Rodman creará unha bolsa de emprego para recuperar no futuro o persoal afectado polo ERE extintivo

O comité de empresa incluíu no acordo medidas para reducir nun 40% o impacto da proposta de eliminar 120 dos 277 postos de traballo O cadro de persoal de Rodman Polyships aprobou por unanimidade o ERE extintivo presentado pola empresa despois de que o comité lograse introducir unha cláusula que establece a creación dunha bolsa de emprego que vincula a reincorporación dos traballadores/as despedidos á futura recuperación da compañía. Ao mesmo tempo, o acordo coa firma de construción naval con sede na parroquia moañesa de Meira, que foi ratificado onte en asemblea, inclúe unha serie de medidas que reducen nun 40% o impacto da proposta inicial de eliminar 120 dos 277 empregos.Dende o comité de empresa sinalan que o acordo con Rodman establece tamén unha serie de cláusulas de exclusión mediante as que se favorece aos colectivos con máis dificultade para incorporarse ao mercado laboral. Deste xeito, quedan fóra do Expediente de Regulación de Emprego as persoas maiores de 55 anos e as mulleres. “O caso das mulleres é moi importante para nós porque se trata dun sector moi masculinizado é non podiamos permitir que se reducise aínda máis a súa presenza, que é só dun 7% na empresa”, sinala o presidente do comité, Moisés Currás, da CIG. O representante sindical tamén explica que se conseguiu reducir nun 40% o impacto da proposta inicial da empresa grazas a unha serie de medidas como as prexubilacións e os traspasos e cesións a outras empresas do grupo. “O 60% restante incorpórase a unha bolsa de emprego que contén cláusulas garantistas de regreso unha vez se recupere a compañía”, indica. En canto ás indemnizacións, explicou que se logrou que recompensasen os esforzos realizados polos traballadores/as máis castigados durante os dous EREs rotativos presentados pola empresa con anterioridade. Currás sostén que o acordo foi posíbel pola unidade que demostrou o cadro de persoal e que quedou patente na asemblea na que se ratificou por unanimidade. “Somos conscientes de que non se trata dunha boa saída, pero é a mellor posíbel nestes momentos porque se vincula ao futuro da empresa, no que todos/as temos confianza”, recoñeceu. Neste senso, lembrou que dos milleiros de EREs presentados en Galiza e no Estado español nos últimos anos “hai moi poucos que establezan unhas garantías coma estas”.

Crise económica e do sector

O presidente do comité detallou que os problemas na compañía comezaron no ano 2008 de xeito paralelo á crise económica que afectou ao sector, o que motivou a presentación dun ERE rotativo ao ano seguinte. “Ao mesmo tempo adoptáronse unha serie de medidas para salvar o emprego en Meira como a eliminación das horas extras, a absorción dos labores subcontratados e o peche das factorías que o grupo tiña noutras zonas”, enumera. Lembra tamén que foi precisamente a política de persoal negociada polo comité de empresa a que permitiu que o emprego medrase dende o 2000, pasando de 110 traballadores/as aos 367 do ano 2010. Finalmente, amósase convencido de que o acordo supón un “sacrificio temporal” para o conxunto dos empregados da empresa e confía en recuperar canto antes “o que agora se perde”.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: