APROGRAMACIÓN DA XUNTA PARA O ANO DO VOLUNTARIADO AVANZARÁ NA MELLORA CUALITIVATIVA E CUANTITATIVA DAS ACCIÓNS DESTE COLECTIVO

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presentou hoxe en rolda de prensa as principais actuacións a desenvolver con motivo do Ano europeo do voluntariado
  • Galicia organizará o 29 e 30 de novembro, e o 1 decembro, un Congreso estatal neste eido, que terá lugar en Santiago de Compostela
  • Este ano presentarase tamén o “Programa de Voluntariado Xuvenil”, unha iniciativa novidosa en todo o Estado que ten como obxectivo formalizar a acción voluntaria a través de certificados de educación non formal
  • En 2011, aprobarase tamén a Lei galega de acción voluntaria e o Plan galego de voluntariado 2011-2014

O Goberno galego realizará, ao longo de 2011, unha programación específica con motivo do “Ano europeo do voluntariado” que terá como obxectivo principal avanzar na mellora cualitativa e cuantitativa das accións voluntarias. Trátase, fundamentalmente, de “poñer en valor” a importancia do labor que desenvolve este colectivo. Así o destacou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, no transcurso da rolda de prensa na que presentou as principais actuacións que se desenvolverán este ano. Esta programación abrangue desde programas de formación, a proxectos de difusión do voluntariado entre a poboación, ou a organización do Congreso Estatal de Voluntariado. A titular do departamento autonómico fixo especial fincapé  neste último punto pola súa relevancia, en tanto este evento conta co “apoio explícito, ano a ano, dos Príncipes de Asturias”. O evento terá lugar os días 29 e 30 de novembro, e 1 de decembro, en Santiago de Compostela, baixo o lema “Camiños de Solidariedade”. A este décimo cuarto Congreso estatal de Voluntariado, asistirán entidades de acción voluntaria e administracións de toda España. Mato destacou que “desde o ano 2000 non se celebra en Galicia un congreso destas características”. Ademais, cabe destacar que durante este ano levaranse a cabo avances importantes no eido normativo en Galicia en relación ao voluntariado. Así, a conselleira adiantou que este ano aprobarase a Lei Galega de acción voluntaria, que inclúe “importantes novidades” e recollerá as demandas das entidades de acción voluntaria. Esta nova normativa, “con vocación global e europeísta”, ten como un dos seus principais avances que os voluntarios poidan obter certificacións oficiais da súa participación nas actividades que desenvolvan, co fin de que pidan acreditar un “historial curricular” da súa experiencia. Tamén no primeiro semestre deste ano presentarase o Plan galego de voluntariado, un documento que servirá de “guía e planificación” da acción da Xunta durante os próximos catros anos. Estará consensuado coas entidades e as administracións implicadas. De feito, tanto a nova Lei como este Plan serán analizados polo Consello Galego de Voluntariado, que será convocado este ano en tanto é o “máximo órgano consultivo e asesor” nesta materia.

Programa de voluntariado

Ademais destas actuacións, Mato destacou que a Xunta presentará en 2011 o  “Programa de Voluntariado Xuvenil”, unha “iniciativa novidosa, pioneira e experimental a nivel de todo o Estado”. O seu obxectivo principal é formalizar a acción voluntaria. Deste xeito, as persoas –de entre 18 e 30 anos de idade- que participen neste servizo, recibirán un certificado de educación non formal ao finalizar o proxecto. Máis adiante, este Servizo levará aparellada unha bolsa de voluntarios, das que sairán os participantes para proxectos de concellos ou entidades. Esta iniciativa servirá tamén para apoiar economicamente o custe diario dos voluntarios que participen en proxectos presentados ben por concellos, ou por asociacións. “Non é unha remuneración nin un salario”, aclarou Mato, xa que a acción voluntaria “defínese por non recibir retribución económica algunha”. Este apoio servirá exclusivamente para cubrir custes de desprazamento e manutención. Dentro do programa de actuacións para este Ano europeo do voluntariado, iniciarase en marzo un Plan de formación no que participarán unhas 6.000 persoas. Ademais, esta mesma semana celebrarse o primeiro dos catro encontros provinciais de voluntariado para dar conta deste programación, así como para fomentar a implicación noutras novidades como a nova Lei de voluntariado ou Plan galego de voluntariado. O día 3 o encontro será en Lugo; o 4 en Ourense; o 10 na Coruña; e, finalmente, o 11 en Vigo. No eido do voluntariado ambiental, tamén haberá novidades. Por primeira vez este ano, terá lugar un “programa de voluntariado ambiental en parques naturais”, que se celebrará todas as fins de semana entre abril e xuño no Parque natural do Xurés. Esta iniciativa desenvólvese en colaboración coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Este ano repetirase tamén o “programa de voluntariado ambiental para a prevención de incendios”. Durante este Ano Europeo do Voluntariado, impulsaranse tres campos de traballo: un en Ourense e dous en Palas de Reis. Neles poderán participar 60 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, procedentes de Galicia, da emigración galega, doutras comunidades autónomas e doutros países. As actuacións desta programación non chegarán só aos máis mozos, senón que tamén contarán cos maiores galegos. Actualmente, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e a Dirección Xeral de Dependencia están a traballar conxuntamente no Programa de voluntariado de maiores, que creará unha bolsa de voluntarios de maiores de 65 anos. Convocaranse tamén este ano os “Premios Solidarios”, que segundo explicou Mato “distinguirán aos colectivos e persoas que destacasen neste ámbito durante 2011”. Pero ademais de todas estas actuacións concretas, o Goberno galego fará un especial esforzo en informar e promover a acción voluntaria. Entre outras actividades, un “Bus Solidario” percorrerá as vilas e cidades galegas nos meses do verán para difundir as actuacións que se levan a cabo nesta materia. Desde a primavera, tamén se desenvolverá un programa específico de difusión da acción voluntaria nos centros de educación secundaria, e en outubro o “Bus Solidario” tamén chegará a estes centros. Pola súa banda, en primaria, presentarase e distribuirase entre os centros un conto solidario. Tamén se publicará en 2011 a “Sinfonía de voces solidarias”, que será unha homenaxe ao voluntariado galego na que se recollerán as experiencias e testemuñas das entidades e voluntarios. Finalmente, Mato destacou que este Ano europeo do voluntariado “será só un punto de partida para revitalizar e impulsar a acción voluntaria en Galicia”

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: