INFORME SOBRE O PROCESO DE RECLAMACIÓN CONTRA O CONCELLO DE VIGO EN RELACIÓN AOS COBROS EXCESIVOS POR PARTE DA CONCESIONARIA SERAGUA-AQUALIA

O presente documento, elaborado pola Comisión Permanente da FAVEC, ten por obxecto ofrecer a todas as asociacións integradas na Federación de Asociacións Veciñais de Vigo “Eduardo Chao”, de cara a servir de base sobre a que asentar o debate que a Comisión Permanente quere impulsar a respecto da reactivación do histórico proceso de reclamación contra o Concello de Vigo polos cobros excesivos por parte da concesionaria municipal do abastecemento de auga, Seragua-Aqualia. É preciso, despois de enmarcar o contexto e finalidade deste documento, realizar algunhas precisións previas sobre a súa natureza: 

  • Trátase dun documento con vocación de síntese, concentrado nos aspectos principais do proceso de reclamación. Polo tanto o mesmo pode adoecer de falta de detalle nos aspectos que na súa elaboración se consideraron superfluos ou secundarios en relación coa súa finalidade. En todo caso, fica a disposición de todas as asociacións federadas a consulta do expediente completo, con toda a documentación da que dispón a federación.
  • Non é un documento xurídico, feito obvio ao estar elaborado pola Comisión Permanente, pero está baseado na totalidade do expediente xudicial da reclamación, segundo a documentación facilitada polo avogado representante da FAVEC, D. Juan Colón, así como en diferentes consultas xurídicas, documentadas ou informais, realizadas pola Comisión Permanente desde a súa elección o 26 de xuño deste ano até o día de hoxe.
  • Inda abordando o percorrido histórico dun proceso de reclamación xudicial, este documento non se limitará ao mesmo, senón que parte da concepción de que esta reclamación é un proceso reivindicativo que vai alén dos instrumentos que se utilizasen no pasado, ou se utilicen no futuro, na procura da súa consecución.

 Esquema histórico do proceso de reclamación

 1992. A Federación Veciñal insta ao Concello de Vigo, mediante recurso de reposición, á modificación do sistema tarifario do abastecemento de auga na cidade, por consideralo inxusto, procurando que a facturación se realice polo sistema de progresións por escalóns.   1993.  .- O Concello de Vigo desestima o recurso de reposición presentado pola FAVEC.   A FAVEC recorre esta decisión municipal a través dun recurso contencioso administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), no que ademais de reclamar a modificación do sistema tarifario solicita o recoñecemento do dereito ás/aos usuarias/os ao reintegro das cantidades que se lle cobrasen en exceso, como resultado da decisión do Concello de non admitir a súa reclamación.  1995  : A sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emite unha sentencia firme, datada no 2 de xuño, na que ESTIMA o recurso presentando pola FAVEC, declarando o Pleno Municipal do Concello de Vigo con data de 14/12/1991 sobre tarifas de auga CONTRARIO A DEREITO e recoñecendo o dereito das/os usuarias/os do servizo de suministro de auga a que a facturación se realice polo sistema tarifario de progresión por escalóns así como o dereito ao REINTEGRO (devolución) das cantidades cobradas excesivamente durante o período comprendido entre o mes de novembro de 1992 e o mes de novembro de 1995.. O Concello de Vigo recorre contra esta sentencia, que será finalmente CONFIRMADA (a favor da FAVEC) polo Tribunal Supremo (TS) o 30 de abril do ano 2001.   2002: A FAVEC solicita, a través de escrito ao TSXG a execución forzosa da sentencia do 02/06/1995 confirmada polo TS o 30/04/2001. Nese senso solicita as seguintes medidas:

  • Que se obrigue a Concello e concesionaria a que procedan, previo o correspondente cálculo  e tendo en conta o número de usuarias/os e consumos, á devolución daquelas cantidades indebidamente cobradas a partir do 30/11/1992 así como os seus xuros.
  • Que as cantidades de diñeiro resultantes xunto coas correspondentes relacións de usuarias/os se lle entreguen á FAVEC, como reclamante, para que esta en razón aos “maiores medios técnicos dos que dispón ou se lle supón, proceda con posterioridade a entregarllos ás/aos usuarias/os que así o soliciten e acrediten dando conta delo ao TSXG.
  • Que no caso de non admitir a solicitude anterior, o tribunal adopte calquera outro tipo de mecanismo que garanta non só a execución da sentencia senón que evite que nin Concello nin Concesionaria, beneficiándose da tardanza da resolución xudicial firme (transcorren 9 anos desde a reclamación inicial até a sentencia en firme do TS) poidan apropiarse das cantidades indebidamente ingresadas ao non devolvelas.

 2003: Nun novo escrito presentado pola FAVEC como reclamante diante do TSXG, solicitase, con data de 11 de marzo:

  • Que o tribunal inste ao Concello a que a concesionaria remita unha relación da totalidade de abonadas/os do servizo a 30/11/1992, sinalando os consumos efectuados desde esa data e das súas facturacións correspondentes até o mes de decembro de 1995.
  • Que no caso de non atender o anteriormente solicitado, se inste ao Concello para que remita unha relación actualizada de abonadas/os ao servizo cos seus consumos, coa finalidade de proceder a través do sistema de comparación a determinar a cantidade INDEBIDAMENTE COBRADA POLA EMPRESA entre novembro de 1992 e decembro de 1995 a fin de cuantificala e solicitar a súa devolución.- Fronte a todos os escritos presentados pola FAVEC até o momento, desde o momento en que a sentencia ao seu favor é firme (2001), reclamando a execución da mesma -nos termos que se acaban de sinala- o Concello de Vigo alega reiteradamente diante do TSXG que xa procedeu a efectuar a devolución de cantidades cobradas en exceso a usuarias/os que así o solicitaron formalmente, polo que -sumado ao feito de que o Concello xa procedera a cambiar o sistema de tarificación- entende que a sentencia está plenamente executada.- O 17 de xuño de 2003, a FAVEC achega ao TSXG solicitudes de devolución suscritas por usuarias/os que contradín o afirmado por Concello e Concesionaria, xa que o número de abonadas/os on interese e dereito a devolución é moi superior a aquel a quen se lle devolveu efectivamente. É neste paso onde por primeira vez consta que a FAVEC achegara solicitudes concretas de devolución. . A FAVEC remite ao longo de 2003 escritos semellantes aos anteriormente descritos, insistindo na súa reclamación ao tempo que denuncia a dificultade obxectiva das/os abonadas/os para solicitar nesa altura (11 anos despois) a devolución das cantidades cobradas en exceso, xa que en moitos casos é imposíbel achegar os recibos orixinais que acrediten tal circunstancia así como a solicitude de duplicados.    2008  En abril de 2008 o Concello volve reiterarse en que entende que pola súa parte deu execución á sentencia, e sinala cun escrito asinado pola Concesionaria (nesta altura xa denominada Aqualia) que até o 31 de decembro de 2007 se tramitaron 92 expedientes de devolución correspondentes a 1.021 usuarias/os (tanto individuais como comunidades de propietarias/os), aos que se lles devolveu un total de 14.104,57€ presentando a relación nominal de todos eles A esta dilixencia do Concello a FAVEC volve alegar novamente, reiterando a súa solicitude de que se execute completamente a sentencia. Fronte o feito de que transcorridos varios anos desde a sentencia firme do TS sen que se levase a puro e debido efecto a mesma, e en resposta ás reclamacións da FAVEC, o TSXG -a data de 24 de xullo- ordena á FAVEC, a Concello e á Concesionaria a reunirse para resolver de xeito colexiada (nunha comisión paritaria) as cantidades pendentes de recibir polas/os usuarias/os afectados.   A primeira xuntanza entre as partes ten lugar o 5 de novembro de 2008. Nesa reunión segundo consta na documentación do expediente, non compareceu o Alcalde que delegou no titular na Asesoría Xurídica Municipal -feito polo que protestou a representación da FAVEC. Na xuntanza as partes reitéranse nos seus posicionamentos: Concello-Aqualia entenden por executada a sentencia e FAVEC solicita o cálculo da cantidade global cobrada en exceso, e que unha vez calculada esta se aplique a unha actuación como compensación á cidade no seu conxunto A segunda xuntanza, fixada inicialmente para o 17 de novembro de 2008, realízase o día 23 de decembro desde mesmo ano. Nesta xuntanza participa en representación do Concello, o concelleiro de Participación Cidadá. A FAVEC insiste na necesidade de que Concello e Concesionaria achegue os datos das/os usuarias/os afectadas/os pola anulación de tarifas, ao que a concesionaria volve insistir na imposibilidade de poder aportar tal documentación. Na reunión, e atendendo á proposta de realizar unha compensación ao conxunto da cidade mediante unha actuación, o Concello propón inicialmente para a súa negociación na comisión a realización dunha obra de mellora do saneamento por valor de 60.000€ (Sesenta Mil Euros). A FAVEC rexeitou esa proposta ao non xustificarse a orixe da determinación da dita cantidade, pero non consta que realizase ningunha proposta alternativa.     2009. As actas das dúas xuntanzas antes mencionadas, que non foron asinadas pola representación da FAVEC pero tampouco resultaron impugnadas, foron remitidas polo Concello ao TSXG con data de 9 de xuño de 2009, instando ao tribunal a que dese por cumprido o por el mandatado 0 24/07/2008.  A FAVEC, a data de 1 de xullo de 2009, alega contra do escrito presentado polo Concello coas actas, reiterando practicamente os mesmos argumentos a respecto da non execución da sentencia achegados desde que a mesma foi firme polo TS. Nese escrito recóllese expresamente, na súa alegación cuarta, que a FAVEC “en ningún caso solicitou cantidade algunha” a respecto da cantidade a devolver polos cobros excesivos.   O 17/09/2009 o TSXG rexeita a solicitude do Concello e entende NON EXECUTADO o mandato do tribunal do 24 de xullo de 2008. O Concello presenta recurso de súplica contra desta decisión o 29 de setembro de 2009, contra o que a FAVEC alega o 15 de outubro de 2009.

 Finalmente o TSXG dita un novo auto, a data de 9 de decembro de 2009, no que ESTIMA o recurso de súplica presentando polo Concello, dando por executada a sentencia firme do 2 de xuño de 1995, confirmada polo TS o 30 de abril de 2001.

 Neste auto o Tribunal achega varios argumentos:

  • Que as/os usuarias/os aos que se facturou en exceso por aplicación da tarificación anulada teñen dereito á devolución da diferenza.
  • Que só estas/es, e non a totalidade das/os usuarias/os son acredores da devolución.
  • Dado que a sentencia só lles atribúe capacidade aos afectados para esixir a devolución, conforme ao principio de que “cada un é árbitro do seu propio interese” nada impediu que todas/os, algunhas ou algúns ou a maior parte destes,  non formulasen a reclamación correspondente (malia que desde a FAVEC se sostivo con bo criterio a imposibilidade material de achegar en moitos casos os recibos), polo que o TSXG conclúe que coas devolucións realizadas (a 1.021 usuarias/os) pode darse por executada a sentencia, sen prexuízo de que se promovan novas reclamacións por parte das/os usuarias/os non reintegradas/os.   2010      O 4 de xaneiro de 2010 a FAVEC presenta un recurso de súplica contra o último auto do TSXG onde este da por executada a sentencia firme, reproducindo de xeito idéntico a argumentación presentada en todos os escritos nos que esixía a execución completa da mesma.  O 31 de marzo de 2010 o TSXG DESESTIMA o recurso de súplica presentando pola FAVEC, mantendo o seu auto do 9 de decembro de 2009, co que se da por finalizada a reclamación xudicial pola vía ordinaria.    O 20 de abril de 2010 a FAVEC decide impulsar un recurso de casación perante o TS coa pretensión de anular o auto do 9 de decembro de 2009 do TSXG. Previo a esa decisión o avogado Juan Colón, segundo fai constar á actual Comisión Permanente, advertiu ao equipo directivo federativo desa altura non xa da dificultade obxectiva para a admisión do recurso de casación, senón que de ter sido improbabelmente admitido as posibilidades de que este prosperase eran moi escasas.    O 20 de setembro de 2010 a Sala Terceira do Tribunal Supremo emite unha providencia na que pon de manifesto ás partes a posíbel inadmisibilidade do recurso por razón de contía. A seguir reproducimos tradución literal da providencia:  Madrid, a vinte de setembro de dous mil dez.  Dada conta; antes de resolver o que proceda, ponse de manifesto ás partes, para alegacións por prazo común de dez días, a seguinte posíbel causa de inadmisión do recurso:  Estar exceptuada do recurso de casación a resolución xudicial impugnada por haber recaído nun asunto cuxa contía non excede de 150.000 euros, pois téndose producido en vía administrativa unha acumulación de pretensións, ningunha destas, individualmente consideradas, excede razoabelmente o umbral cuantitativo fixado pola Lei para acceder ao mencionado recurso (artigo 87.1 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, da Xurisdicción Contencioso-Administrativa, en relación coas artigos 86.2 b), 41.3 e 42.1 a) do mesmo texto legal, así como doutrina reiterada deste Tribunal, por todos, Auto de 21 de outubro de 2002, recurso número 942/2000).

 O acorda a Sala e asina o Excmo. Sr. Maxistrado Poñente, Rafael Fernández Montalvo.  Esta circunstancia é notificada polo avogado da FAVEC á Comisión Permanente entre o martes 6 e o mércores 7 de outubro. Consultado o avogado que representou e representa á FAVEC neste proceso de reclamación desde o seu inicio, e realizadas consultas xurídicas adicionais, a Comisión Permanente decide por unanimidade na súa xuntanza ordinaria do xoves 8 de outubro desistir do recurso de casación no TS en base aos seguintes argumentos:

  • A moi probábel, non só posíbel, inadmisión por parte do TS por razón de contía do propio recurso. Conclusión compartida en todas as consultas xurídicas realizadas, e que ao noso entender queda reflexado no feito de que o TS decidise non condenar co pago de costas á FAVEC unha vez desistido o recurso.
  • O feito de que desistir deste recurso non suporía en ningún extremo a finalización da causa, senón un cambio de mecanismo legal, habendo no auto do TSXG do 09/12/2010 vías abertas para a continuación da reclamación.
  • A vontade da propia Comisión Permanente, desde a certeza de que a vía do recurso de casación non tiña percorrido polo xa explicado, de reactivar o proceso de reclamación co obxectivo de impedir que Concello e Concesionaria non devolvan, individualmente ou mediante compensación colectiva as cantidades pendentes de reintegro.
  • As posíbeis consecuencias legais no caso de resultar inadmitido o recurso de casación, nomeadamente o referido ás costas procesais.

A posíbel e desexada convocatoria dunha Asemblea Xeral Extraordinaria para que fose este organismo quen tomase a decisión de manter ou desistir do recurso de casación, foi desbotada unicamente motivada pola falta de tempo material para a súa realización, dado que o asunto abórdase nunha reunión da CP a ultima hora da tarde do xoves 7 outubro, e a decisión debe ser comunicada ao avogado da FAVEC o luns 11, tendo en conta ademais o feito antes referenciado de que a decisión tomada non impide a continuación do proceso. Porén, a Comisión Permanente entende a posíbel crítica ao feito de non ter convocado unha asemblea; crítica que admite e asume como unha posíbel equivocación.

A Comisión Permanente remite o 29 de outubro, unha circular a todas as asociacións federadas, na que da conta da decisión tomada e máis da súa fundamentación, e na que anuncia a súa vontade de abordar a situación do proceso e a súa reactivación nunha Asemblea Xeral Extraordinaria da FAVEC, que finalmente será convocada con carácter monográfico para o luns 22 de novembro de 2010, cun único punto na orde do día. Así mesmo, e fronte as intoxicacións que se están a realizar mediante o envío de correos electrónicos anónimos ás asociacións federadas e algunhas “informacións” recollidas nos medios de comunicación, a Comisión Permanente emite varias notas de prensa desmentindo a completa falsidade de ter renunciado á reclamación, que son tamén remitidas ás asociacións federadas. Serán as asociacións federadas ás que na AXE do 22 de novembro decidan a nova orientación da reclamación, e ao efecto a Comisión Permanente na súa xuntanza do 18 de outubro decide a elaboración do presente informe e a presentación dunha proposta concreta para o seu debate na asemblea.

Vigo, a 19 de novembro de 2010.

 A COMISIÓN PERMANENTE

_______________________________________________

Este informe foi presentado, para o seu debate, perante a Asemblea Xeral Extraordinaria da FAVEC do 22/11/ 2010.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: