Santi Domínguez anuncia na inauguración da biblioteca “Xosé Neira Vilas” que a segunda da rede abrirá en Navia

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o  concelleiro de Cultura, Xesus López, inauguraron este xoves a biblioteca municipal “Xosé Neira Vilas”, coa presenza do escritor que lle da nome, o director xeral do Libro e a actuación de Cándido Pazó. No acto, o nacionalista afirmou que coa posta en marcha desta nova infraestrutura sáldase “unha das débedas históricas que tiña esta cidade”. Ademais, avanzou a posta en marcha da segunda biblioteca de proximidade en Navia dentro da Rede Municipal de Bibliotecas e as dúas primeiras Axencias de Lectura en Valadares e Fragoso. O tenente de alcalde expresou a súa satisfacción por contar coa presenza do autor de “Memoria dun neno labrego” na apertura da biblioteca e lembrou que “algo tivo que ver Balbino –protagonista da obra- en que eu sexa hoxe nacionalista e do BNG, porque lendo ese libro sentín moitas cousas ”. Santi Domínguez dixo que era “un luxo” contar con persoeiros como Xosé Neira Vilas, ao igual que como Xesus Alonso Montero e Antía Cal, que tamén asistiron a inauguración. Santi Domínguez fixo entrega a Neira Vilas do primeiro carné da biblioteca. O escritor amosou a súa “grande emoción por que o Concello de Vigo decidira darlle o meu nome a esta biblioteca do Calvario, un barrio este con moita historia”. Xosé Neira Vilas fixo referencia a súa longa relación coa cidade e tamén ao importante papel que Vigo ten xogado ao longo da historia no mundo das letras. A respecto da dotación cultural quixo salientar que “unha biblioteca non é só un lugar no que se ven a ler, senón tamén un estimulador centro de cultura”. Santi Domínguez afirmou na súa intervención que coa apertura desta primeira dotación da Rede Municipal de Bibliotecas cúmprese o obxectivo marcado pola Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura de incrementar os servizos bibliotecarios da cidade. “A cidade tiña unha importante carencia destas infraestruturas culturais e cando chegamos ao goberno puxemos como obxectivo que había que empezar a cambiar esa situación. E hoxe cumprimos ese obxectivo”, subliñou. Segundo explicou o nacionalista, a biblioteca nace co obxectivo de “satisfacer as necesidades sociais, culturais, lúdicas, informativas e formativas da poboación de toda a zona”, converténdose nun referente no Calvario e Lavadores. Para acadar este fin sinalou que na elaboración do proxecto fuxiuse do concepto tradicional de biblioteca, polo que non só prestará os servizos tradicionais como o préstamo e consulta en sala. Ademais desenvolverá outro tipo de actividades como a hora do contos, clubs de lectura, presentacións de libros ou celebración de conferencias. “Hai que recuperar o gusto polo libro, pero non podemos esquecer que a través das novas tecnoloxías tamén se pode chegar a Balbino”, indicou. O centro conta 66 postos de usuario, ampliables a 72, distribuídos  en zonas de lectura, de audiovisuais, de consulta, de catálogo, de información ou de  ordenadores de uso libre. A biblioteca dotarase progresivamente ata un máximo de 11.000 exemplares. Ao longo deste ano chegará aos 7.824, dos que 814 foron achegados pola Consellería de Cultura e Turismo, que tamén aportou o mobiliario. O investimento total superou os 1,2 millóns de euros, dos que o Concello financiou o 50%. O resto do investimento correu a cargo do Plan FEIL con 457.000 euros e a Consellería de Cultura con 166.000 euros.

  1. O concelleiro de Cultura, Xesus López, afondando na concepción da biblioteca explicada polo tenente de alcalde, asegurou que se trata dunha dotación “en consonancia coa cidade moderna que é, en consonancia cunha cidade do século XXI”. Neste sentido, salientou que a Rede de Bibliotecas está “moi  alonxada da concepción decimonónica”, como meros contedores de libros e como salas de lectura. Pola contra, defendeu que a biblioteca inaugurada hoxe está entendida “como centro dinamizador da cultura da súa zona de influencia”.
  1. Xesus López expresou o seu agradecemento ao tenente de alcalde, ao equipo da Concellería de Cultura, á Asociación Veciñal do Calvario, “porque todo foron facilidades para que esta biblioteca se instalara nestas dependencias”, a Isabel Blanco, “recoñecida especialista en bibliotecas coa que contamos para o asesoramento neste proceso”, ao director do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, e sobre todo, a Xosé Neira Vilas. Sinalou que falar do escritor é falar ineludiblemente de “Balbino, un rapaz de aldea, como quen di un ninguén. E ademais, pobre”. Lembrou que estas verbas coas que comeza «Memorias dun neno labrego», son as verbas coas que comezaba, nos anos 80, todos os cursos as clases de galego nunha escola do rural de Ourense. As mesmas coas que centos de nenos e nenas de 11, 12 e 13 anos “introducíronse no mundo da literatura, da literatura galega, da literatura en galego, e descubriron un mundo infinito de maxia e ilusión” Para rematar a inauguración Cándido Pazo representou o monólogo “Memoria das Memorias dun Neno Labrego”. Segundo o actor, non é “unha adaptación ao pé da letra, senón máis ben é un monólogo escénico-narrativo basedo nas memorias dun neno labrego desde a miña propia memoria e desde a memoria colectiva”.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: