A XUNTA DE GALICIA CONTINUOU HOXE COA ENTREGA DAS CHAVES DE 143 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA DE SAN PAIO DE NAVIA

  • As primeiras 90 vivendas entregáronse o pasado venres día 26, rematando mañá día 30 coa entrega das últimas 110 vivendas e asinándose no mesmo día os respectivos contratos e escrituras.
  • Quedan outras 41 vivendas, destinadas a realoxos e á cesión ao Concello de Vigo.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, continuou esta tarde na Delegación Territorial da Xunta en Vigo coa entrega das chaves das vivendas de promoción pública de San Paio de Navia aos seus adxudicatarios, unha vez que durante todo o día de hoxe se asinaron as escrituras de compravenda e os contratos de alugueiro correspondentes. Nesta ocasión, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, levou a cabo a entrega das chaves de 143 vivendas, correspondentes aos portais 1 e 2 do número 15 da Rúa As Teixugueiras, e aos portais 1 e 2 do número 17 da mesma rúa. A representante do Goberno galego felicitou aos adxudicatarios por rematar hoxe cun longo proceso no que se tiveron que solventar moitos problemas de índole administrativa ademais de recordar que a construción destas vivendas supuxo un investimento de máis de 50 millóns de euros, iniciado en 2004 cando era conselleiro de Política Territorial o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Ademais, salientou que o Goberno galego xa leva investidos 90 millóns de euros en San Paio de Navia, dos que 50 corresponden ás vivendas de promoción pública, 6 millóns á zona verde e 34 millóns ao plan de actuación urbanística (PAU), tendo que asumir sobrecustes que suman 8 millóns de euros por deficiencias nos proxectos da zona verde e nas VPP herdados do anterior goberno. Das 143 vivendas entregadas hoxe ás familias adxudicatarias, 60 corresponden ao réxime de compravenda e as 83 restantes ao de alugueiro, sendo correspondentes a 35 vivendas de 4 dormitorios, 60 de 3 dormitorios e 48 de dous dormitorios. O resto de vivendas, ata o total de 343 adxudicadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) comezaron a entregarse aos seus adxudicatarios o pasado venres día 26 e rematarán de entregarse mañá día 30 de novembro, no mesmo día en que se producirá a sinatura de escrituras de compravenda e contratos de alugueiro correspondentes. Así, mañá rematarase coa entrega das 110 vivendas dos portais 3 e 4 do número 17 da Rúa As Teixugueiras. Ademais destas 343 vivendas adxudicadas polo IGVS, existen outras 41 destinadas a realoxos (3) e cesión obrigatoria ao Concello de Vigo (38). En total, a meirande parte das 343 vivendas que se entregan nestes días dispoñen de tres dormitorios e superficies útiles entre 79 e 81 metros cadrados. Así, dispoñen de tres dormitorios 171 vivendas, das que 12 están adaptadas para o seu uso por persoas con mobilidade reducida e acadan superficie de ata 88 metros cadrados. Outras 91 vivendas dispoñen de dous dormitorios (entre 62 e 65 metros cadrados) e as 81 vivendas restantes son de catro dormitorios e entre 88 e 90 metros cadrados de superficie útil. Tódalas vivendas contan con cociña, baños, salón comedor, tendedeira, unha praza de garaxe e un trasteiro. As vivendas están equipadas con cociña e construídas coas mellores calidades, materiais e acabados ademais de contar coa máxima cualificación de eficiencia enerxética e ecolóxica grazas ao illamento térmico da fachada, ao sistema de calefacción con chan radiante e ao sistema de aproveitamento da enerxía solar e recuperación de calor da ventilación das vivendas. Ao tratarse de vivendas de promoción pública, os adxudicatarios, tanto no réxime de compravenda como no de alugueiro, reciben unha bonificación da Xunta de Galicia de ata o 50 por cento do prezo de venda ou do custe do alugueiro, de maneira que os prezos de venda das vivendas deste réxime que se entregan en San Paio de Navia oscilan entre 41.539 e 68.220 euros, dependendo da superficie de vivenda e das condicións económicas dos adxudicatarios. Polo que respecta ás vivendas en alugueiro, o custe mensual das mesmas oscila entre 89 e 170 euros.

 Proxecto de 2004

A historia destas 384 vivendas de promoción pública (343 entregadas polo IGVS máis 41 para realoxos e cesión ao concello) comeza a finais de setembro de 2004 cando na Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, dirixida polo actual Presidente da Xunta de Galicia, se inician as actuacións. En maio de 2005 contratase a redacción do proxecto básico aos arquitectos Fraga, Quijada, Portolés y Asociados, e presentase en Vigo o deseño previo das vivendas. Tamén se inician en 2005 os trámites para a licitación da redacción do proxecto de execución e a obra de construción, trámites que foron anulados polo goberno bipartito, que procedeu a licitar por separado a redacción do proxecto e a construción das vivendas, causando un retraso de arredor de un ano no inicio da construción das vivendas. As obras de construción das vivendas foron adxudicadas por un importe de 35.082.000 euros, pero o custe real das mesmas veríase incrementado en dúas ocasións ata chegar aos 41.900.025 euros. En decembro de 2008 a antiga Consellería de Vivenda e Solo autorizou a redacción dun modificado que finalmente supuxo un incremento de 5.766.013 euros, o que supón o 16,4 por cento do importe de adxudicación inicial da obra. Posteriormente foi preciso aprobar en decembro de 2009 un complementario para a execución de obras de urbanización na parcela en que se atopan emprazadas as vivendas, obras que non estaban previstas polo goberno anterior, que acadou un importe de 1.052.012 euros, polo que o importe total da obra ascendeu ao total de 41.900.025 euros.  A esta cifra á que hai que sumar os honorarios de redacción dos proxectos básico e de execución, redacción do modificado e complementario, certificación final de obra, custe de licenza municipal e as obras de arranxo do vial fronte ás vivendas para acadar un investimento total de 50.321.625,75 euros.

About Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: