ECONOMÍA E INDUSTRIA I+D+I REUNIÓN ASOCIACIÓN PARGA PONDAL

  • O director xeral de I+D+I e o secretario xeral de Universidades reuníronse co representante da Asociación de Investigadores Parga Pondal para trasladarlle o compromiso da Xunta cos recursos humanos dun xeito máis eficiente a partir deste exercicio
  • O novo Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento, dotado con 192 millóns de euros para o 2011, ten como un dos seus retos e obxectivos máis inmediatos a xestión axeitada do talento investigador e innovador

A aposta da Xunta de Galicia polos recursos humanos ligados ao Sistema Galego de I+D+I, que supuxo un gasto público de 28 millóns de euros para darlle soporte aos contratos de 834 investigadores e tecnólogos en 2010, verase reforzada no presente exercicio a raíz da posta en marcha do novo Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C) 2011-2015. Así llelo expuxo esta mañá o director xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla, ao presidente da Asociación Isidro Parga Pondal, Antonio Manuel Rodríguez Castro, durante unha reunión celebrada en Santiago, que contou coa presenza do secretario xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, José Alberto Díez de Castro. O encontro foi convocado pola Xunta para informar ao representante do colectivo de investigadores beneficiados polo Programa Isidro Parga Pondal do desglose do investimento realizado pola Administración autonómica en materia de recursos humanos de I+D durante o ano 2010 e da inminente convocatoria de novas prazas ao amparo do Parga Pondal. As axudas concedidas aos axentes do Sistema Galego de I+D+I para o financiamento de contratos que supoñan a incorporación laboral de investigadores e tecnólogos beneficiaron sobre todo ás tres universidades galegas e concentraron a maior partida executada en 2010 no Programa Isidro Parga Pondal, que permite a contratación durante tres anos de doutores cunha formación investigadora acreditada en organismos científicos estatais ou estranxeiros. O investimento total por parte da Consellería de Economía e Industria durante o pasado exercicio neste programa ascendeu a 7,18 millóns de euros, cos que se financiaron as prórrogas dos contratos de 195 investigadores. A estes hai que sumarlles os 1,3 millóns para 15 novos contratos que computan xa neste exercicio 2011. O director xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria trasladoulle ao representante dos investigadores que un dos retos e obxectivos máis inmediatos do novo Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento é a xestión axeitada do talento investigador e innovador como elemento fundamental para garantir os niveis de excelencia e competitividade necesarios. Neste sentido, Capilla mostrouse convencido de que os primeiros beneficiados por unha política de recursos humanos dimensionada e axustada ás necesidades do Sistema Galego de I+D+I son os investigadores e tecnólogos, que “por primeira vez verán apoiadas as súas expectativas laborais con base en demandas reais e, polo tanto, con posibilidades de consolidación das súas carreiras profesionais ben fundamentadas”.

 Outros programas para investigadores

Á marxe do Programa Isidro Parga Pondal, a fase de formación de investigadores subvencionouse en 2010 con 3,82 millóns de euros a través do Programa María Barbeito, dirixido a financiar a contratación de titulados superiores en etapa predoutoral en grupos de investigación das universidades ou doutros organismos e do que se beneficiaron 219 profesionais. O Programa Ángeles Alvariño, destinado a darlle soporte á contratación de investigadores que acadaran o doutoramento recentemente, recibiu unha dotación de 4,26 millóns de euros para os contratos de 147 persoas no recén rematado exercicio. A contratación de investigadores consolidados de alto nivel recibiu, por unha parte, 693.600 euros a cargo do Programa Manuel Colmeiro, con axudas para garantir a continuidade de 16 investigadores de alto nivel nas tres Universidades galegas. Por outra parte, destináronse 1,6 millóns ao Programa I3 de Incentivación da Incorporación e Intensificación da Actividade Investigadora en Galicia, que financia a contratación estable de investigadores cunha traxectoria destacada no Sistema Público de I+D+I, favorece a captación de investigadores españois ou estranxeiros de recoñecida experiencia e incentiva a incorporación de investigadores mozos con alto potencial en grupos emerxentes e consolidados. En 2010 beneficiáronse deste programa 10 profesionais.

 Tecnólogos e xestores de innovación

O apoio á incorporación de tecnólogos a centros de I+D públicos e privados, ata o de agora instrumentado mediante o Programa Isabel Barreto, foi o segundo concepto por contía económica en 2010, cun investimento de 4,74 millóns de euros para financiar contratos cunha duración de dous anos e dos que se beneficiaron 155 tecnólogos. Esta liña complementouse cunha partida de 1,85 millóns de euros para os 92 beneficiados polo Programa Lucas Labrada, co obxectivo de fomentar a formación e a especialización de tecnólogos e axentes de innovación e xestión de proxectos de I+D+i en organismos públicos e privados, tamén cunha duración de dous anos por contrato. Ademais destas actuacións, en 2010 iniciouse tamén o Proxecto da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA), que supuxo o adestramento de medio cento de profesionais na xestión da innovación e o cofinanciamento dos seus custos laborais durante os primeiros tres anos como parte do persoal das pemes galegas beneficiarias. En total, investíronse 277.525 euros para a posta en marcha desta iniciativa. A contía total destinada aos recursos humanos do Sistema Galego de I+D+I complétase con 1,2 millóns de euros destinados ao financiamento de estadías de investigación en centros do exterior e 2,3 millóns de euros correspondentes a iniciativas de 2009 que foron executadas no pasado exercicio.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: