ROSA QUINTANA SOLICITA O APOIO DA SECRETARIA GENERAL DEL MAR PARA LOGRAR UN AUMENTO DO TAC DA PESCADA QUE DEA RESPOSTA ÁS NECESIDADES REAIS DO SECTOR

A conselleira do Mar mantivo unha xuntanza coa secretaria general del Mar, Alicia Villauriz, para trasladarlle diferentes intereses e preocupacións que atinxen aos sectores pesqueiro, marisqueiro e acuícola galegos. A conselleira avoga por una plan de xestión para a flota de baixura no Cantábrico Noroeste e defende o estudo da implantación de cotas individualizadas para a flota de arrastre.

  • Quintana transmitiulle a Alicia Villauriz a importancia de buscar solucións para as embarcacións galegas que non superaron o proceso de regularización e insistiu na apertura dun novo proceso
  • A conselleira fíxolle saber a importancia para Galicia da definición dos novos parámetros e métodos analíticos para as biotoxinas e da moratoria das zonas C

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, demandoulle hoxe á secretaria general del Mar, Alicia Villauriz, que traslade a Bruxelas os informes que demostran que hai síntomas de recuperación e abundancia da pescada de cara a conseguir un aumento do TAC (Total Admisible de Capturas) desta especie tanto no caladoiro nacional coma en augas do Gran Sol. No transcurso dunha xuntanza celebrada hoxe en Madrid, Quintana lembrou que Galicia agrupa á maioría dos barcos con licencia para faenar en augas da UE e reiterou que a proposta actual da Comisión Europea é “insuficiente e non dará resposta ás necesidades reais do sector produtor e comercializador”.A reunión de hoxe serviu para que a conselleira lle trasladase as principais preocupacións que atinxen aos sectores pesqueiro, marisqueiro e acuícola galegos. Así, no tocante ao caladoiro Cantábrico Noroeste, Rosa Quintana apostou por levar adiante un plan de xestión da pescada que substitúa ao plan de recuperación “tras comprobar o bo funcionamento deste último e sempre baixo a premisa de garantir a conservación do recurso” e considerou positiva a posibilidade de establecer unha cota individualizada por buque para a flota de arrastre, da que Galicia posúe a maioría no caladoiro do Cantábrico e Noroeste. Ao tempo, a responsable da Consellería do Mar sinalou que “agardamos unha xestión máis equilibrada da cota desta especie para 2011, coa remisión de datos periódicos para evitar un esgotamento prematuro, como ocorreu este ano”, manifestou. De igual maneira solicitou unha xestión semellante para a xarda e un reparto máis equilibrado dos topes de captura diarios por barco. Respecto desta especie, Quintana trasladoulle á secretaria general del Mar a inquedanza do sector pola determinación unilateral de cotas por parte de Islandia, Noruega e Illas Feroe. “Galicia apoiará todas as xestións da UE a prol dunhas cotas racionais nas augas do Mar do Norte que non afecten ao stock do recurso en augas do Cantábrico Noroeste” manifestou, e solicitou igualdade de condicións de pesca entre os buques portugueses e españois que faenan ao abeiro do acordo de acceso ás augas nacionais subscrito entre España e Portugal “para evitar agravios comparativos”. Así mesmo, trasladoulle a importancia da pesquería da anchoa para Galicia e amosou a súa esperanza de que “se dispoña dunha situación de normalidade na súa xestión e actividade”.

Defensa da flota galega que traballa en augas internacionais

Por outra banda, a conselleira amosou a súa preocupación pola seguridade dos buques atuneiros con intereses ou tripulación galega. A pesar de que a Xunta financia –nun 25%- a seguridade privada do único atuneiro galego que traballa no Índico, Quintana incidiu en que a mellor opción é embarcar a membros das Forzas y Corpos de Seguridade do Estado nos buques de bandeira española, ao igual que outras nacións europeas “co obxectivo de conseguir maior seguridade” .A conselleira trasladoulle tamén a preocupación do sector “e a sensación de inseguridade xurídica” polos calibradores de malla de carácter dixital e o regulamento de medidas técnicas. “Solicitamos unha moratoria namentres non se efectúe unha verificación da validez das medicións realizadas cos novos dispositivos, porque están a ofrecer resultados dispares”, dixo e lembrou que se deron casos de apreixamento de barcos galegos por ese motivo. Tamén solicitou unha moratoria de dous anos na implantación do diario electrónico e das medidas técnicas que rexerán a actividade pesqueira “ata que a PCP defina o sistema de control e xestión da pesquería”. Así mesmo, trasladoulle a inquietude pola presión de Mauritania á frota galega que está alí establecida e púxolle os exemplos do Loremar, o Bahía de Portosanto e o Lameiro. Neste sentido instou á UE que “faga cumprir os termos do acordo” e pediulle a Alicia Villauriz que “manteña os contactos necesarios para que estes episodios non se repitan”. 

Cambio de método de análise e moratoria das zonas C

Por outra banda, a conselleira reiterou a solicitude de apoio do Goberno ante a UE na procura dunha moratoria das zonas C e considerou “moi importante” que España traballe para conseguir que o cambio de método de análise de biotoxinas aprobado esta semana  non veña acompañado dun cambio nos niveis en vigor. De darse o caso, insistiu Rosa Quintana, tería graves consecuencias para o sector mitilicultor galego, principal productor de mexillón en Europa e segundo no mundo.

 Regularización da frota e furtivismo

Finalmente, a regularización da frota foi outro dos asuntos que se abordaron neste encontro. A conselleira demandoulle “a necesidade de atopar unha solución dentro do limbo administrativo” para as 1.127 embarcacións que non superaron o proceso de regularización. Quintana insistiu hoxe, como xa lle trasladara no seu momento á ex-ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, na apertura dun novo proceso de regularización con algunhas modificacións. Respecto da loita contra o furtivismo a titular de Mar expresou a súa satisfacción pola coordinación cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e confiou “en que sigamos traballando xuntos para tratar de solucionar este problema”.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: