O BNG traballará por Vigo na oposición e que o PSOE non terá “un cheque en branco” afirma Santi Domínguez

O tenente de alcalde en funcións, Santi Domínguez, valorou hoxe a decisión da Asemblea Local celebrada onte, na que o BNG decidiu maioritariamente non entrar no goberno de Vigo e deixar que o PSOE goberne en minoría, ao tempo que refrendou a decisión do Consello Local de respaldar a continuidade de Santi Domínguez ao fronte do grupo municipal. “O BNG demostrou onte a súa reflexión e que tomamos boa nota do que a cidadanía di”, asegurou o nacionalista. Afirmou que os nacionalistas traballarán pola cidade desde a oposición e adiantou que o apoio á investidura do candidato do PSOE como alcalde non é “un chegue en branco”.

Para Santi Domínguez, a Asemblea Local demostra tamén que o BNG é unha “forza política autocrítica que é capaz de reflexionar dende a unidade”. Afirmou que o BNG “non está en absoluto morto, como algúns poderían pensar, senón que estamos con máis ilusión que nunca e con máis ganas de traballar que nunca”. Explicou que este novo proceso que afronta a formación nacionalista iniciarase co contacto directo coa cidadanía e cos sectores cos que o BNG estivo en contacto ao longo dos catro anos “para preguntarlles en que nos equivocamos e en que temos que virar”. Pola contra, o nacionalista considerou que hai outras formacións que non son capaces de facer autocrítica e que lle botan a culpa á cidadanía.

Había quen durante a campaña dicía que entrariamos nun goberno de coalición por amarrar cargos e onte demostrouse que non é así”, dixo Santi Domínguez, en referencia ao resultado maioritario de militantes do BNG que expresaron a súa opinión de que non é convinte asinar un novo pacto de goberno, entre os que se incluíron os actuais concelleiros e concelleiras en funcións da formación nacionalista.

Por outra banda, Santi Domínguez puxo en valor o papel desempeñado polo BNG nesta lexislatura que remata. “Formamos parte dun goberno que garantiu a estabilidade e a transformación da cidade”, asegurou. Ao seu xuízo, os réditos da colaboración, lealdade e corresponsabilidade do BNG no goberno municipal “foron para o PSOE, polo que cremos que é o momento de permitir que goberne en minoría e demostre a súa capacidade de xestión”. Pola contra, dixo que por parte desa formación política “non houbo esa lealdade”, polo que manifestou que o BNG “ten hoxe dereito de poder dicir á cidadanía que imos a estar na oposición”.

En resposta aos medios, o tenente de alcalde en funcións indicou que hai “probas evidentes” de que a outra parte do goberno non foi tan leal como o BNG. Entre elas citou a apropiación dos logros, a falta de respecto ás competencias ou mirar ao BNG non como parte do goberno senón “como rivais no goberno”. Preguntado pola posibilidade de incidir na sociedade, Santi Domínguez considerou que se pode incidir “no goberno ou fóra do goberno”. Indicou que a cidadanía decidiu que non goberne a dereita, que o goberno sexa abandeirado polo PSOE, e que “nós debemos ocupar outro lugar”.

Debullando o papel que xogará o BNG na vindeira lexislatura, o actual tenente de alcalde en funcións asegurou que a formación nacionalista “contribuirá tamén a non permitir que goberne a dereita nesta cidade”, tal e como xa anunciara ao longo da campaña electoral. Neste sentido, adiantou que o BNG votará a investidura de Abel Caballero como alcalde, polo que dixo que os arredor de 16.000 votantes do BNG “poden estar tranquilos porque os seus votos van permitir que non goberne a dereita na cidade”.

Santi Domínguez lembrou a súa intervención na Asemblea Local, na que dixo “que ninguén se crea que os tres votos dos concelleiros do BNG serán un cheque en branco”. Indicou que os nacionalistas traballarán no que consideran fundamental, como é que este Concello siga sendo parapeto da crise económica e se siga impulsando a igualdade de oportunidades, “tal e como fixemos nestes catro anos”. Porén, dixo que “non nos van atopar nas políticas de non querer escoitar aos colectivos e nas políticas personalistas”.

 

Respecto á posibilidade de chegar a acordos co PSOE, indicou que a disposición do BNG depende de se o novo goberno ”está disposto a facer políticas progresistas, de esquerdas, para os traballadores e traballadoras e que respecten a nosa cultura e a nosa lingua”. Sobre a posibilidade de pactar co PP, sinalou que o BNG “estará disposto a pactar con quen sexa” para levar adiantes políticas sociais e de impulso aos servizos públicos. Ao respecto avanzou que “o primeiro” que vai pedir ao PP é reclamar conxuntamente que a Xunta “non siga discriminando a cidade”.

No tocante ao respaldo que acadou da militancia sinalou que “persoalmente, onte saín tremendamente reforzado e satisfeito e eu mesmo pedín que se votara a miña decisión de poñer o meu posto a disposición de toda a Asemblea”. Neste sentido apuntou que só 13 persoas votaron en contra da súa continuidade, “que foi apoiada por abrumadora maioría”, sinalou. Por outra banda, Santi Domínguez expresou o seu agradecemento aos cinco concelleiros e concelleiras que formaron con el o grupo municipal. “Deixáronse a pel por defender a cidade nun exercicio de compromiso continuo”, destacou. Asemade manifestou que María Méndez, Xesus López e Eudosio Álvarez seguirán apoiando o novo grupo municipal para seguir transformando a cidade.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: