COMEZA O CURSO SOBRE ESTRATEXIAS DE MARKETING SOCIAL NAS AULAS CEMIT DE PONTEVEDRA, VIGO E TUI
A actividade forma parte do Plan de Formación 2011 da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT) e impartirase nas aulas CeMIT de Pontevedra, Vigo e Tui
- A través do curso, de carácter gratuíto e que se desenvolverá do 21 ao 25 de marzo, os alumnos coñecerán os modos máis axeitados de participación dentro das redes sociais on-line
- A Rede CeMIT ten como obxectivo facilitar o acceso igualitario da cidadanía á formación dixital
As aula de Pontevedra, Tui e Vigo da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT) acollerán ao longo de toda o vindeira semana un curso sobre Estratexias de Marketing en Internet. A actividade, de carácter gratuíta, forma parte do Programa de Formación 2011 da Rede CeMIT da Xunta de Galicia. Con este curso preténdese dar a coñecer a organización das redes sociais on-line como expoñente dos novos valores de relación e comunicación en Intenet. Ademais, darase a coñecer o papel dos usuarios de Internet como emisores e transmisores de contidos e non como simples receptores de información así como os modos máis axeitados de participación dentro das redes sociais on-line. O curso combina actividades presenciais e on-line. Así, durante os cinco días que dura o mesmo, emitirase na aula un capítulo do video documental realizado para a ocasión cos contidos do curso seguido dunha explicación e resolución de dúbidas (titorización) por parte do técnico experto a través de videoconferencia. A Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha o Programa de Formación 2011 da Rede de Centros para a Modernizacón e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT) a través do cal se impartirán durante este ano en 89 concellos galegos máis de mil cursos gratuítos cunha asistencia estimada de 10.000 alumnos. Xunto cos 1.000 cursos impulsados pola Xunta de Galicia, o Plan de Formación 2011 prevé a adhesión de entidades colaboradoras, que poderán empregar as instalación da Rede CeMIT para a difusión dos seus propios proxectos en materia de novas tecnoloxías así como para desenvolver actividades formativas propias. Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT prevé desenvolver campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contarán co servizo de “aula aberta”, que posibilitará o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.