ROBERTO VARELA INAUGUROU ESTA MAÑÁ O ESPAZO DE PROMOCIÓN DO TURISMO DE GALICIA EN FITUR 2011

  • O conselleiro de Cultura e Turismo asegurou que “Galicia presenta en Fitur 2011 un stand de primeiro nivel, onde os protagonistas principais son a celebración do 800 Aniversario da Catedral de Santiago, a Cidade da Cultura e a marca turística propia Galicia, gárdasme o segredo?”.
  • Un cilindro central preside o stand de Galicia para dar a coñecer, a través de proxeccións inmersivas, as particularidades da arquitectura da Cidade da Cultura. Outros dous cubos de proxección facilitan ao visitante navegar polos canóns da Ribeira Sacra ou meterse na pel dos percebeiros da Costa da Morte.
  • Turgalicia habilitou a web galiciameguardaselsecreto.com, a través da cal se poderán seguir en tempo real todas as actividades e presentacións que teñan lugar no stand do Turismo de Galicia.

 Madrid, 19 de xaneiro de 2011.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela,  asistiu esta mañá aos actos inaugurais da Feira Internacional de Turismo (Fitur), no recinto feiral Ifema de Madrid, onde Galicia presentará ata o vindeiro domingo día 23 a oferta turística da comunidade nun stand de 1.421 metros cadrados de superficie, instalado pola Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, dependente da Consellería de Cultura e Turismo. Roberto Varela, despois asistir á inauguración oficial de Fitur 2011, que estivo presidida pola Súa Maxestade a Raíña de España Dona Sofía, salientou que “tras o éxito do Xacobeo 2010, o sector turístico debe de continuar sendo un dos principais factores de crecemento económico de Galicia”, e recordou que este sector significa “o 10,5% do PIB galego”. Para seguir acadando estas boas cifras o conselleiro asegurou que “Galicia presenta en Fitur 2011 un stand de primeiro nivel, onde os protagonistas principais son a celebración do 800 Aniversario da Catedral de Santiago, a Cidade da Cultura de Galicia e a marca turística propia Galicia, gárdasme o segredo?”. O conselleiro de Cultura e Turismo afirmou que a Marca Galicia vai ter “un enorme éxito e impactará nos turistas potenciais, porque presenta unha comunidade atractiva, auténtica, con misterio e maxia, sosego, a conexión cun mesmo e cos demais, destacando o carácter acolledor e amable dos galegos”. Asemade, Varela recordou que o expositor de Galicia “est centrado nos catro principais piares nos que se sostén a política turística galega: cultura, gastronomía, paisaxe e patrimonio; sen esquecer outros produtos turísticos estrelas como o termalismo, o turismo rural ou a rutas culturais”. O espazo escenográfico do stand conta con gran atractivo e impacto visual para o visitante, ao incluír zonas de proxección inmersiva que introducen ao visitante por recorridos fantásticos de Galicia. De maneira moi especial, este ano, esta plataforma dá a coñecer os dous grandes fitos do ano 2011: a Cidade da Cultura, cuxos primeiros espazos- Arquivo e Biblioteca de Galicia- foron inaugurados a semana pasada-, e o 800 Aniversario da consagración da Catedral de Santiago, que tivo lugar un 21 de abril de 1211, cunha cerimonia solemne presidida naquel entón polo rei Afonso IX. Así, o espazo central do expositor está presidido por un gran cilindro central que permitirá ao visitante realizar proxeccións inmersivas polos recantos da arquitectura do arquitecto estadounidense Peter Eisenman. Ademais, no chan do stand tamén se pode ver a maqueta completa da Cidade da Cultura, construída no monte Gaiás de Santiago. Outros dous cubos de proxeccións inmersivas completan o expositor de Galicia. Un deles permítelle ao visitante navegar virtualmente polos canóns da Ribeira Sacra, no interior de Galicia, mentres que o outro axuda a meterse na pel dos percebeiros da Costa da Morte para coñecer esa zona costeira da comunidade. O stand de Galicia contará con numerosas actividades, espectáculos e presentacións durante os cinco días que dura esta feira de turismo. Durante está primeira xornada, ás 15,30 h. o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, intervirán na presentación da guía turístico gastronómica E para comer Lugo” A continuación, o conselleiro presentará as 17,00 h. o paquete turístico “Rías baixas, destino de calidad” e as 18,00 intervirá na iniciativa promocional Arousa Norte, una luz en la sombra. Destino accesible para personas con discapacidad visual.

 Web institucional

Aquelas persoas que o desexen poderán ademais seguir todos os detalles sobre a presenza galega nesta edición de Fitur a través da páxina web galiciameguardaselsecreto.com. A web, que está dispoñible en galego, castelán e inglés, permite aos internautas consultar as actividades que se desenvolven ao longo da feira no recinto de promoción. A web brinda tamén a posibilidade de seguir en directo, a través dunha transmisión en streaming o desenvolvemento das actividades e presentacións que teñan lugar no expositor de Galicia. O espazo de promoción do Turismo de Galicia albergará ademais distintos actos de presentación de destinos e produtos turísticos, ademais de actuacións dirixidas a todo tipo de públicos. En total, pasarán polo stand durante estes cinco días de feira, ademais da presentación xenérica de Galicia, outros 16 coexpositores: Deputación da Coruña, Padroado de Turismo da Provincia de Lugo, Padroado Provincial de Turismo de Ourense, Turismo Rías Baixas, Mancomunidade de Municipios Ría de Arousa-Zona Norte, Asociación de Desenvolvemento Turístico da Mariña Lucense, Mancomunidade de Municipios da Terra Chá, Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Mancomunidade Terras de Pontevedra, Turismo da Coruña, Concello de Ferrol, Turismo de Santiago, Concello de Lugo, Turismo de Ourense, Turismo de Pontevedra e Turismo de Vigo.

 Restaurante do stand

Durante os días de celebración de Fitur, os alumnos do primeiro ano de Diploma de Xestión de Empresas Hoteleiras e de segundo de Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, participan no restaurante do stand de Galicia, preparando todo o material e infraestrutura ao longo da semana para dar diferentes servizos, sempre supervisados por un grupo de profesores que valorará a práctica dentro do cómputo xeral das materias específicas de servizo e cociña. O restaurante do expositor de Galicia é visitado por numerosas personalidades de ámbito nacional e internacional, e as diferentes administracións locais e autonómicas, ademais doutras entidades públicas e privadas de Galicia utilizan o servizo co obxectivo de promocionar os seus produtos e destinos.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: