A Deputación participará nun proxecto de aforro enerxético financiado pola UE, con outras 12 institucións de España e Portugal
O proxecto terá un investimento de 3,15 millóns de euros, dos cales 2,36 millóns estarán subvencionados polo Feder A Unión Europea, a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder), acaba de concederlle unha subvención de 2,37 millóns de euros a un programa de eficiencia enerxética no que participa a Deputación de Pontevedra chamado Retaler 2. O Servizo de Desenvolvemento Local e Fondos Comunitarios presentou varios proxectos na segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 dos cales resultou concedido o adicado a eficiencia enerxética. En total, o programa terá un investimento de 3,15 millóns de euros, dos cales 2,37 serán achegados pola UE e o restantes 788.000 polos socios participantes que son 13 institucións de España e Portugal entre os que está incluído o organismo que preside Rafael Louzán. Concretamente o proxecto foi solicitado pola Deputación de Pontevedra, a Deputación de Ourense, a Deputación de Badaxoz, a Deputación de Salamanca, a Deputación de Huelva, a Axencia Rexional de Enerxía e Ambiente do Algarve, a Comunidade Interrexional do Alentejo Central, o Organismo Autónomo para o Desenvolvemento Local da Deputación de Cáceres, a Asociaciaçao de Municipios da Terra Fría do Nordeste Transmontano, a Comunidade Alto Alentejo, a Axencia Rexional de Enerxía e Ambiente do Interior, o Clúster da Enerxía de Extremadura e a Mancomunidade de Muncipios de Serra de Gata. O obxectivo do proxecto é a cooperación entre autoridades locais para implantar medidas de aforro de enerxía e desenvolver proxectos de enerxías renovables na fronteira. O investimento nos proxectos presentados pola Deputación de Pontevedra será de 200.000 euros, que serán custeados nun 75% (150.000 euros) por Fondos Feder en un 25% (50.000 euros) polo organismo provincial.
Medidas da Deputación
O proxecto concreto presentado pola Deputación no mencionado programa Retaler 2 inclúe oito actividades. En primeiro lugar levarase a cabo unha auditoría enerxética en edificios e instalacións públicas para coñecer como se poden aplicar novas medidas de aforro. En segundo lugar, farase un estudo económico para substituír as caldeiras de gasóleo en edificios de titularidade municipal. O terceiro aspecto será realizar un análise de viabilidade da colocación de puntos de recollida de aceites usados para o seu posterior uso como biocombustible. O cuarto aspecto será realizar un cambio de luminarias e substitución de lámpadas en centros da Deputación de Pontevedra. O quinto punto será a implantación de puntos de recollida con contedores para aceite doméstico usado. En sexto lugar, instalaranse paneis solares térmicos nun centro da Deputación de Pontevedra. O sétimo aspecto será promover actividades de divulgación para sensibilizar sobre a xestión de recursos enerxéticos. Por último, haberá xornadas técnicas sobre distintas materias relacionadas coa eficiencia, como o alumeado interior e exterior, a domótica, a situación na que se atopan as enerxías renovables ou as fontes de financiamento, entre outras.
Outras medidas tomadas con anterioridade
Este proxecto Retaler 2 de eficiencia enerxética e enerxías renovables únese a outras medidas levadas a cabo pola Deputación como a planta de biogás que está a construír na Finca de Mouriscade, en Lalín, e que funcionará co purín que producen as vacas. Xunto a este, hai outros proxectos como o “Ecoredesaneasol”, que consistirá en subvencionar cinco depuradoras para que funcionen con enerxía solar e que tamén está financiado nun 75% por Fondos Feder e noutro 25% polo ente provincial. O proxecto de recollida de aceite doméstico para convertelo en biocomubustible nunha planta en Lugo é outro dos exemplos de aforro e eficiencia levado polo organismo que preside Rafael Louzán.