O GRUPO POPULAR DEMOSTRA A SÚA APOSTA POLO CONSENSO E A UNIDADE POLÍTICA EN DEFENSA DO NAVAL GALEGO APOIANDO UNHA INICIATIVA DO BNG
Natalia Barros lamentou que os nacionalistas rexeitaran a súa emenda, que propuña favorecer un novo marco de axudas comunitarias e unha planificación global para o sector
- A deputada do PPdeG considerou que as medidas propostas polos nacionalistas “non serán posibles” se non se establece un novo marco de axudas a nivel comunitario, xa que as axudas europeas rematan este ano.
- “O esforzo orzamentario e de garantía ao sector que está a levar a cabo o Goberno, con case 80 millóns de euros en dous anos, é o maior esforzo orzamentario que dedicou nunca un goberno da Xunta para garantir o futuro do sector naval galego”.
O Grupo Popular demostrou hoxe, no Pleno do Parlamento, a súa aposta polo consenso e a unidade política en defensa do naval galego apoiando unha iniciativa presentada polo BNG. A deputada do PPdeG Natalia Barros destacou na súa intervención que o Goberno de Feijóo está xa a cumprir boa parte das medidas incluídas na moción dos nacionalistas, a través, entre outras accións, co convenio asinado con Pymar, os préstamos concedidos polo IGAPE, o aumento do apoio ao Clúster, ou do plan NAGAL XXI, que recolle “as cuestións fundamentais de regulación, innovación, excelencia, internacionalización, promoción, diversificación e finanzamento para as empresas do naval”. Natalia Barros lamentou que os nacionalistas rexeitaran a súa emenda, que propuña favorecer un novo marco de axudas comunitarias e unha planificación global para o sector. Unha proposta que ía moito máis aló da presentada polo BNG, centrada en medidas parciais e non contempladas nunha planificación de conxunto.
NOVO MARCO COMUNITARIO DE AXUDAS: Doutra banda, a deputada do PPdeG considerou que as medidas propostas polos nacionalistas “non serán posibles” se non se establece un novo marco de axudas a nivel comunitario, xa que as axudas europeas rematan este ano. Non obstante, o Grupo Popular optou por votar a favor a moción, dada a importancia estratéxica do sector naval para Galicia, o que require da máxima unidade política. Como mostra de que o Goberno galego “é moi consciente do peso da industria naval na nosa Comunidade”, a deputada resaltou que “o esforzo orzamentario e de garantía ao sector que está a levar a cabo o Goberno, con case 80 millóns de euros en dous anos, é o maior esforzo orzamentario que dedicou nunca un goberno da Xunta para garantir o futuro do sector naval galego”. A emenda presentada polo Grupo Popular plantexaba tamén que, a través dun convenio entre a Consellería de Economía e Industria, a de Traballo e Benestar Social e a Xerencia do Sector Naval, se dea formación aos traballadores que estean en situación de ERE suspensivo, como medida de apoio ás empresas auxiliares do sector.