HERNÁNDEZ SINALA QUE A AMPLIACIÓN DO TÚNEL DE BEIRAMAR ESTARÁ REMATADA A FINAIS DESTE ANO E GARANTE QUE O PLAN DE OBRA PERMITIRÁ O MANTEMENTO DAS ACTIVIDADES PORTUARIAS
O conselleiro destaca que, tal e como se comprometera o Goberno galego, as obras de remate das zonas verdes de San Paio de Navia comezaron a principios de xaneiro
O obxectivo prioritario desta ampliación será conectar directamente a AP- 9 coa rúa da Coruña, un dos eixos vertebradores da cidade olívica, pero mantendo parte do tráfico en superficie para garantir a accesibilidade e a operatividade das instalacións portuarias- O conselleiro de Medio Ambiente recorda que o Porto de Vigo vén de conseguir a certificación Emas, un símbolo da xestión moderna, transparente e de participación
A Xunta de Galicia está a redactar o proxecto de ampliación do túnel de Beiramar, actuación que se prevé rematada a finais deste ano. Así o puxo de manifesto esta mañá o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, na reunión que mantivo con representantes de armadores antes de facer entrega do certificado EMAS ao Porto de Vigo. Hernández explicou as características deste proxecto e indicou que resulta primordial o mantemento da circulación de transportes especiais dada a importancia para as empresas implantadas na zona portuaria. Está prevista a conservación do acceso pola rúa Coruña, proposta viable, xa que a opción actual pretende finalizar o túnel antes da glorieta da citada rúa para continuar ata Bouzas nunha fase posterior. Neste senso, no proxecto faise especial fincapé na compatibilidade das necesidades portuarias e urbanas pola área do túnel de Beiramar. O obxectivo prioritario desta actuación será conectar directamente a AP- 9 coa rúa da Coruña, un dos eixos vertebradores da cidade olívica, pero mantendo parte do tráfico en superficie para garantir a accesibilidade e a operatividade das instalacións portuarias. O titular de Infraestruturas indicou que o sistema construtivo plantexado permite executar as obras cunha mínima afección. Realizarase un plan de obra detallado que permita o mantemento de todas as actividades das empresas ubicadas na zona do proxecto. O Goberno galego é consciente de que a proposta de ampliación ten unha serie de vantaxes entre as que destacan a posibilidade de dar continuidade ao túnel xa en servizo. Resolverase a afección ao asteleiro de Barreras e reducirase considerablemente o tráfico na glorieta do Berbés.
Certificado Emas
O conselleiro subliñou que o Porto de Vigo vén de ser distinguido por un dos certificados máis prestixioso da Unión Europea e o máis esixente en xestión ambiental a nivel mundial, o EMAS (Sistema Comunitario de Xestión e Auditorías Medioambientais). Sinalou que se trata dun dos poucos portos a nivel mundial que conta con estes sistemas de xestión, dado que o grado de esixencia deste regulamento é dos máis restritivos e ambiciosos. Tal e como manifestou o conselleiro, esta certificación é un símbolo da xestión medioambiental moderna, que se lle quere dar ao Porto de Vigo, mediante unha forma de xestión transparente e de participación medio ambiental, demostrando o máximo compromiso co medioambiente. A modo de exemplo, sinalou que o Porto colabora activamente no plan de saneamento da Ría de Vigo, posto que realiza un esforzo importante en materia de saneamento integral de augas urbanas e do proceso produtivo de toda a zona de servizo do Porto. Este traballo tradúcese na instalación de depuradoras ou na conexións da rede de saneamento do Porto á rede de saneamento municipal, con obras cuxo importe supera o millón de euros. Tamén recordou que a súa xestión dos residuos é pioneira a nivel español e europeo, xa que se rexistraron ratios de reciclaxe superiores ao 65%, que conlevaron a redución do gasto en máis de 100.000 euros, ademais de reducir a contaminación e xerar postos de traballo. Sen dúbida, este certificado supón un recoñecemento e un gran paso no permanente compromiso do Porto de Vigo por mellorar os seus servizos e a situación do medioambiente da Ría de Vigo.
Parque San Paio de Navia
Por outra parte, Agustín Hernández tamén destacou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) reiniciou as obras do parque de San Paio de Navia a semana pasada, polo que no vindeiro mes de febreiro remataranse as obras de urbanización desta zona da Cidade olívica, tal e como se comprometera o Goberno galego a finais de decembro. A zona verde de San Paio de Navia, o gran parque central da urbanización, ocupa 89.217 metros cadrados e cando estea rematado será o segundo parque máis grande da cidade. Esta infraestrutura está sendo executada por Xestur Pontevedra en virtude da encomenda do Instituto Galego da Vivenda e Solo. As obras pendentes de remate na gran zona verde de San Paio de Navia afectan a pavimentos, xardinería, instalacións de enerxía solar e alumeado e redes de rego, fundamentalmente, pero tamén serán necesarias reparacións en elementos xa instalados. As partidas máis importantes son as correspondentes a xardinería e instalacións de enerxía solar. No caso de xardinería plantaranse arredor de cen árbores e cubriranse preto de 800 metros lineais de plantas trepadoras, sementaranse 11.300 metros cadrados de céspede e 6.100 de hidrosementeira, máis de 7.000 metros cadrados de arbustos tapizantes e preto de 2.000 metros cadrados de gramíneas. No que respecta ás instalacións de enerxía solar con que contará o parque, instalaranse 39 módulos fotovoltaicos e tódolos elementos necesarios para a súa conexión á rede. Finalmente, tamén destacan as obras necesarias para o remate da rede de alumeado público coa instalación, entre outros elementos, de máis de 40 luminarias empotradas no chan. Cómpre recordar que o Consello de Administración de Xestur Pontevedra tomou a decisión de rescindir no mes de novembro o contrato coa empresa Bruesa Construción S.A. A finais de decembro, Xestur Pontevedra adxudicou as obras de remate da zona verde de San Paio de Navia á empresa Movex Vial, S.L., por importe de 677.533 euros máis ive.