ECONOMÍA E INDUSTRIA DESTINA 6 MILLÓNS DE EUROS PARA A ADECUACIÓN E A MODERNIZACIÓN COMERCIAL DOS CONCELLOS GALEGOS

  • A directora xeral de Comercio, Nava Castro, avanza que a orde de axudas contempla porcentaxes de subvención de até un 75% e pagamentos a conta das subvencións ou anticipos de até o 50% das axudas para facilitar aos concellos galegos actuacións en materia de comercio no actual contexto de crise
  • As axudas potencian especialmente as actuacións en mercados, en prazas de abastos e en rúas peonís comerciais de vilas e cidades, onde se ubican centros comerciais abertos e cunha densidade comercial axeitada, dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes
  • Esta acción englóbase no Plan Ágora, agora re-Comercia, unha ferramenta dotada con 130 millóns de euros para construír un sector comercial galego máis competitivo e dinámico
  • A directora xeral de Comercio, Nava Castro, avanzou hoxe que a Consellería de Economía e Industria que dirixe Javier Guerra ven de destinar 6 millóns de euros para a adecuación e modernización de equipamentos comerciais nos concellos de Galicia ao abeiro dunha orde que sairá publicada de inmediato no Diario Oficial de Galicia, e na que se contemplan porcentaxes de subvención de até un 75% e pagamentos a conta das subvencións ou anticipos de até o 50% das axudas para facilitar aos concellos galegos actuacións en materia de comercio no actual contexto de crise. “A adecuación e mellora dos equipamentos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do  comercio, e así se considera nos programas que configuran o Plan Ágora, agora re-Comercia, que no seu conxunto, cun orzamento global de 130 millóns de euros, pretende contribuír a construír un sector comercial galego máis competitivo e dinámico”, apuntou a directora xeral de Comercio. Nava Castro salientou que “a estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles, polo que resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria e as corporacións locais para posibilitar medidas e actuacións que sirvan para a mellora dos espazos comerciais urbanos, a reconversión e modernización dos mercados municipais, a modernización da estrutura comercial en municipios tipificados como rurais, así como a adecuación dos espazos dos mercados tradicionais e ambulantes”. A convocatoria das axudas, que será en réxime de concorrencia competitiva, permite a presentación en formato electrónico, simplificando a tramitación administrativa, e vincula a concesión das axudas aos concellos á constitución das mesas locais de comercio nos casos nos que así o estipule a Lei. Con carácter xeral, as porcentaxes de subvención chegan ata o 75%, en beneficio dun maior número de proxectos subvencionables e concellos beneficiarios. Por outra banda, poténcianse especialmente as actuacións en mercados municipais, prazas de abasto e en rúas peonís comerciais de vilas e cidades onde se ubican centros comerciais abertos e cunha densidade comercial axeitada, dirixida a poboacións de menos de  50.000 habitantes, que se configuran como un elemento clave do comercio de proximidade e exercen como polos de atracción comercial. A orde, explicou a directora xeral, contempla efectuar pagamentos a conta das subvencións concedidas ou autorizar anticipos de até o 50% e ten como beneficiarios aos concellos galegos que poderán optar a repartir o investimento en dúas anualidades. A orde complétase con subvencións a eixos comerciais como puntos neurálxicos respecto dos cales xira o tráfico mercantil máis representativo, e coa adecuacion de dependencias e adquisición de equipamento informático para o establecemento dun punto de información  da Rede de Innovación do Comercio (REDIC).

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: