FEIJÓO DESTACA QUE A FINAIS DE 2011 OS PAIS E NAIS GALEGOS CONTARÁN CON MÁIS DE 2.700 NOVAS PRAZAS PÚBLICAS PARA NENOS DE 0 A 3 ANOS, UN 20% MÁIS QUE AO COMEZO DA LEXISLATURA
O titular do Goberno galego avanza que, ao longo deste ano, a Xunta porá en marcha 1.000 novas prazas públicas en arredor de 25 escolas infantís, “o que supón ir aproximándonos á ratio da Unión Europea”
Incide en que, “pese aos recortes orzamentarios, temos o obxectivo da lexislatura de construír 4.500 novas prazas en escolas e en garderías infantís”
- Aposta polo crecemento dos concellos galegos “porque iso significa apostar polo crecemento de Galicia; e facémolo sobre todo en dous ámbitos: no emprego e no benestar”
- No eido do emprego, destaca o mantemento do Fondo de Cooperación Local, “e aumentamos un 20% os fondos destinados a que os concellos podan contratar a persoal imprescindible para as súas tarefas”
- Asegura que “Galicia ten unha política económica responsable e rigorosa que incrementa a solvencia de España” e di que “non vamos aprazar decisións inaprazables como é un catálogo de fármacos que supón a garantía de financiamento de todos os fármacos e, entre dous fármacos iguais, o financiamento do fármaco de menor prezo”
- Lembra que o Goberno galego dedica tres de cada catro euros do presuposto do ano 2011 ao benestar
- Salienta o desbloqueo da PLISAN “unha boa noticia para Galicia porque supón desbloquear un dos grandes parques loxísticos da comunidade, con máis de 3 millóns de metros cadrados de solo industrial para saír da crise económica”
- Fai unha chamada ao rigor e á responsabilidade de todas as administracións públicas para contribuír á solvencia económica de España e “ao mantemento do estado do benestar desde políticas de gasto público responsables e priorizadas e desde decisións inaprazables como é a redución racional do gasto farmacéutico”
- Resalta que o catálogo de fármacos que a Xunta, a través do Parlamento, está poñendo en práctica, supón un aforro diario de 300.000 euros
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta mañá, durante a visita á escola infantil de A Cañiza, que, a finais de 2011, os pais e nais galegos contarán con máis de 2.700 novas prazas públicas para nenos de 0 a 3 anos, un 20% máis que ao comezo da lexislatura. Deste xeito, Feijóo avanzou que, ao longo deste ano, a Xunta porá en marcha 1.000 novas prazas públicas en arredor de 25 escolas infantís, “o que supón ir aproximándonos á ratio da Unión Europea, unha ratio óptima que se concreta no 33%. Neste momento, xa estamos no 26%, cando ao inicio da lexislatura partíamos do 21%”. O titular autonómico lembrou que, desde que o novo Goberno chegou á Xunta creáronse 1.700 novas prazas públicas para nenos de 0 a 3 anos; “ese é o balance dos 18 primeiros meses de Goberno”. E resaltou o compromiso de ir adecuándonos ata os mellores países da UE en número de prazas. Deste xeito, Feijóo incidiu en que, “pese aos recortes orzamentarios, temos o obxectivo da lexislatura de construír 4.500 novas prazas en escolas e en garderías infantís”.
Aposta polo crecemento dos concellos; unha aposta polo emprego e polo benestar Neste momento de dificultades económicas, o presidente da Xunta reiterou a aposta polo crecemento dos concellos galegos “porque iso significa –dixo- apostar polo crecemento de Galicia; e facémolo sobre todo en dous ámbitos: no emprego e no benestar”. “No emprego, co mantemento do Fondo de Cooperación Local, dotado en 2011 con máis de 114 millóns de euros e aumentamos un 20% os fondos destinados a que os concellos podan contratar a persoal imprescindible para as súas tarefas. E no benestar, asumindo unha tarefa de tanta responsabilidade como é manter as prestacións públicas que xa existen e mesmo incrementar as prestacións do benestar, a pesar do recorte orzamentario, facendo o que intentamos facer desde o principio que é prescindir do prescindible para investir no imprescindible”, subliñou.
