O CONSELLO GALEGO DE ACCIÓN VOLUNTARIA APROBA CON TODOS OS VOTOS A FAVOR O ANTEPROXECTO DE LEI DO VOLUNTARIADO

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presidiu hoxe a sexta xuntanza deste organismo
  • Neste Consello, están representadas as entidades galegas de acción voluntaria, entidades locais, o Consello Galego da Xuventude, organizacións sindicais e a Confederación de empresarios de Galicia
  • A consulta de hoxe ten consideración de ditame, segundo establece o propio regulamento deste organismo

 O Consello galego de acción voluntaria aprobou hoxe, con todos os votos a favor, o proxecto da nova Lei en materia de voluntariado que ten elaborado a Consellería de Traballo para adaptar a normativa á sociedade actual. A consulta realizada hoxe ten consideración de ditame preceptivo, segundo establece o propio regulamento deste organismo. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presidiu hoxe esta sexta xuntanza do Consello galego de voluntariado. O departamento autonómico convocou a reunión por dúas razóns: para abordar a Lei galega de acción voluntaria e para presentar a programación para o Ano europeo do voluntariado. No Consello están representadas –ademais da propia Consellería, a través dos seus directores xerais- as entidades galegas de acción voluntaria, as entidades locais, o Consello Galego da Xuventude, as organizacións sindicais e a Confederación de empresarios de Galicia. Tanto a conselleira como o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, expuxeron os detalles do anteproxecto de Lei, co fin de consultar o seu parecer aos asistentes, que emitiron todos un voto favorable e presentaron algunhas alegacións “que serán estudadas para incorporar ao texto”. Neste sentido, Mato destacou que a elaboración deste anteproxecto partiu da premisa de contar co “máximo consenso posible”. Por iso, durante a súa redacción xa se contou coas preto de 800 entidades inscritas no Rexistro de entidades de acción voluntaria para recoller as súas alegacións. Ademais, con este mesmo obxectivo, o borrador estivo dispoñible para facer alegacións na web de Voluntariado. “O obxectivo é dotar ao voluntariado dun marco normativo propio, que sirva para mellorar a cantidade e calidade da acción voluntaria en Galicia”, resumiu a conselleira. Trátase dun texto “novidoso e moderno”, que incorpora as novas visións da Unión Europea, e que actualiza a normativa actual, que data do ano 2000. Ademais, é unha lei “completa”, que abrangue desde a formación en voluntariado ata o fomento da acción voluntaria en todos os eidos da sociedade. Tamén achega instrumentos de planificación e regula o propio Consello Galego de Acción Voluntaria, ademais de crear o Observatorio galego da acción voluntaria.
Un dos puntos principais deste anteproxecto é que prevé que os voluntarios poidan acreditar a súa experiencia a través de certificacións. Así, introduce a posibilidade de que os voluntarios e voluntarias poidan obter certificacións da súa participación en distintas actividades, a fin de poder acreditar un historial persoal que valide e recoñeza a experiencia adquirida. Ademais, o anteproxecto integra como sector novo de actuación da acción voluntaria o fomento de novas tecnoloxías e incorpóranse novas accións de fomento do voluntariado. En concreto, preténdese lograr unha maior continuidade temporal do compromiso das persoas voluntarias, así como promover o voluntariado nos centros educativos e fomentar a acción voluntaria corporativa que desenvolven as empresas no seu contorno económico e social. Con respecto á programación do Ano europeo do voluntariado, Mato destacou que Galicia será a encargada este ano de organizar o Congreso estatal de voluntariado, que permitirá a Galicia “converterse no epicentro da acción voluntaria de toda España, difundir o noso labor neste eido e vinculalo ao Camiño de Santiago”. De aí o lema “Camiños de solidariedade”, que terá este Congreso.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: