A XUNTA REORIENTA A FORMACIÓN PARA DESEMPREGADOS CO OBXECTIVO DE AXUSTALA Á DEMANDA REAL E VINCULÁNDOA AOS CERTIFICADOS DE PROFESIONALIDADE

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presentou hoxe esta reformulación, a primeira que realiza un Goberno da Xunta na formación inscrita nas políticas activas de emprego
  • Un total de 23.000 persoas poderán beneficiarse destas actividades desde finais de febreiro, que contan cun investimento de máis de 53 millóns de euros, un cinco por cento máis que o ano anterior
  • O obxectivo é mellorar a eficacia dos cursos para aumentar as competencias profesionais dos participantes de xeito que, ao mesmo tempo, isto se reflicta no currículo cun certificado oficial
  • Os ámbitos preferentes dos cursos serán os sectores onde se detectaron máis posibilidades de inserción: hostalería e turismo, servizos de dependencia, sector agrario e enerxías renovables
  • Galicia é unha das dúas comunidades autónomas que ten habilitado axudas económicas para as persoas con menos recursos que acceden a estes cursos de formación

A Consellería de Traballo e Benestar vén de reorientar a formación para desempregados co fin de ligala aos certificados de profesionalidade, con validez en todo o territorio nacional, e co obxectivo de axustala ás necesidades e demandas do mercado laboral. En definitiva, trátase de poñer en marcha unha formación de “alto nivel de calidade e excelencia”. Así o anunciou hoxe en rolda de prensa a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que estivo acompañada pola directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López. “É a primeira vez que o Goberno da Xunta aborda unha reorientación da formación, dentro das políticas activas de emprego. Isto só pode ser entendido desde a prioridade que este Goberno outorga ao emprego”, apuntou a titular do departamento autonómico. Sinalou, tamén, que parte do consenso, xa que foi realizada de acordo cos axentes presentes no proceso do diálogo social. A formación para desempregados beneficiará desde finais de febreiro a unhas 23.000 a través de 1.500 accións formativas que se prolongarán ata finais de ano. Para isto a Xunta destinará un investimento inicial superior aos 53 millóns de euros, unha contía que incrementa nun 5 por cento á investida no mesmo concepto durante o exercicio anterior. Esta reorientación, que parte dun amplo estudo previo, pretende redundar “de forma palpable” na mellora da competitividade e empregabilidade dos traballadores galegos, aos que se lles outorgará unha “certificación recoñecible”, homologada tamén polo Ministerio de Trabajo. O feito de vincular a formación aos certificados de profesionalidade suporá, na práctica, que se impartirán novos programas de formación “normalizados e con recoñecemento tanto no sistema educativo como no laboral, e asociados ás cualificacións recoñecidas tanto en España como no Marco Europeo das Cualificacións”. Esta novidade, proseguiu Mato, implicará tamén pedir novos requisitos, tanto ao profesorado como aos alumnos. No caso dos docentes, para garantir a mellor profesionalidade; e no caso do alumnado para esixirlles os títulos académicos, ou ben a acreditación das competencias claves, que garantan un bo aproveitamento do curso e unha homoxeneidade entre os alumnos. As competencias clave son aquelas competencias básicas para poder aproveitar un cursos (como lingua, matemáticas…). Estas poden acreditarse ben a través dun título como o da ESO, ou ben pasando por unhas probas que Galicia convocou por primeira vez en 2010, o que a converteu na primeira comunidade autónoma en facelo. Durante o ano pasado, participaron nestas probas máis de 1.700 persoas –a práctica totalidade obtivo a acreditación dunha ou máis competencias clave-, mentres que na terceira convocatoria, que empeza hoxe mesmo, inscribíronse máis de 2.000 persoas.

 Avaliación continua

Por outra banda, a nova formación garante unha “avaliación continua, real e efectiva dos alumnos” a través de métodos de “fiabilidade e validez”. “Isto favorece que os certificados teñan recoñecemento e prestixio no mercado laboral”, avanzou Mato. Ademais, establécese un plan de seguimento e control da calidade, tanto interna como externa, sobre as propias accións formativas. Tamén se promoverán as pasarelas entre os distintos subsistemas de formación, e entre estes e o mundo laboral. Deste xeito, por exemplo, as unidades de competencia acreditadas a través da formación para o emprego son convalidables con módulos e, no seu caso, títulos de FP, e viceversa. A reorientación da formación ten tamén en conta os ámbitos preferentes para os que se realizarán os cursos de formación, baseados nos estudos do Instituto Galego de Cualificacións, que determina aqueles perfís con máis posibilidades de inserción. Así, os ámbitos preferentes son: hostalería e turismo, servizos de dependencia, sector agrario, e enerxías renovables. O estudo tamén valora as particularidades concretas de cada zona, como pode ser no caso de comarcas que estean moi vinculadas a un determinado sector. “Non se trata de facer máis nin menos cursos, senón dunha planificación axeitada e axustada ás necesidades do mercado laboral”, asegurou. En definitiva, resumiu a conselleira, trátase de apostar “pola calidade, pola formación certificada e con avaliación oficial, e pola transparencia do mercado de traballo e o axuste de oferta e demanda”. Todos estes valores xa están reflectidos na orde de formación para desempregados, que se publicou o pasado venres. Todo isto permitirá “fortalecer aos traballadores e traballadores durante e despois desta crise” e axudalos a atopar unha nova oportunidade, ao contar con novas habilidades e recursos profesionais, ademais de poder reciclarse de cara a sectores “con máis posibilidades”. De feito, este é o obxectivo principal das políticas activas de emprego: mellorar a empregabilidade dos participantes, aínda que non xeren emprego en si mesmas. Ademais, esta formación será o máis axustada posible ás aptitudes e necesidades de cada desempregado. Isto é posible xa que, a día de hoxe e en cumprimento dos acordos do diálogo social, xa está “moi avanzada” a nova clasificación dos demandantes de emprego, que estará finalizada no próximo mes de abril.

 Axudas

Por último, cabe salientar que Galicia é a unha das dúas comunidades autónomas que ten posto en marcha axudas económicas destinadas ás persoas coas rendas máis baixas que realicen cursos de formación, sempre que estea acreditado que estas actuacións formativas melloran as súas posibilidades de inserción. Así, desde o ano pasado, a Consellería de Traballo e Benestar habilitou axudas –cunha contía de ao redor de 400 euros- para aquelas persoas que teñan unha unidade familiar con ingresos inferiores ao 75 por cento do IPREM. Estas axudas están dirixidas a aquelas persoas que conten cun itinerario personalizado de inserción e que acudan a un curso que vaia aumentar, de xeito real e efectivo, a súa empregabilidade.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: