ECONOMÍA E INDUSTRIA DECRETO DO CARBÓN

  • O conselleiro de Economía e Industria sostén que Galicia non se opón ao desenvolvemento da minería do carbón nacional noutros puntos de España, pero lembra que non se poden trasladar os problemas sociais e económicos dunhas comunidades a outras
  • Considera sorprendente que o Goberno Central vaia solicitar a Galicia que retire o recurso interposto en Europa contra a regulamentación, “porque o Ministerio de Industria non atendeu ningún dos nosos requerimentos, a pesares de que a norma pode custar á nosa Comunidade Autónoma 3.000 empregos e máis de 1.000 millóns de euros en investimentos”
  • O Goberno central non tivo en conta en ningún momento os negativos efectos da entrada en vigor deste real decreto en Galicia, e moito menos os trasladou á Comisión Europea, que unicamente coñeceu de primeira man os prexuízos ocasionados a Galicia grazas ás accións feitas dende a propia Consellería

  O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, afirmou hoxe que a Xunta sempre defenderá os intereses de Galicia para evitar os negativos efectos do chamado real decreto do carbón sen que isto supoña estar en contra do desenvolvemento da minería do carbón nacional noutros puntos de España, posto que “non se pode tolerar nin xustificar que se autoricen unhas axudas incompatibles co mercado interior, traspasando os problemas sociais e económicos dunhas comunidades a outras”. Javier Guerra considera “sorprendente” que o Goberno de España teña pensado solicitar á Xunta de Galicia que retire o recurso interposto ante o Tribunal Europeo contra o coñecido como decreto do carbón “cando foi, precisamente, o Ministerio de Industria do Goberno Central o que non atendeu ningún dos requerimentos feitos por este departamento, e que incluíron até tres cartas dirixidas ao propio ministro, para que Galicia fora escoitada ante a posta en marcha dunha regulamentación que pode custar á nosa Comunidade Autónoma 3.000 postos de traballo e máis de1.000 millóns de euros en investimentos”. O conselleiro de Economía e Industria afirmou que o Goberno central “non tivo en conta en ningún momento os negativos efectos da entrada en vigor deste real decreto en Galicia, á que non quere escoitar, e que suporá a paralización das nosas centrais térmicas, a redución da actividade dos ciclos combinados e un notable impacto nos portos da Coruña e Ferrol, e moito menos os trasladou á Comisión Europea, que unicamente coñeceu de primeira man os prexuízos ocasionados a Galicia grazas aos escritos que se remitiron dende a propia Consellería e á presenza do director xeral de Industria en Bruxelas xuntos cos alcaldes de Cerceda e As Pontes”. Javier Guerra, unha vez máis, rebateu a xustificación da autorización do real decreto, baseada no feito de garantir o subministro eléctrico empregando o carbón nacional, única enerxía primaria autóctona e polo tanto reservas estratéxicas, alegando que España exportou en 2009 case o 6% da enerxía eléctrica que produxo, “polo que non parece que haxa moitos problemas de subministro”. O conselleiro de Economía e Industria lembra ademais que a decisión da Comisión Europea a instancias do Goberno central penaliza a Galicia despois “de ter pechado as nosas minas, e de ter levado adiante investimentos para adaptar e modernizar as nosas térmicas e crear os ciclos combinados de Sabón e As Pontes, e todo para reforzar o sistema eléctrico español e cumplir co protocolo de Kyoto reducindo as  emisións contaminantes á atmósfera”, e esixiu que se harmonicen os intereses dos distintos territorios. Javier Guerra salienta que o seu departamento e o Goberno da Xunta seguen dispostos, “como xa manifestamos en reiteradas ocasións, a atopar a solución máis axeitada xunto co Ministerio de Industria, sempre tendo como principio fundamental o feito de que este real decreto, en ningún momento, poida ter o máis mínimo impacto sobre o emprego directo e indirecto asociado ás centrais térmicas de As Pontes e Cerceda”.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja un comentario