A XUNTA PRESENTA UN DECRETO PIONEIRO PARA A IMPLANTACIÓN DOS ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS SUPERIORES A 2.500 METROS “A PROL DOS INTERESES XERAIS E A RACIONALIDADE NO DESENVOLVEMENTO COMERCIAL”

  • O conselleiro de Economía e Industria asegura que o Decreto sitúase “na primeira liña de esixencia ao requirir aos establecementos comerciais as últimas novidades e requisitos en materia de protección ambiental, mobilidade e respecto urbanístico”
  • Esixirase un estudo integral de mobilidade, que sinale o tráfico existente en hora punta diaria e semanal, na contorna do proxecto
  • Esixiremos unha praza de aparcadoiro, por cada 20 m2 de superficie útil
  • Será necesaria a existencia de autobuses, como mínimo cada hora, que conecten o establecemento cos principais núcleos urbanos da súa contorna
  • Precisarase un punto de recarga para vehículos eléctricos, por cada 800 m2 de superficie útil de exposición e venda proxectada
  • Os establecementos deberán ter unha cualificación de eficiencia enerxética do proxecto mínima da letra B e un plan de xestión e almacenamento de residuos
  • Terase en conta a aceptación de “compromisos firmes a favor dos dereitos dos consumidores” como a adhesión ao sistema arbitral de consumo
  • Entre as medidas de interese xeral que cómpre destacar a existencia dunha sala de lactación, ludoteca e ou gardaría

Santiago, 15 de xuño de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou hoxe o Decreto polo que se regula o procedemento para a obtención da Autorización Comercial Autonómica dos establecementos comerciais de superficie igual ou superior aos 2.500 metros cadrados, en cumprimento do desenvolvemento da nova Lei de Comercio de Galicia. Guerra lembrou que “coa aprobación deste Decreto pioneiro damos un paso máis a favor do interese xeral e a racionalidade na implantación dos establecementos comerciais, preservando o equilibrio co comercio de proximidade, nas nosas vilas e cidades”.

O conselleiro sinalou que deste xeito “a Comunidade Autónoma sitúase na primeira liña de esixencia ao requirir aos grandes establecementos comerciais as últimas novidades e requisitos en materia de protección ambiental, mobilidade e respecto urbanístico, á vez que se asegura a súa contribución, en positivo, á contorna socioeconómica”.

A norma regula o procedemento para a obtención de autorización destes establecementos comerciais e os requisitos esixidos, atendendo a cinco cuestións fundamentais: o respecto ás directrices urbanísticas, a garantía dunha adecuada mobilidade, o respecto ao medio ambiente, a inclusión de medidas de carácter laboral e a salvagarda do interese xeral.

Estudo integral de mobilidade

Nesta norma recollese a obriga de dar cumprimento e adecuar os proxectos ás vixentes directrices de ordenación do territorio e viabilidade urbanística, esixindo a clasificación do uso comercial do chan así como a ofrecer garantías de mobilidade, circulación e accesibilidade. De xeito que será esixible un estudo integral de mobilidade, que sinale o tráfico existente, en hora punta diaria e semanal; analice o incremento de desprazamentos que xerará a nova implantación comercial e a capacidade das infraestruturas e dos medios de transporte existentes para absorbelos, ao tempo que indique as medidas de mobilidade e ambientais previstas, encamiñadas a atender as novas necesidades e a mellorar o acceso ao establecemento comercial e mitigar a incidencia do incremento acústico.

Ademais, será necesaria a existencia de autobuses, como mínimo cada hora, que conecten o establecemento comercial cos principais núcleos urbanos da súa contorna e valorarase a redución do peso do vehículo privado (VEHPR) en desprazamentos ao establecemento comercial. Esixirase unha praza de aparcadoiro, por cada 20 m2 de superficie útil de exposición e venda e velarase polo cumprimento da lei de supresión de barreiras arquitectónicas.

Medio ambiente

No eido das medidas encamiñadas a extremar o respecto ao medio ambiente esixirase a cualificación de eficiencia enerxética do proxecto mínima da letra B, situando estes edificios nun dos niveis máis esixente da eficiencia enerxética, e o compromiso de implantación do sistema de xestión ambiental EMAS (Eco Management and Audit Schem), nun prazo non superior a 2 anos . A norma prevé tamén a existencia dun plan de xestión e almacenamento de residuos, con indicación do persoal dedicado a esta actividade, de xeito que a propio establecemento debe planificar como almacenar e xestionar os residuos que xere. Ademais de incluír a previsión de fórmulas alternativas para a redución dos quilómetros de transporte de mercadorías (KMTRANSMER) mediante, por exemplo, a contratación de subministradores locais de mercadorías.

Punto de recarga

O Decreto tamén dispón para o establecemento dun punto de recarga para vehículos eléctricos, por cada 800 m2 de superficie útil de exposición e venda proxectada e mais outras medidas medio ambientais (zonas verdes, pantallas acústicas, etc) En canto ás medidas de carácter laboral, esixirase unha memoria descritiva do emprego que se prevé xerar, con indicación do persoal total e as modalidades de contratación. Ademais, nos casos de ampliación ou traslado, especificaranse as incidencias que, sobre o emprego existente, producirá o novo proxecto presentado. Por outra banda, as medidas de interese xeral que cómpre destacar a existencia dunha sala de lactación, ludoteca e ou gardaría. Así como tamén valorarase moi positivamente a adopción de medidas de carácter social, en beneficio da comunidade no que se implantan. Asemade, Guerra considerou fundamental a “aceptación de compromisos firmes a favor dos dereitos dos consumidores e usuarios” tales como a adhesión ao sistema arbitral de consumo e a incorporación de novas tecnoloxías da información, que permitan mellorar a información aos consumidores. Para concluír, o titular de Economía e Industria especificou as novidades do procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica, no que a Xunta ten incrementado a transparencia e publicidade, incorporando un trámite de información pública, coa súa publicación no DOG e nun diario de máxima difusión (a cargo do interesado) e tamén se dará audiencia aos municipios limítrofes, e a aquel en cuxo termo municipal estea proxectada a implantación do establecemento comercial, para que mostren as súas consideracións .

 

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: