ECONOMÍA E INDUSTRIA E A FISCALÍA DE GALICIA SENTAN AS BASES DA COLABORACIÓN EN DEFENSA DOS INTERESES DOS CONSUMIDORES
O departamento que dirixe Javier Guerra avanza na estratexia de protección ao consumidor e traballa nun convenio de colaboración coa Fiscalía do TSXG
- Xunta e Fiscalía coinciden na necesidade de erradicar cláusulas abusivas que afectan de xeito xeralizado aos consumidores
- A nova Lei de Protección do Consumidor de Galicia contribuirá tamén a incrementar a seguridade dos consumidores nos nosos mercados
A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo (IGC), e a Fiscalía de Galicia sentaron hoxe as bases da colaboración co obxectivo de defender os intereses dos consumidores e usuarios galegos fronte a comportamentos abusivos. O encontro tivo lugar nas oficinas do IGC, en Santiago, e estivo presidido pola presidenta do Instituto, Nava Castro, e o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela. Na xuntanza tamén estiveron presentes a gerente do IGC, María Jesús Muñoz, así como os fiscais xefes e de área de Galicia, xunto cos xefes dos servizos centrais do Instituto. Tanto a Consellería de Economía e Industria como os representantes da Fiscalía coincidiron na importancia da colaboración entre a Xunta e a Fiscalía para acadar a erradicación de cláusulas abusivas que afectan de xeito xeralizado aos consumidores e usuarios galegos. Neste eido, está previsto que Xunta e a Fiscalía formalicen esta colaboración a través da sinatura dun convenio para avanzar no ámbito da protección dos dereitos dos consumidores galegos que permitirá estruturar actuacións conxuntas co obxectivo de presentar posibles accións de cesación de cláusulas abusivas que as empresas introducen nos contratos cos consumidores, establecer reunións de traballo e articular unha canle para que a Xunta faga chegar á Fiscalía prácticas que poidan supoñer unha infracción penal. Estas accións conxuntas coa Fiscalía teñen como base a lexitimación que ambas institucións teñen para actuar fronte a condutas contrarias ao disposto na norma sobre cláusulas abusivas, contratos celebrados fóra do establecemento mercantil, venta a distancia, garantías na venta de produtos e viaxes combinados e tamén forman parte da estratexia posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria que dirixe Javier Guerra para o fornecemento da política de protección ao consumidor, que xa ten plantexada a consecución dun obxectivo máis ambicioso, como é a aprobación da nova Lei de Protección do Consumidor de Galicia. O propio conselleiro adiantou o pasado 18 de xaneiro que o novo texto legal no que se traballa apostará por potenciar a axilidade e a eficacia que ofrecen as fórmulas habilitadas para a resolución extraxudicial dos conflitos a través da mediación e a arbitraxe, polo que se creará a figura do mediador para tratar de evitar, como paso previo, chegar a un procedemento de arbitraxe, introducindo un procedemento pioneiro para chegar a acordos. A nova normativa contribuirá tamén a incrementar a seguridade dos consumidores nos nosos mercados, garantindo a seguridade xurídica aos nosos profesionais e empresarios, e axilizarando os procedementos de solución de conflitos dos consumidores, potenciando a mediación e a arbitraxe de consumo.