FEIJÓO SUBLIÑA QUE A INTERNACIONALIZACIÓN “É UNHA ESTRATEXIA MOI CLARA E MOI DEFINIDA” NA QUE A XUNTA “VAI PROSEGUIR E VAI INSISTIR MÁIS CA NUNCA EN ÉPOCA DE CRISE”

O presidente galego subliña que a Xunta seguirá apostando pola internacionalización non como unha alternativa senón como “a única alternativa” para facer medrar a economía galega

 Destaca que a Xunta investirá 12 millóns de euros para seguir apoiando a internacionalización das empresas galegas, para o que neste dous anos destinou un 250 por cento máis respecto do bienio 2007-2009

  • Resalta a autorización do “gasto para urbanizar un novo parque empresarial no Baixo Miño, no concello de Tomiño”, que abarcará “500.000 metros cadrados” alcanzando “un investimento total de 24 millóns de euros”
  • “Seguimos cumprindo o compromiso de poñer a disposición solo  industrial para calquera iniciativa estratéxica que queira instalarse na comunidade autónoma”, explica
  • Da conta do novo decreto de artes e aparellos do mar ao que se chegou a través dun “acordo co sector”, tal e como xa sucedeu “coa aprobación da lei da pesca ou coa activación da acuicultura”
  • Destaca a importancia dunha norma que busca “unha mellor explotación dos recursos mariños,  co obxectivo de lograr a mellor preservación dos recursos pesqueiros e marisqueiros na comunidade”

 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que a Xunta de Galicia segue a apostar pola internacionalización das nosas empresas como “única alternativa” para que a economía galega comece a crecer. “Entendemos que debemos de manter e intensificar toda a liña estratéxica de internacionalización da economía galega con fondos da comunidade autónoma. A internacionalización, polo tanto, non é unha alternativa é a única alternativa”, apostilou. Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, Feijóo asegurou que “si queremos empezar a crecer antes que o Estado temos que facer un esforzo por vender os nosos produtos, e iso é sinónimo de internacionalizar as empresas galegas”, manifestou, para recalcar: “É unha estratexia moi clara e moi definida que imos proseguir e a insistir nela en época de crise máis ca nunca”. Feijóo informou que a Xunta investirá 12 millóns de euros para seguir apoiando a internacionalización das empresas; é dicir, “calquera iniciativa de marketing e promoción que supoña unha misión comercial para penetrar nos mercados exteriores”. Segundo precisou, nos dous últimos anos a Xunta de Galicia dedicou 30 millóns de euros, un 250 por cento máis respecto do bienio 2007-2009, a abrir a economía galega a mercados exteriores. Ademais, sinalou que, a pesar do recorte orzamentario coñecido no ano 2011 dun 11 por cento, as axudas á internacionalización crecen un 11 por cento. Nesta liña, o mandatario autonómico lembrou os convenios adoptados con diversas entidades con este obxectivo. Así, fixo referencia ao acordo aprobado coas cámaras de comercio para acometer un plan de exportacións que supón 159 iniciativas; ou ao que busca traballar coordinadamente cos clusters galegos, coa Asociación de Empresarios Galegos no Exterior e, tamén, citou a liña de 18 millóns de euros aos emprendedores galegos para ampliar a proxección exterior das empresas galegas. Ademais, indicou que no ano 2010 a Xunta recibiu o dobre de solicitudes que no ano 2009 para acollerse a axudas destinadas á internacionalización das empresas galegas.

Así mesmo, indicou que outro dos obxectivos do Goberno galego, será “fortalecernos dentro de Galicia tentando cada vez ser máis competitivos e atractivos”.

Maior dotación de solo empresarial

Por outra banda, Núñez Feijóo resaltou a autorización do “gasto para urbanizar un novo parque empresarial no Baixo Miño, no concello de Tomiño”. Dita actuación abarcará “500.000 metros cadrados” alcanzando no futuro “un investimento total de 24 millóns de euros”.

“Seguimos cumprindo en tempo e forma o compromiso de poñer a disposición solo  industrial para calquera iniciativa estratéxica que queira instalarse na comunidade autónoma con distintas alternativas de emprazamentos”, subliñou Feijóo.

Neste contexto, explicou o presidente galego, “en canto haxa confirmación de calquera decisión estratéxica de ubicación na comunidade autónoma, temos a disposición de forma inmediata, chan para facela efectiva, fai dúas semanas na PLISAN, agora no Baixo Miño”.

Núñez Feijóo sinalou que a Xunta tratará de “axilizar o proceso expropiatorio” das 447 fincas, das que se teñen “adquirido por mutuo acordo o 20%”, autorizándose hoxe “un gasto para urbanizar o parque” e “dar máis alternativas a todos aqueles que queiran iniciar emprendementos na comunidade autónoma”.

Novo decreto de artes e aparellos

Por último, Núñez Feijóo deu conta do novo decreto de artes e aparellos do mar aprobado hoxe polo Consello. Un decreto ao que, como recordou, se chegou a través dun “acordo co sector”, tal e como xa sucedeu “coa aprobación da lei da pesca, coa activación da acuicultura”, e como se fará “co novo plan de acuicultura que se aprobará no Consello”. 

“Agora damos un paso máis: aprobamos o decreto de artes e aparellos adaptados ás necesidades do sector para unha mellor explotación dos recursos mariños,  co obxectivo de lograr a mellor preservación dos recursos pesqueiros e marisqueiros na comunidade”, explicou Feijóo. 

O presidente galego lembrou que, dita norma, “se escribiu ao mesmo tempo que se dialogaba co sector”, sumando “máis de 50 reunións” e “incorporando o 70% das alegacións presentadas” desde que se presentou o borrador do decreto en 2009.

Entre as novidades que incorpora o decreto, Feijóo salientou, primeiro, a incorporación á normativa de “artes que ata o de agora non estaban reguladas” e que, grazas a ilo, adquiren unha “seguridade xurídica”, caso da “nasa para a centola ou as artes de enmalle como as volantillas”.

Ademais, “establécese unha uniformidade no número de artes por embarcacións”, clasificándose as mesmas en 7 grupos distintos; ábrese “a posibilidade de faenar no período ordinario de descanso en acontecementos sinalados, compensando con xornadas de descanso en días laborables”; dáse a opción de manter as artes caladas fora dos períodos autorizados naqueles casos nos que as condicións meteorolóxicas sexan adversas” para “non poñer en risco a vida de ningún mariñeiro”; “establécense cotas máximas de capturas e a regulación de capturas incidentais”; e “se unifican as nasas de nécora e camarón”.

En definitiva, explicou Feijóo, “buscamos rendibilizar o sector protexendo ao máximo os traballadores que van seguir vivindo do mesmo e que, entendemos, ten futuro na comunidade autónoma”.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: