ÁBRESE O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS DA XUNTA AO FOMENTO DO COOPERATIVISMO DAS QUE SE PODERÁN BENEFICIAR 250 COOPERATIVAS E 60 CONCELLOS
O director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, presentou hoxe na Escola Galega de Administracións Públicas (EGAP) as novidades dos dous programas nos que Traballo investirá 3,3 millóns de euros entre 2011 e 2012
- O departamento autonómico destinará, por unha banda, 2,9 millóns de euros en programas de fomento do emprego en empresas de economía social e na súa promoción
- Ademais, dedicará 400.000 euros para subvencións destinadas aos concellos e entidades locais co fin de que leven a cabo actividades de difusión desta fórmula empresarial
Os concellos, entidades locais e empresas de economía social de Galicia xa poden solicitar as axudas da Xunta para o fomento do cooperativismo. O prazo para concorrer a estas subvencións abriuse esta mesma semana, unha vez que as dúas ordes foron publicadas no Diario Oficial de Galicia. O director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, presentou hoxe as novidades destes programas nos que a Consellería de Traballo e Benestar investirá entre 2011 e 2012 máis de 3,3 millóns de euros en distintas actuacións de promoción e fomento do cooperativismo, co fin de conseguir un axeitado desenvolvemento de Galicia en materia de economía social, tanto no fomento do emprego como na mellora da competitividade destas empresas As previsións do departamento autonómico é que 250 cooperativas e preto de 60 concellos poidan beneficiarse destas axudas. Por unha banda, Martiñá explicou as características da orde para fomentar o emprego en empresas de economía social e para fomentar o cooperativismo. Para este fin, a Consellería conta cun investimento de máis de 2,9 millóns de euros. Unha das principais novidades desta convocatoria é a posibilidade de solicitar accións con caracter plurianual permitindo un mellor apoio no impulso das empresas de economía social, dado que acolle a proxectos que precisan maior tempo de execución. Esta orde recolle, tal e como incidiu Martiñá, distintos programas que inciden en aspectos fundamentais das cooperativas, establecendo axudas para os seguintes conceptos: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais; mellora da competitividade; impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica; fomento do acceso á condición de socio/a traballador/a; e actividades de promoción do cooperativismo. De todas estas áreas, cabe destacar que no caso do fomento do emprego ofrécense axudas orientadas a facilitar a incorporación das persoas desempregadas como socios e socias traballadores/as nas cooperativas ou sociedades laborais. No caso da promoción da economía social, tamén hai que salientar que se regulan axudas para impulsar proxectos empresariais cooperativos, mesmo na fase previa á súa constitución formal. Nesta última área, poténcianse especialmente os procesos de asesoramento e de acompañamento das novas iniciativas. No ano 2010, beneficiáronse deste tipo de axudas un total de 244 cooperativas, estando previsto que no ano 2011 poida chegar a 250 cooperativas e sociedades anónimas laborais.
Axudas a entidades locais Por outra banda, o director xeral de Relacións Laborais expuxo os aspectos máis salientables das axudas dirixidas aos concellos e outras entidades locais para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo. Estas subvencións contan cun orzamento de 400.000 euros na súa convocatoria para 2011. Trátase dunha convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para sufragar parcialmente actividades de promoción do cooperativismo por parte de concellos e outras entidades locais. Dentro desta iniciativa, Martiñá fixo fincapé nba importancia que teñen as subvencións para fomentar a creación de oficinas de emprego cooperativo, o que permite consolidar proxectos de economía social grazas a un maior apoio e seguimento. Así mesmo, e como novidade (xa iniciada levemente no ano 2010), destacou que a través desta orde se financia a creación de oficinas locais de fomento cooperativo: un servizo que poden realizar os concellos de xeito individual. No caso de que esta oficina estea solicitada por un único concello financiarase ata o 80% do seu custo no primeiro ano de funcionamento, o 70% no segundo ano e o 60% no terceiro. Permítese así mesmo a agrupación de tres ou máis concellos, situación na que a contía a subvencionar poderá chegar ao 100% do seu custo. O obxectivo xeral destas axudas é difundir as potencialidades desta fórmula empresarial para o desenvolvemento local, moi especialmente desde os ámbitos máis próximos aos cidadáns. Prevese que un total de 60 concellos poidan beneficiarse o próximo exercicio destas axudas, fronte ao medio centenar que o fixeron este ano.