TRABALLO INCENTIVOU EN 2010 PRETO DE 10.000 EMPREGOS FEMININOS E PUXO EN MARCHA MÁIS RECURSOS DE CONCILIACIÓN

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, respondeu hoxe no Parlamento a unha pregunta sobre as accións en materia de igualdade que emprendeu o Goberno galego
  • A titular do departamento autonómico destacou a actuación transversal da Xunta de Galicia neste eido
  • Salientou que as mulleres tiveron acceso prioritario ás diversas políticas activas de emprego
  • Lembrou que se crearon preto de 5.000 prazas públicas en escolas infantís, centros de atención ás persoas maiores, e centros de atención á discapacidade
  • Ademais, un total de 43 empresas recibiron axudas para implantar Plans de Igualdade e revisáronse máis de 100 convenios colectivos

Santiago, 10 de marzo de 2011.-  A Consellería de Traballo e Benestar incentivou, ao longo de 2010, preto de 10.000 empregos femininos. Ao tempo, puxo en marcha novos recursos de conciliación da vida laboral, persoal e familiar, como 2.000 novas prazas en escolas infantís, outras 2.000 en atención a maiores desde que comezou a lexislatura e 500 en atención á discapacidade. Así o salientou hoxe a titular deste departamento autonómico, durante unha resposta parlamentaria sobre as actuacións do Goberno galego en materia de igualdade. Durante a súa intervención, Mato destacou que a Xunta “ten garantido a transversalidade” das políticas neste eido. Neste sentido, explicou que actualmente se está a completar no diálogo social un programa de emprego feminino, aínda que as súas primeiras medidas, en liña co acordado no diálogo social, xa se puxeron en marcha en 2010. Así, a muller tivo, durante o pasado exercicio, un lugar prioritario no acceso ás diversas políticas activas de emprego, así como no fomento da empregabilidade, do emprego e a contratación. Deste xeito, apuntou que o 38 por cento das persoas contratadas ao abeiro do programa de cooperación coas entidades locais foron mulleres (un total de 1.500), mentres que estas acadaron unha porcentaxe do 78 por cento (1.000 mulleres) nos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro. Ademais, o 60 por cento dos beneficiarios dos programas mixtos de formación para o emprego foron mulleres, o que supón máis de 2.500. No que se refire ás axudas concedidas ás liñas de contratación, apoio ao autoemprego, e contratación das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión, o 50,1 por cento dos contratos foron asinados por mulleres, é dicir, foron contratadas 5.826 mulleres. Polo tanto, resumiu Mato, a Consellería de Traballo e Benestar promoveu ao longo de 2010 a contratación de preto de 10.000 mulleres.

Programa “Executiva”

Por outra banda, a conselleira explicou tamén que o Goberno galego está a actuar na mellora da calidade dos postos de traballo femininos. Con este fin, púxose en marcha o Programa Executiva, que sitúa a Galicia entre as pioneiras no Estado, e que pretende impulsar ás mulleres empresarias ou con perfil directivo. Ademais, Traballo e Benestar puxo en marcha outras medidas co fin de fomentar a igualdade efectiva entre homes e mulleres. Entre outras, Mato salientou a posta en marcha da Comisión consultiva autonómica para a igualdade na negociación colectiva, e que se comezaron a revisar por primeira vez os textos dos convenios colectivos para valorar o cumprimento da normativa en materia de igualdade de xénero. Ata o momento, avaliáronse máis de 100 textos. Tamén, a Xunta apoiou que as pequenas e medianas empresas elaboraran Plans de igualdade, unhas subvencións que chegaron a 43 empresas. Outras das iniciativas postas en marcha pola Consellería de Traballo, foi a “Marca galega de excelencia en igualdade”, un distintivo a través do cal a Xunta outorga un recoñecemento ás empresas que destacan pola aplicación de políticas de igualdade. Na súa intervención, a conselleira fixo tamén un repaso por algunhas das medidas postas en marcha pola Secretaría Xeral de Igualdade, que outorgou, por exemplo, axudas para apoiar as iniciativas empresariais de mulleres. A Secretaría apoia tamén con axudas o fomento da corresponsabilidade dos homes que reducen a súa xornada laboral para atender aos fillos e fillas. A conselleira destacou a importancia dos recursos públicos que favorezan a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, xa que seguen sendo as mulleres as que soportan unha “dobre carga” á hora de organizar o seu tempo. Foi neste contexto no que resaltou a creación, en menos de 2 anos, de preto de 5.000 prazas públicas en escolas infantís, centros de atención ás persoas maiores, e centros de atención á discapacidade. E, tamén, en menos de 2 anos aumentou nun 200 por cento a atención á dependencia, especialmente no eido dos servizos, “porque son os que realmente supoñen un avance na conciliación da vida laboral, persoal e familiar”, segundo reflexionou Mato. Así, nesta liña de actuación, multiplicouse por 8 as libranzas vinculadas ao servizo, aumentouse en 7 puntos as resolucións de axuda a domicilio, e en 3 puntos máis as resolucións de centro de día. Por último, a conselleira apuntou que o Goberno reduciu o crecemento do paro feminino á terceira parte, en relación ao último ano do Goberno bipartito. Neste eido, sinalou que actualmente hai en Galicia 11.700 contratos indefinidos máis para mulleres que en 2008, pese a crise.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: