O candidato nacionalista, Alberte Alonso Pereira,presentado no Rosal.

Alberte Alonso: “na actual situación de crise, é prioritario promover medidas encamiñadas á creación de emprego e ao desenvolvemento local” O BNG no Rosal presentou este xoves a candidatura para as próximas elección municipais. O acto tivo lugar no Centro Polivalente, que quedou pequeno para acoller ao numeroso público asistente. O candidato nacionalista, Alberte Alonso Pereira, referiuse na súa intervención, ao escenario de crise na que se van desenvolver estas eleccións, e na previsible continuación durante a próxima lexislatura. Nese sentido apuntou que o  BNG priorizará a súa actuación política en promover medidas encamiñadas á creación de emprego e ao desenvolvemento local, co fin de dinamizar a economía local. A creación dun viveiro de empresas vinculado aos sectores produtivos do Rosal; a execución do Polígono Empresarial; o apoio ás empresas que completen o ciclo produtivo na localidade, aos pequenos produtores ou a promoción do comercio local, foron algunhas das propostas formuladas por Alberte Alonso. Indicou tamén, que aínda que non era o momento de grandes obras, había que abordar a humanización da praza do Calvario, e recuperala para o uso e disfrute das persoas. Nese sentido, dixo que agora mesmo é basicamente un aparcamento e os aparcamentos deberíanse habilitar nas proximidades da mesma, aportando dúas posibles localizacións, as zonas do pavillón municipal e en Barbuntín, onde están previstas actuacións urbanísticas. Alberte Alonso criticou que o actual alcalde e equipo de goberno, no proxecto de urbanización da finca de Barbuntín, cunha superficie de preto de tres hectáreas, só adique 226 m2 para solo de vivendas de promoción pública e só cree 64 prazas de aparcamento. Lembrou tamén que o PP, o único que tivo en conta cando elaborou o Plan Xeral foi, “pór o territorio ao dispor dos especuladores, legalizar obras ilegais e beneficiar a amigos e afiliados”  Nese sentido indicou, que mentres o BNG estivo durante estes catro anos defendendo os intereses xerais e os dos veciños, o PP defendeu os dos seus amigos. Ademais do Plan Xeral, puxo como exemplo a posición do PP a favor da nova Lei de Augas, que crea un imposto inxusto, ou a posición diante das demandas da consulta de pediatría diaria e a praza de matrona. Xa ao final da súa intervención, Alberte Alonso, apostou por rematar coa rede de saneamento, e de facer que todos paguen o mesmo polo enganche deste servizo. Indicou que era necesario darlle unha solución aos barrios de San Xián e Portecelo, dos cales dixo que eran os grandes esquecidos. Fixo referencia tamén, ao “mal trato” que recibe a Agrupación Musical do Rosal, da que dixo, que a pesar de ser unha Banda de primeira categoría e das mellores de Galiza, o concello dáballe unha subvención “de terceira”. Apuntou á necesidade de que dende o concello se lle de o trato que se merece, e non se lembren só dela para “sacar a foto” cando reciben un premio. Finalmente dixo, que o BNG representa a alternativa de futuro para O Rosal, e pediu o apoio dos veciños e veciñas. “Temos ideas. Temos proxecto e temos un equipo de persoas capacitadas. Coa vosa forza, O Rosal ten futuro”, finalizou. O acto foi presentado por Carlos Villanueva, número dous na candidatura, quen lembrou que o  BNG é grupo municipal que máis propostas ten presentado durante esta lexislatura. Referíndose ao candidao á Alcaldía dixo:  Alberte é sen dúbida o candidato máis capacitado para facer do Rosal un pobo dinámico, nun futuro que se presenta difícil e no que vai a ser de vital importancia aportar propostas valentes e imaxinativas, que teñan como principal obxectivo mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas do Rosal Pola súa parte Bieito Lobeira, deputado no Parlamento Galego que interviu no acto, referiuse ao BNG como unha auténtica necesidade. Fronte ao PSOE e ao PP, que en esencia representan o mesmo, está o BNG, a única forza política cun  modelo alternativo e centrado na procura do benestar das maoiría sociais do noso país, engadiu. As persoas que integran a candidatura son, ademais do candidato á alcaldía, Alberte Alonso Pereira; por este orde, Carlos Villanueva Domínguez; Noemí Baz Rodríguez; Serafin Fernández Portela; Noemí Lomba; Eladio Fernández Portela; Leonor Alfonso Martínez; Moncho Fernández Leal; Mª Teresa Iglesias Pena; Roxelio Fernández Portela; Aida Dantas Fuentes; Beatriz Lorenzo; Isaac Cerqueira Pérez e como suplentes, María Anxos Sobriño Pérez; Eduardo Rivero Estévez; Arximiro Martínez Puentes e Olimpia Alcaraz Ladredo.

About Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: