O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE APOSTA POR UNHA CIDADE DE VIGO EPICENTRO DA EURORREXIÓN GALICIA-NORTE DE PORTUGAL E NODO INTERMODAL DE GALICIA
Hernández pronunciou unha conferencia na Sede da Confederación de Empresarios de Vigo, baixo o lema “O presente e o futuro das infraestruturas en Vigo”.-
- Agustín Hernández subliñou que os retos de Vigo como cidade pasan por impulsar a creación da área metropolitana, que terá competencias en urbanismo, transporte público de viaxeiros, xestión hidráulica e de residuos, entre outras
- O conselleiro de Medio Ambiente destacou que a Xunta está a investir máis de 1.152 millóns de euros en obras de administración hidráulica; urbanismo; infraestruturas, mobilidade, vivenda e solo empresarial, tanto en Vigo cidade como na área urbana
- “A constitución da área metropolitana de Vigo perfílase como o mellor camiño, xa que daría autonomía aos concellos; promove a colaboración entre os mesmos; e permitiría unha planificación integral do territorio”, sinalou Hernández.
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, destacou hoxe a clara vocación supramunicipal de Vigo, que ten como epicentro a propia cidade olívica, e que se expande aos concellos do redor para converterse en capital de toda a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Definiu a Vigo como un importante nodo intermodal que, coas súas conexións vía estradas, porto, aeroporto e ferrocarril, a colocan nunha clara posición estratéxica. Agustín Hernández fixo estas declaracións no transcurso dunha conferencia pronunciada na Sede da Confederación de Empresarios de Vigo, baixo o lema “O presente e o futuro das infraestruturas en Vigo”. Hernández subliñou que os retos de Vigo como cidade pasan por “impulsar a creación da área metropolitana, con “competencias na ordenación do territorio; polo que tería maior peso na redacción do Plan Territorial Integrado Metropolitano e nos plans e programas sectoriais metropolitanos e cooperación urbanística; no transporte público de viaxeiros, unha actuación que a Xunta propón botar a andar de inmediato para despois adecuala á área metropolitana; e as competencias en medio ambiente, nas que se prepararía a estratexia metropolitana contra o cambio climático e se organizaría a súa xestión de residuos”. Ademais, en materia de augas, “garantiríase a presenza da área metropolitana no consello de Administración Hidráulica de Galicia, obtendo competencias en abastecemento domiciliario e saneamento, incluído a rede de sumidoiros e a depuración de augas. O conselleiro de Medio Ambiente insistiu en que “Vigo e a súa área precisan prepararse para continuar co seu desenvolvemento”, e destacou que a Xunta de Galicia está a investir para elo máis de 1.152 millóns de euros en obras e proxectos de administración hidráulica; urbanismo; infraestruturas, mobilidade, vivenda e solo industrial, tanto en Vigo cidade como na área urbana. “A constitución da área metropolitana de Vigo perfílase como o mellor camiño, xa que daría autonomía aos concellos; promove a colaboración entre os mesmos; e permitiría unha planificación integral do territorio”, finalizou Hernández.