O PP DE REDONDELA VE NO GOBERNO LOCAL IMPROVISACIÓN, DESPILFARRO E CONTINUISMO
Nunha rolda de prensa celebrada onte despois do pleno extraordinario no que se aprobou un cambio de inversións. Javier Bas acusa a socialistas e nacionalistas de empregar os proxectos do Concello con fins partidistas e electoralistas 1.400.000 euros irán destinados a obras municipais sen definir nin determinar en detrimento de inversións contempladas xa con anterioridade no orzamento prorrogado de 2010 .- “A improvisación, o despilfarro e o continuismo do señor Eduardo Reguera”, así foi como definiu Javier Bas, presidente da Xestora local do PP de Redondela e candidato á Alcaldía, o xeito de gobernar do PSOE e do BNG no Concello redondelán. “E como exemplo véxase o pleno extraordinario convocado para a mañá de onte venres con 36 horas de antelación”, sinalaba Bas na rolda de prensa celebrada na sede do partido.
Javier Bas expuxo o rexeitamento total do PP ao cambio de inversións previsto para este ano 2011 no Concello de Redondela, punto único que centrou dita sesión plenaria. A pretensión do bigoberno é o cambio de financiamento de determinados créditos, por importe de 1.554.000 euros, para afrontar a realización dun conxunto de actuacións de natureza diversa e sen determinar. “Estamos diante dunha mensaxe subliminar á cidadanía de cara aos comicios municipais de maio, unha campaña que pagarán cos cartos de todos os redondeláns, pois estas obras, que eles mesmos definen unicamente como obras municipais, sen máis, pódense considerar obras electorais”, asegura Bas.
Deste xeito, e segundo o aprobado no pleno de onte cos votos a favor de socialistas e nacionalistas, procederase ao cambio da finalidade de catro partidas, “unhas inversións que non debemos esquecer figuran no orzamento prorrogado de 2010, pois non foron quen aínda de levar adiante o correspondente ao exercicio 2011, como xa debería estar feito seguindo á lei”. Desta maneira, 54.000 euros destinaranse ao acondicionamento da praza de Ribadavia, “unha obra que a día de hoxe pode esperar xa que existen outras prioridades no municipio como son a creación de emprego ou a mellora dos servizos sociais, para o cal non existe ningunha medida ao respecto”, subliña o candidato do PP á Alcaldía. Por outra parte, 1.000.000 de euros que se prevía destinar a inversións en terreos agora serán para obras municipais, “esas obras municipais sen definir nin determinar” ao igual que os 100.000 euros destinados inicialmente para o proxecto do novo pavillón e concurso de ideas e tamén os 400.000 euros correspondentes á remodelación da praza de Ponteareas, dos cales 300.000 euros irán para obras municipais e 100.000 para o PXOM, “trinta anos despois de esperar por el, acórdanse agora, a catro meses das eleccións, da súa necesidade”. Así pois, do importe total de 1.554.000 euros, 1.400.000 irán destinados a obras diversas sen definir nin determinar “co obxectivo único de empregalas dun xeito partidista e electoralista”.