HERNÁNDEZ DESTACA QUE O PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO PODERÍA ESTAR IMPLANTADO ESTE ANO NAS SETE GRANDES ÁREAS URBANAS COA COLABORACIÓN DE TODOS OS CONCELLOS IMPLICADOS

 

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá ao longo de 2011 un total de 6 millóns de euros ,

  • Recorda que coa posta en marcha de todos os plans de transporte un total de 1,6 millóns de persoas de beneficiarían deste proxecto de mobilidade, o se traduce nun 60% da poboación galega
  • Avanza que no caso dos plans de Santiago e Ferrol estarán en funcionamento en marzo e abril, respectivamente
  • O conselleiro de Medio Ambiente sinala que a Administración local de Vigo propón un modelo de transporte público distinto ao deseñado para as seis restantes áreas metropolitanas galegas
  • Manifesta o compromiso da Xunta de implantar no prazo máis breve posible o transporte metropolitano en Vigo, un feito que é unha demanda constante dos restantes concellos limítrofes
  • O conselleiro afirma que en Ourense podería estar operativo en tres meses, desde que se faga efectiva a sinatura do convenio

 O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, destacou esta tarde no Parlamento que o Plan de Transporte Metropolitano podería estar implantado este ano nas sete grandes áreas urbanas de Galicia coa colaboración de todos os concellos implicados. Tal e como sinalou o conselleiro, o novo Plan de Transporte Metropolitano de Galicia é un proxecto que resulta imprescindible para garantir un transporte público competitivo e de calidade; unha planificación que vai facilitar a mobilidade de 1,6 millóns de persoas, o que supón, aproximadamente, o 60% da poboación galega. Hernández manifestou que se trata dunha das actuacións máis relevantes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, á que se van destinar máis de 6 millóns de euros no orzamento do presente ano 2011. Argumentou que os plans de transporte metropolitano permitirán unha mellor coordinación entre os medios de transporte urbanos e interurbanos, mediante a posta en marcha do programa de transbordos gratuítos para os viaxeiros, un incremento da oferta de servizos e o programa de mellora da información, así como das infraestruturas actuais. Lembrou que a achega económica da Xunta incrementouse, xa que pasou a ser do 80% fronte ao 60% previsto anteriormente, o que suporá para os usuarios un aforro aproximado de 600 euros anuais na utilización do transporte colectivo O conselleiro informou que o seu departamento adquiriu marquesiñas e postes de parada para autobuses que estarán destinadas aos concellos (onde están implantados ou se implanten os novos plans de transporte metropolitano), e que suporán unha mellora da comodidade e da información ás usuarias e usuarios. Está previsto o inicio da instalación destes elementos unha vez realizada a concreción definitiva dos novos servizos de interese municipal e metropolitano, atendendo tanto ás novas paradas que nestes servizos se prevén, como a mellora das infraestruturas do resto de servizos preexistentes.

Coruña, Santiago, Ferrol e Lugo, en marcha

O conselleiro Hernández recordou que na actualidade as áreas da Coruña, Santiago, Ferrol e Lugo xa teñen os plans de transporte metropolitano en marcha. Destacou que o da área da Coruña é o máis avanzado, xa que o pasado 24 de xaneiro xa se comezou a aplicar a despenalización do transbordo e que dende o 1 de febreiro implantouse o sistema de aforros por recorrencia, que suporá un aforro superior ao 50% para os viaxeiros máis habituais. Salientou que se están a ultimar as características dos novos servizos de interese urbano e metropolitano, que suporán unha importante mellora nas frecuencias e itinerarios, e que poderán ser implantados a partir do próximo mes de marzo. O plan de transporte metropolitano de Santiago púxose en marcha o pasado mes de decembro coa sinatura do convenio e ao longo deste mesmo mes comezará a distribución entre os usuarios da nova tarxeta, á ves que se seguen a realizar as probas piloto nos autobuses. Con estes pasos, en marco o Plan de Transporte Metropolitano de Santiago estará en funcionamento. No caso de Ferrol, a previsión da Xunta é que este proxecto de mobilidade entre en funcionamento no mes de abril. Segundo o conselleiro, a finais deste mesmo mes iniciarase a distribución entre os usuarios da nova tarxeta e coas probas piloto, prevendo incorporar a estes servizos ferroviarios de proximidade de Feve. Por último, no caso de Lugo (o convenio foi asinado en decembro) hai unha diferenza importante con respecto dos anteriores, xa que se trata dunha nova área na que o transporte metropolitano aínda non fora implantado. Neste senso, a finais de febreiro os usuarios poderán adquirir a nova tarxeta nas oficinas da entidade colaboradora, estano previsto o comezo do seu funcionamento para finais do mes de marzo. O conselleiro tamén destacou que o concello vigués propón un modelo para Vigo que sería distinto ao das outras seis áreas metropolitanas galegas, o que “obviamente” non facilita o acordo. Destacou que a Xunta non vai a desistir da súa intención de implantar no prazo máis breve posible o transporte metropolitano nesta área, o que, por outra parte, vén sendo unha demanda constante do resto de concellos limítrofes. Lamentou a actitude dos dirixentes do Concello de Vigo, xa que se impide que a Comunidade galega conte cun plan de transporte metropolitano, de igual modelo, nas súas sete grandes áreas. Recordou que a implantación do transporte metropolitano na área de Vigo foi bloqueada nos últimos anos pola total oposición do Concello de Vigo a realizar a achega económica que lle correspondería, tal e como se vén facendo por parte dos restantes concellos implicados na posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia. O responsable de Infraestruturas sinalou que en Pontevedra e Ourense tampouco esta en marcha o plan de transporte, pero por causas moi distintas. No caso de Pontevedra, téñense realizado distintos avances na explicación do plan aos concellos.  Avanzou que a Dirección Xeral de Mobilidade manterá nas próximas semanas unha nova rolda de aproximación, coa finalidade de avanzar nas conversas que fagan posible a posta en marcha do plan dentro deste mesmo ano. Respecto do plan de Ourense, o texto do convenio xa foi aprobado polo pleno de todos os concellos desta área, coa excepción, precisamente, do Concello de Ourense. As negociacións con este concello están a ser continuas e a Xunta de Galicia está a poñer todo da súa parte para que a implantación nesta área, nas mellores condicións para os usuarios, se poida facer canto antes. Aclarou que aínda non existe un acordo definitivo sobre a penetración urbana do transporte nin sobre a localización dos intercambiadores, problema que se vén arrastrando dende 2008, durante a pasada lexislatura, e que constitúe unha peza importantísima para a mellora do servizo aos usuarios e usuarias. Non obstante, o Goberno galego confía en que este feito non supoña un atraso no proceso de implantación do Plan de Transporte Metropolitano. A previsión da Xunta é que este plan podería estar operativo nun prazo de tres meses, desde que se faga efectiva a sinatura do correspondente convenio.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: