divulgacion360.org) cómpre engadir outra que, aínda que fóra deste período, desenvolverase co mesmo obxectivo. Trátase, tal e como adiantou o director xeral, de “Galiciencia”, a maior feira científica de Galicia, organizada por Tecnópole e que este ano acada a súa quinta edición. Terá lugar os próximos días 24, 25 e 26 de novembro cun récord absoluto de proxectos recibidos, o que obrigou a facer unha selección entre os mesmos.

 Resumo de actividades

Por outra banda, durante a Semana da Ciencia as localidades de Narón, Ordes, Boiro, Redondela e Santiago de Compostela albergarán os “Cafés-teatro científicos 2010”, que consistirán en que dous científicos e un actor establecerán diálogos cos asistentes sobre distintos temas deste ámbito. A capital galega acollerá tamén a exposición “Biodiversidade e coleccións de Historia Natural” no colexio de Fonseca, así como a mostraMulleres Nobel en Física e Química. Unha visión non sexista da ciencia” e a iniciativa “O Camiño da Ciencia, o Camiño da Vida”, coa que se pretende dar a coñecer o proxecto Campus de Excelencia Internacional-Campus Vida. A cidade de Vigo acollerá varias actividades no seu campus universitario, como é o caso dos talleres prácticos “Enxeñeiros por un día” ou das visitas guiadas ás novas dependencias da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Minas. Ademais, organízanse o “II Certame de Relatos de Ciencia Ficción de Gradiant” e a terceira edición do concurso de relatos curtos vinculados á ciencia “Ciencia que conta”. Haberá, así mesmo, charlas divulgativas, proxección de documentais e distintas exposicións no Museo do Mar da cidade. Na Coruña, o centro comercial Espazo Aberto será o lugar onde se desenvolverán unha serie de actividades divulgativas baixo o nome de “Espazo para o cambio”, mentres que o Círculo de Artesáns acollerá a mostra “A Química a través do cómic”. Ourense, pola súa parte, contará coa feira “Galiciencia” e a iniciativa “Ourense investiga”, consistente na colocación dunha carpa onde estudantes de Secundaria exporán os traballos realizados no campo da investigación o pasado curso. En Lugo, a actividade “Ga-Láctica” tratará de mostrar á sociedade a importancia da investigación no sector lácteo. A esta hai que sumar “Comerciencia. Consumir con ciencia, comer con conciencia”, destinada aos escolares, e “A Maxia da Robótica. III Concurso Galego de Robótica”, organizado na localidade de Burela. Na cidade de Pontevedra desenvolveranse os talleres “Tecnoloxía divertida” e “Misión Biolóxica de Galicia 2010”. En Lalín, pola súa banda, realizaranse cursos de iniciación á astronomía. A todo isto hai que sumar o proxecto “Diverciencia granxas dixitais”, para que os escolares de Melide, Chantada, Lobios, Coristanco e Ponteceso teñan a oportunidade de empregar as novas. Ademais, centros educativos de toda Galicia acollerán a actividade de divulgación “Exper-i-ciencia” para achegar a ciencia aos estudantes de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato mediante encontros con científicos do CSIC. Por último, a web www.galiciaeascienciasdomar.org continuará coa divulgación do coñecemento e as aplicacións das Ciencias do Mar.

About Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: