A OBRA DE TEATRO PARA NENOS 'OS 4 DA XUNQUEIRA', PATROCINADA POR XACOBEO 2010, CHEGARÁ A SETE LOCALIDADES GALEGAS DURANTE O MES DE DECEMBRO
Vigo, A Coruña, Vilalba, Crecente, Redondela, Ourense e Santiago acollerán as funcións deste espectáculo sobre o vínculo entre mozos e maiores no rural.
- Música en directo, danza, acrobacia, monicreques e malabarismo danse cita nesta peza teatral, coproducida por Limiar Teatro, MAO e Agadic a través do Centro Dramático Galego.
A xira da obra de teatro para nenos Os 4 da Xunqueira, que conta co patrocinio de Xacobeo 2010 e que está incluída na súa programación de Camiño Infantil, chegará ao longo do mes de decembro a sete localidades galegas. Vigo, A Coruña, Vilalba, Crecente, Redondela, Ourense e Santiago acollerán as representacións deste espectáculo teatral e musical, baseado na historia da tradición oral Os Catro Amigos, presente tanto na cultura galega como na universal. Nesta peza teatral, coproducida por Limiar Teatro, MAO e Agadic a través do Centro Dramático Galego, participa un equipo moi novo formado por profesionais portugueses e galegos. O teatro, a música en directo, a danza, a acrobacia, monicreques e malabarismo danse cita neste espectáculo, no que tamén colabora o público a través de actividades interactivas relacionadas coa musicoterapia e outros elementos sensoriais. A peza, na que Can, Boi, Gata e Galo foxen da cidade, xira en torno ao despoboamento do rural e ao vínculo que se establece entre novos e maiores neste medio, presentando o mundo rural como algo valioso, como unha aventura por descubrir chea de posibilidades. A xira de Os 4 da Xunqueira, promovida dentro do XV aniversario de Ponte… nas ondas! inclúe máis de sesenta representacións ao longo de todo o 2010. Todas as funcións de decembro son de asistencia libre ata completar a capacidade das salas, agás a que se celebrará no Salón Teatro de Santiago de Compostela o vindeiro 26 de decembro, para a que é preciso mercar entrada.
PROGRAMACIÓN DECEMBRO
04/12/10 | Auditorio de Castrelos. Vigo | 19 horas |
05/12/10 | Auditorio de Beade, Vigo | 19 horas |
06/12/10 | Museo Verbum, Vigo | 17:30 horas |
07/12/10 | Museo Verbum, Vigo | 17:30 horas |
08/12/10 | Museo Verbum, Vigo | 17:30 horas |
13/12/10 | FORUM, A Coruña | 10:30, 12:30 |
14/12/10 | Auditorio Municipal, Vilalba | 11 horas |
15/12/10 | Colexio Municipal de Crecente | 12 horas |
16/12/10 | Multiusos Xunqueira, Redondela | 12, 19 horas |
17/12/10 | Auditorio de Teis, Vigo | 18:00 horas |
18/12/10 | Conservatorio da Florida, Vigo | 18:00 horas |
19/12/10 | Auditorio Cabral, Santa Mariña, Vigo | 18:00 horas |
20/12/10 | Auditorio Municipal, Ourense | 10:30; 12:30 |
21/12/10 | Auditorio Municipal, Ourense | 10:30; 12:30 |
26/12/10 | Salón Teatro, Santiago de Compostela | 19:00 horas |