O fotógrafo Pedro Armestre gaña a segunda edición do premio ‘A Imaxe de Galicia’

O reporteiro gráfico Pedro Armestre é o gañador da segunda edición do certame A Imaxe de Galicia, unha iniciativa de Novacaixagalicia e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) que premia a mellor imaxe informativa sobre a actualidade galega publicada nos medios de comunicación durante o pasado ano 2010. A imaxe gañadora, que foi distribuída pola axencia AFP Photo e publicada en varios medios, mostra un solitario brigadista no incendio da Porqueira do 14 de agosto de 2010, rodeado de fume e dunha luz alaranxada que cubre gran parte da escena. O xurado escolmou ademais outras 49 fotografías que figurarán no catálogo anual e na exposición que percorrerá Galicia nos vindeiros meses. A directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto, e o decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, resaltaron na lectura do fallo ” a capacidade de Armestre para capturar esta imaxe icónica, moi significativa, centrada nunha única persoa fronte a impoñente presenza das consecuencias do incendio”. O autor ofrece outra perspectiva, igualmente dura, dos lumes forestais que tiveron lugar durante o verán do ano pasado en Galicia. Pedro Armestre, nacido na Rasela (Verín, Ourense) en 1972, é fotógrafo profesional desde o ano 1993, comezando a súa andaina no laboratorio da Axencia Europa Press para continuar na Axencia Cover, no xornal El Mundo e na revista Interviú. Desde fai oito anos traballa para a axencia Internacional France Presse (AFP), que distribúe as súas fotografías en medios nacionais e internacionais. Armestre participou nos últimos anos en distintas exposicións, entre as que se poden salientar “Supervivencia do mar”, organizada polo Parlamento Europeo, en Bruxelas; Photoespaña ou Photoclima. Traballou en proxectos como “H2O, custe o que custe”, imaxes aéreas onde se destacan os valores naturais da costa peninsular e as súas illas; ou “Detrás do obxectivo” (2010), a súa primeira incursión no documental onde se mostra precisamente a desesperación dos veciños e os esforzos dos membros dos distintos corpos que traballan na extinción dos lumes forestais en Galicia. Finalista no FotoCAM 2011, Armestre foi gañador do premio internacional San Fermín Gavanna Loungue en 2008 e finalista no Luis Ksado de 2010 coa imaxe “A supervivencia do mar”.

Na sesión de decisión do xurado, que se prolongou ata case as nove da noite, seleccionáronse, en primeiro termo, 50 fotografías, que serán as que formen parte da exposición “A Imaxe de Galicia 2010” que poderá contemplarse ó longo deste ano en distintas sedes da Fundación Caixa Galicia. O xurado quixo destacar a calidade dos traballos presentados ó certame e felicitar ós fotógrafos que se presentaron ó premio, que este ano superou a participación do anterior, cun total de 117 fotografías, pertencentes a 43 fotógrafos. A Imaxe de Galicia é unha iniciativa de Novacaixgalicia e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) que naceu no ano 2009 para premiar a mellor imaxe informativa sobre a actualidade galega publicada nos medios de comunicación. O ano pasado, o premio foi gañado polo reporteiro gráfico Xoán Arias Soler, coa fotografía “Infante”, que mostraba a saída dos soldados da Brilat para o Líbano.

 

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: