SANTI DOMÍNGUEZ: “ESIXIMOS QUE O GOBERNO GALEGO DO PP TOME MEDIDAS ANTE OS PROBLEMAS DO SECTOR NAVAL”
Henrique Viéitez levará adiante unha serie de iniciativas no Parlamento Galego, entre elas a posta en marcha dun centro de reparacións navais na ría. . O candidato á alcaldía de Vigo polo Bloque Nacionalista Galego deu esta mañá unha rolda de prensa, acompañado do deputado no Parlamento Galego Henrique Viéitez sobre a situación do sector naval, a raíz dunha serie de medidas que vai propoñer o BNG na Cámara Autonómica. “Nin o señor Feijóo nin tampouco a señora Corina Porro se preocupan polos nosos sectores produtivos”, afirmou. Santi Domínguez lembrou que “hoxe en día a situación do naval fai que as factorías non sexan outra cousa que o punto final dun traballo no que participan otras empresas, as auxiliares”. E que “cando a produción decae, os empregos recórtanse nas auxiliares aínda que se poida manter nas grandes empresas”. Lembrou tamén que segundo datos da CIG “as empresas auxiliares do naval, que chegaron a empregar no seu momento a case 10.000 persoas, hoxe en día só dan emprego a perto de 2.500 traballadores e traballadores e sen dúbida o preocupante aumento do paro en Vigo se debe tamén a esta crise industrial neste sector concreto”. “Unha vez máis, a resposta do Partido Popular a esta crise é a inactividade e a inacción, o que por certo, contrasta coa política que seguía no seu día o BNG cando dirixía a consellaría de Innovación e Industria, sempre pendentes do sector naval, sempre preocupados por buscar novos nichos de mercado e por apoiar un sector económico que xera postos de traballo razoablemente ben pagos con certa estabilidade e directamente vinculado con outras actividades económicas”, dixo. Centro de reparacións do naval para a Ría de Vigo Entre as iniciativas que vai propoñer o BNG no Parlamento esta á creación dun centro de reparacións navais na ría de Vigo. Domínguez asegurou ao respecto que “isto pode ser un gran avance para o sector”, e lembrou que esta medida xa foi proposta no seu día pola consellería de Innovación e Industria e estaba incluída no programa nacionalista das pasadas eleccións autonómicas. “Pensemos que o naval en Vigo pasou por unha etapa de plena carga de traballo nos anos 2008, 2009 e parte do 2010, nos cales o goberno do señor Feijóo tiña que ter acompañado ao sector na súa busca de novos contratos, e debería ter seguido adiante co proxecto do centro de reparacións”, afirmou Domínguez, aproveitando así “a condición portuaria da nosa cidade e a man de obra experta coa que contamos”. Comprometeuse a introducir esta medida no programa electoral nacionalista e a comprometerse a defender o naval, un sector tan estratéxico como a automoción para a cidade de Vigo. Henrique Viéitez: “É máis importante o centro de reparacións que as fontes cibernéticas” O deputado do BNG asegurou tamén na rolda de prensa que é máis importante para o Porto de Vigo a posta en marcha dun centro de reparacións para o sector naval, ou a reordenación de espazos portuarios, “que a posta en marcha de fontes cibernéticas ou paseos marítimos”. “Esta é unha materia pendente para todos os presidentes que tivo o Porto de Vigo”, asegurou o parlamentar. Nesa liña, Henrique Viéitez afirma que os avais a empresas en crise comprometidos polo goberno son necesarios, pero non suficientes para resolver o problema. Asegurou que o futuro do naval está en mellorar os procedementos de investigación, desenvolvemento e innovación, na liña do feito durante o período en que o BNG estivo á fronte da consellaría de Innovación e Industria. “O 70% do valor dos buques está en equipos auxiliares e na tecnoloxía engadida, non tanto na construción do casco”, afirmou. “Se o naval, que é un sector estratéxico para comarcas galegas como Vigo ou Ferrol, está no Parlamento Galego ou no Parlamento do Estado é grazas ao BNG”, dixo. Segundo explicou o deputado portavoz de Industria, “o futuro do sector naval non pasa só pola construción, senón tamén polas reparacións e a transformación de buques xa existentes”. Viéitez tamén respondeu a preguntas dos xornalistas sobre a non concesión dun aval por parte de Pymar ao estaleiro Barreras, asegurando que ese tipo de cuestións se deben “á falta de peso político de Galiza a nivel de Estado, xa que para estaleiros de Andalucía si houbo avais”. Entre as iniciativas que levará o BNG na súa proposición non de lei están a concesión de avais de urxencia durante os próximos 6 meses, o mantemento do emprego (se é preciso recorrendo a EREs temporais que inclúan formación para o persoal afectado) e o investimento decidido en I+D+i, así como o xa citado Centro de Reparacións do Naval.