O CENTRO DRAMÁTICO GALEGO ABRE EN VIGO A XIRA QUE LEVARÁ O ESPECTÁCULO "SALOMÉ" A 14 ESCENARIOS GALEGOS E PORTUGUESES

 O Centro Cultural Novacaixagalicia será o 8 de xaneiro o primeiro destino deste periplo

  • María Mera como Salomé e Pepe Penabade como Herodes encabezan o elenco que completan María Salgueiro, Hugo Torres, Marcos Correa e Alberte Cabarcos

  • A versión galega da obra de Oscar Wilde que dirixiu Carlos Santiago pechou a súa exhibición en Compostela con 2.430 espectadores en 17 funcións

O Centro Dramático Galego inicia o vindeiro sábado 8 de xaneiro en Vigo o período de distribución da súa última montaxe, Salomé, dirixida por Carlos Santiago a partir da obra de Oscar Wilde. Tralo éxito de público obtido durante a súa exhibición no Salón Teatro de Compostela, onde congregou un total de 2.430 espectadores nas 17 funcións desenvolvidas, o espectáculo recalará no Centro Cultural Novacaixagalicia (sábado 8 de xaneiro ás 20.30 h) como primeira parada dunha xira que se estenderá ata finais de marzo e durante a que visitará un total de catorce escenarios (once galegos e tres portugueses). Despois da súa estadía en Vigo, o espectáculo exhibirase sucesivamente no Teatro Lauro Olmo do Barco (14 de xaneiro), Auditorio Municipal de Vilagarcía (4 de febreiro), Auditorio Gustavo Freire de Lugo (10 de febreiro), Teatro Municipal Área Panorámica de Tui (18 de febreiro), Teatro Principal de Pontevedra (22 e 23 de febreiro), Pazo da Cultura de Narón (25 e 26 de febreiro), Teatro Rosalía da Coruña (4 e 5 de marzo), Teatro Principal de Ourense (12 e 13 de marzo) e Teatro Jofre de Ferrol (17 e 18 de marzo). Ademais, a obra viaxará a Portugal, en concreto ao Centro Cultural Vila Flor de Gimarães (22 de xaneiro), Teatro Acert de Tondela (26 de xaneiro) e Theatro-Circo de Braga (28 e 29 de xaneiro). Finalmente, o período de exhibición de Salomé rematará no Salón Teatro, onde do 23 ao 26 de marzo se desenvolverán outras catro novas funcións.

 Reparto equilibrado

María Mera como Salomé e Pepe Penabade como Herodes encabezan o elenco que completan María Salgueiro, Hugo Torres, Marcos Correa e Alberte Cabarcos, seleccionado integramente mediante audición pública. Estes seis actores e actrices constitúen un reparto equilibrado e homoxéneo que dá vida os 15 personaxes da historia. No equipo artístico, Carlos Santiago tamén contou coas achegas de creadores e profesionais de recoñecido prestixio como Víctor Mosqueira na codirección, Fran Pérez (Narf) na banda sonora, Pancho Lapeña na escenografía, Baltasar Patiño no deseño de iluminación, Cloti Vaello no deseño de vestiario, Fausto Isorna no deseño gráfico, Uxía Vaello na coreografía e Fany Bell no deseño de maquillaxe.

 En Galilea

A acción, que transcorre nun único acto, sitúase no país mítico de Galilea, onde o tetrarca Herodes Antipas celebra o seu aniversario cun banquete organizado na súa honra pola alta sociedade xudía. Nas traseiras do evento, o equipo de produción traballa baixo o luar incomodado pola voz iracunda de Iokanaán, profeta popular e mesiánico sometido a dura prisión no cortello dos porcos, onde o tetrarca adoita facer desaparecer os seus peores inimigos. Mesmo así, Iokanaán non se farta de denunciar a corrupción e inmoralidade que envolve o goberno de Herodes. As palabras terribles do profeta chaman a atención de Salomé, fillastra de Herodes, moza de virxinal beleza por quen suspira toda a corte, incluído o seu padrasto, que sente por ela unha paixón inconfesable e politicamente comprometida. Salomé, celosa da súa virxindade pero posuída por escuras paixóns, encapríchase de Iokanaan e desencadea unha sanguenta traxedia.

 Lectura satírica

A través dunha posta en escena arriscada, o espectáculo ofrece unha lectura máis satírica e política, mantendo o simbolismo e o ton poético orixinais, pero eliminando os exotismos orientais e as interpretacións relixiosas. Nesta versión, a traxedia segue acontecendo en Galilea, pero nun contexto contemporáneo e máis próximo ao espectador, aínda que de carácter fantástico. Á parte deste anacronismo premeditado, a adaptación ao galego de Pepe Sendón é fiel ao texto orixinal, de xeito que incide no retrato descarnado das paixóns humanas asinado polo autor dublinés, así como na súa crítica ao poder e ao puritanismo moral. Hai tamén unha deliberada renuncia á creación dun ambiente de luxo e riqueza de inspiración orientalista visible na escenografía. Trátase dun espazo sobrio, dobrado en dous: un exterior, presidido por un vulgar cortello que encerra ao profeta, situado diante da grella onde se prepara o churrasco do xantar popular. E outro interior, cunha rústica mesa ao redor da cal senta o candidato Herodes e os seus principais convidados.

 Venda de entradas

A venda anticipada de entradas para a función de Salomé en Vigo está xa dispoñible a través da billeteira electrónica da web http://www.servinova.com e do teléfono 902 4344 43. No despacho de billetes do Centro Cultural Novacaixagalicia poderán adquirirse, ao prezo de 10, 8, 6 e 3 euros, o propio sábado 8 desde ás 18.30 horas.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: