O BNG denuncia o estado do saneamento no Feital en Salcidos
O Bloque Nacionalista Galego presentou unha iniciativa ante o desbordamento que sofren as arquetas na pista que vai ao camping, asolagando o firme e botando verquidos directamente ao medio e, apenas, a uns metros de captacións de auga para consumo.
O concelleiro nacionalista, Xan Lois Lomba, acompañado por veciños e outros membros do BNG puideron ver o estado da pista que vai o camping, especialmente a zona do Feital.
“Puidemos comprobar como manaba auga das arquetas en grandes cantidades con restos orgánicos, papeis, excrementos, plásticos, etc …, que provocaba un cheiro nauseabundo. A situación era tal que a pista e as fincas estaban totalmente inundadas deixando todos os restos esparexidos pola calzada, chegando a deixar o firme impracticábel” comentou Xan Lois.
Para o BNG é preocupante que esta situación se estea a dar dentro da zona Rede natura 2000 e a escasos metros de captacións de auga para consumo. Asemade, puidemos comprobar a falta de medidas de seguridade que existen nas instalacións onde se aloxan as bombas de captación e cunha facilidade de acceso pode poñer en perigo a calquera persoa.