Os sindicatos de xornalistas critican os despedimentos en Prisa
A FeSP TAMÉN REXEITA A REFORMA DAS PENSIÓNS
Os novos donos do grupo Prisa (El País, Cinco Días, Cadena Ser…), un grupo estadounidense que se dedica a investir en bolsa, anunciaron que van despedir a 2.500 traballadores (2.000 deles en España). Polo seu elevado número, trátase do maior mazazo contra o xornalismo e contra o dereito á información da cidadanía, que se suma aos 400 empregos perdidos en devandito grupo por baixas incentivadas, prexubilacións, recortes de persoal e o peche de Localia TV.
Estes despedimentos masivos únense aos doutros grandes grupos e en medios máis modestos, algúns como consecuencia dunha crise económica real, pero outros debidos á mala xestión dos seus directivos e a que os donos aproveitaron a crise para reducir custos, despedindo aos profesionais con máis experiencia para contratar a outros máis baratos.
Nos dous últimos anos 4.000 traballadores dos medios de comunicación, na súa maioría xornalistas, foron despedidos en España, a pesar de non ser os causantes da crise. Mentres, os directivos destas empresas seguen gozando de postos moi ben remunerados, á vez que os seus accionistas non deixan de repartirse beneficios. A Xunta Executiva Federal da Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) canda sindicatos de Cataluña, Andalucía, Madrid, Canarias, Baleares e A Rioxa, denuncia o cinismo dos novos donos de Prisa, que xustifican estes despedimentos como unha medida necesaria para «preservar o maior número de empregos». A xuízo da FeSP, aínda que presumen de ser «a compañía líder en contidos culturais, educativos, de información e entretemento», esquéceselles engadir que, agora, tamén son líderes en despedimentos.
A FeSP chama a atención sobre o grave dano que estes despedimentos e o peche de medios de comunicación supón para o dereito que ten a cidadanía a recibir información veraz e plural.
Precisamente este foi o eixo central do I Congreso sobre o Dereito á Información da Cidadanía, celebrado na Casa África de Las Palmas de Gran Canaria. Organizado pola Unión de Profesionais da Comunicación de Canarias e a FeSP, a conclusión dos dous días de reunións foi que xornalistas e representantes dos cidadáns coinciden na necesidade de que se garanta o acceso a unha información veraz, plural e contrastada, fronte á nula ou escasa disposición dos partidos maioritarios a regular por Lei o Dereito á Información da Cidadanía. Pola súa banda, a FeSP continúa coa súa intención de impulsar unha Plataforma común de apoio á Lei Orgánica Xeneral do Dereito á Información á Cidadanía.
Reforma das pensións
Respecto ao pacto alcanzado para a reforma das pensións, a FeSP considera que é un novo retroceso nos dereitos dos traballadores. Mentres os causantes da actual situación económica seguen sen pagar pola súa irresponsabilidade, os traballadores volven soportar unha crise non provocada por eles.