Galicia, unha comunidade responsable e rigorosa
O presidente da Xunta afirmou que, nun momento como o actual, a obriga dunha autonomía responsable e rigorosa é discernir o prioritario daquilo do que se pode prescindir. “Galicia ten un compromiso: ser unha comunidade responsable e rigorosa para contribuír, co noso esforzo, e incrementar a solvencia económica de España; e ser unha comunidade responsable e rigorosa para, a través da nosa política social, garantir o estado do benestar e incrementalo en plena crise económica”. “Galicia ten unha política económica responsable e rigorosa que incrementa a solvencia de España. De feito, non fixemos outra cousa que practicar a austeridade. Cando comprometemos menor número de consellerías, de altos cargos e de persoal de confianza e de gastos en teléfonos e en enerxía e en parque móbil, cumpríamos ese compromiso. Cando estamos pagando en prazo, estamos contribuíndo á solvencia de España; cando non gastamos máis do que debemos, estamos contribuíndo á solvencia de España; e cando pagamos o que debíamos, tamén”. Deste xeito, Feijóo afirmou que “non vamos aprazar decisións que son inaprazables como acometer unha redución rigorosa e responsable do gasto farmacéutico. Non vamos aprazar decisións inaprazables como é un catálogo de fármacos que supón a garantía de financiamento de todos os fármacos e, entre dous fármacos iguais, o financiamento do fármaco de menor prezo”. Segundo o presidente da Xunta, Galicia ten unha política social responsable e rigorosa, “porque pretendemos garantir o gasto social e por iso dedicamos tres de cada catro euros do presuposto do ano 2011 ao benestar. Dedicámolos a educación, cando incrementamos un 20% o número de prazas de garderías ou cando apostamos en Primaria e Secundaria por máis coñecemento de idiomas e máis ordenadores nas aulas. Dedicámolos a sanidade, cando temos o compromiso de construír o 50% das camas públicas do servizo galego de saúde novas, nesta lexislatura, ou cando temos o compromiso de poñer en marcha tres novos hospitais públicos. E dedicámolos a servizos sociais, cando incrementamos en máis de 2.000 novas prazas públicas para atender aos nosos maiores; cando estamos atendendo o triplo de dependentes que atendíamos no ano 2009 ou cando aprobamos o Plan para as persoas con Discapacidade”.
Os concellos avanzan, Galicia avanza
Diante deste panorama, aseverou que, en definitiva, neste momento de crise económica, “Galicia é unha comunidade responsable e rigorosa, que toma as decisións que son necesarias e que lle permiten afrontar a crise económica con solvencia económica e cuns servizos públicos asegurados e reforzados a pesar das dificultades”. Así mesmo, resaltou que Galicia avanza, porque avanzan os seus concellos. E, neste sentido, referiuse ao Concello de Mondariz, onde se puxo en marcha o centro de día, con 20 novas prazas públicas; e ao Concello de A Cañiza, coa posta en marcha da Escola infantil, con 43 novas prazas públicas, máis do dobre das que existían anteriormente. “A posta ao día do saneamento da Cañiza, cun investimento de máis de 3 millóns de euros, é un paso adiante para este concello pero tamén para poder completar a rede de abastecemento e de saneamento en toda Galicia; e a posta ao día de infraestruturas viarias e dos núcleos urbanos da Cañiza, con 3 millóns de euros, é un paso adiante para este concello pero tamén é fundamental para a mobilidade de toda Galicia”, afirmou. Así mesmo, referiuse tamén á aposta pola formación dos desempregados da Cañiza, “como fixemos o pasado ano cun investimento de algo máis de 300.000 euros”; e ao desbloqueo da PLISAN, “unha boa noticia para os concellos de Salvaterra-As Neves, pero tamén para a súa zona de influencia como é A Cañiza. Pero sobre todo unha boa noticia para Galicia porque supón desbloquear un dos grandes parques loxísticos da comunidade autónoma, con máis de 3 millóns de metros cadrados de solo industrial para saír da crise económica”. Por último, Feijóo quixo facer unha chamada ao rigor e á responsabilidade de todas as administracións públicas. “Facer unha chamada nos momentos de extraordinaria dificultade a contribuír á solvencia económica de España e a contribuír ao mantemento do estado do benestar desde políticas de gasto público responsables, desde políticas de gasto público priorizadas e desde decisións inaprazables como é a redución racional do gasto farmacéutico”. Neste sentido, lembrou que o catálogo de fármacos que a Xunta, a través do Parlamento, está poñendo en práctica, supón un aforro diario de 300.000 euros. “O custe desta escola infantil en A Cañiza se podería pagar e financiar na súa totalidade con dous días de posta en vigor do catálogo de fármacos”, concluíu.