O tenente de alcalde reivindica o papel de Vigo na política de cohesión europea polo seu “enclave estratéxico”

Bruxelas 31 de marzo de 2011.- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, participou hoxe en Bruxelas nas xornadas “As nosas nacións e rexións na futura política de cohesión” onde puxo de relevo o papel que Vigo ten que xogar na cohesión territorial europea “como cidade transfronteiriza con Portugal e enclave estratéxico da fachada atlántica”. O nacionalista demandou tamén que na futura política de cohesión se teña en conta o factor marítimo, así como a situación territorial, social e económica de territorios e nacións como Vigo e Galiza á hora do reparto dos fondos estruturais.Santi Domínguez participou nas xornadas, organizadas pola Alianza Libre Europea, para amosar a experiencia de Vigo e a transformación que a cidade ten experimentado nos últimos anos. Na súa intervención, titulada “Vigo, o caso dunha cidade da periferia atlántica de Europa”, fixo fincapé na necesidade de que as cidades cobren maior protagonismo á hora de definir o reparto dos fondos de cohesión. A este respecto, apuntou que “son moitos os filtros que hai antes de que cheguen a nós e así resulta complexo poder empregalos para atender aquelas cuestións dos nosos sectores básicos que realmente precisamos resolver”.  O nacionalista defendeu que cidades como Vigo e territorios como Galiza deben seguir sendo obxectivo dos fondos comunitarios. Na súa opinión nos criterios da vindeira programación dos fondos estruturais, que irán do período 2013 ao 2020, para garantir esa prioridade será necesario introducir criterios como o marítimo, o industrial e o fronteirizo. “Poderase garantir así que ese reparto sexa acaído á situación territorial”, apuntou.  O tenente de alcalde salientou que os fondos de cohesión teñen unha importancia fundamental para territorios periféricos como é o caso de Vigo e Galiza, especialmente polos desequilibrios que xerou a integración na Unión Europea. Como exemplo sinalou que “o sector pesqueiro está pagando hoxe as consecuencias dunha política pesqueira común que pola mala negociación na adhesión do Estado español discrimina a frota galega”. Santi Domínguez lamentou que os acordos asinados pola UE con países como Papúa-Nova Guinea non benefician ao noso sector conserveiro, ao tempo que cuestionou que nunha época de crise como a actual a Consellería do Mar teña máis preocupación por “construír portos deportivos e promover a acuicultura industrial que de apoiar un verdadeiro sector estratéxico para Galiza”.  Referiuse tamén ao problema que ten a Ría de Vigo coa liberalización do transporte marítimo de pasaxeiros. O nacionalista explicou que a situación é consecuencia “dun Goberno autonómico do PP que monopolizaba o servizo e tamén polo freo que impón a Comisión Europea, pola liberalización do transporte de pasaxeiros, unha liberalización que no caso de Vigo supón que non se poida fornecer o servizo de transporte a persoas que se desprazan dun a outro lado da Ría de Vigo”. Diante de deputados e deputadas europeos e de representantes de diferentes  territorios e nacións da Unión Europea, o tenente de alcalde salientou a relevancia industrial de Vigo, pero quixo tamén amosar a transformación que a cidade está a experimentar e como se vai abrindo a outros sectores que poden favorecer a dinamización económica. Así referiuse ao Campus do Mar, co que a Universidade de Vigo foi quen de coordinar aos sectores relacionados co mar e conseguir a cualificación de Campus de Excelencia. Santi Domínguez apuntou tamén a importancia que desde a Tenencia de Alcaldía se lle está a dar “nestes momentos de debilidade” ao pequeno e mediano comercio ou ao turismo como elementos de impulso económico.  A Alianza Libre Europea, que organizou estas xornadas que se celebraron no Parlamento Europeo, é un partido político integrado por diferentes organizacións do nacionalismo progresista da Unión Europea do que forma parte o BNG. O tenente de Vigo participou xunto á representantes da Comisión Europea, así como de  Escocia, Gales, Flandes, Córsega e de Euskadi e Cataluña, entre outros.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: