MEDIO AMBIENTE LICITA POR PRETO DE 3,5 MILLÓNS DE EUROS AS OBRAS DE MELLORA DA REDE DE COLECTORES DE GONDOMAR CO FIN DE EVITAR VERTEDURAS AOS RÍOS ZAMÁNS E MIÑOR

  • Con esta actuación tamén se mellorará a clasificación da zona marisqueira do Esteiro do Miñor e a calidade das augas das praias de Baiona e Nigrán
  • Instalaranse dous tanques de retención para evitar as verteduras aos devanditos ríos
  • Substituirase o colector principal do núcleo de Vilaza ata a entrada da depuradora existente, con tubos de PVC de varios diámetros
  • As actuacións tamén prevén a construción dunha senda de 1.061 metros de lonxitude de 3,5 metros de largo
  • A poboación conectada á rede ascende a máis de 28.000 habitantes

Santiago, 17 de xuño de 2011.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita hoxe, a través do Diario Oficial de Galicia, as obras para a execución da adecuación da rede de saneamento en Gondomar. Esta obra está prevista no Plan específico de infraestruturas para a mellora da calidade das augas das rías galegas, que ten por obxecto a mellora da clasificación das zonas marisqueiras das rías. Esta actuación está en marcada dentro dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través do departamento que dirixe Agustín Hernández, e o Concello de Gondomar. O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, inviste preto de 3,5 millóns de euros na execución destas obras hidráulicas no concello pontevedrés de Gondomar. O prazo de execución dos traballos establecidos é dun ano. O presente proxecto comprende a execución das obras necesarias para modificar o trazado de parte da rede de colectores, deixando fóra de servizo os colectores que discorren polos leitos dos ríos Zamáns e Miñor. Instalaranse dous tanques de retención para evitar as verteduras aos devanditos ríos que se producen na actualidade, afectando as praias de Baiona e Nigrán e á zona marisqueira do esteiro do Miñor. Cabe citar que a poboación conectada á rede ascende a máis de 28.000 habitantes.

Datos técnicos

No que se refire a colectores, substituirase o colector principal do núcleo de Vilaza ata a entrada da depuradora existente, con tubos de PVC de varios diámetros. Partindo de Vilaza, o novo trazado, de diámetro 800 mm e lonxitude 2.109 metros, afastarase do río Zamáns ata a chegada ao primeiro tanque de retención proxectado. A partir deste punto o diámetro é de 630 mm nun treito de 970 metros, ata a chegada a un pozo de rexistro, onde se atopará co novo colector de 500 mm que chega desde Gondomar cunha lonxitude de 265 metros. Desde este punto de encontro, instalarase un colector de 445 metros pola marxe da estrada que une as localidades de Tui e A Ramallosa (PO-340) ata a entrada á depuradora de Gondomar, cun cruzamento baixo ao río Miñor formigonando a tubaxe. As actuacións tamén prevén a construción dunha senda de 1.061 metros de lonxitude de 3,5 metros de largo. Instalarase iluminación pública, seguindo o trazado do colector e servindo ademais de acceso aos predios afectados da zona. En canto aos tanques de retención, o primeiro situarase preto de Vilaza, e é unha estrutura parcialmente soterrada de formigón armado con capacidade para 1.000 metros cúbicos. O segundo tanque tamén se proxecta como unha estrutura soterrada de formigón con capacidade para 1.000 metros cúbicos. A súa cimentación require unha preparación previa do piso con pedraplén compactado de 1,5 metros de profundidade. Este tanque recibirá as augas dunha conexión coa rede existente mediante un pequeno treito de tubo, sendo preciso un bombeo para elevar as augas ao novo colector proxectado. Na canle de entrada instalaranse dúas reixas de desbaste en continuo con paso 40 mm e 10 mm para evitar atascos no bombeo. Esta infraestrutura inclúe un equipamento de desodorización por ozono instalado na zona seca, cos ventiladores correspondentes para un movemento permanente de aire e produción automática de ozono. Para a optimización deste proxecto precísase un segundo bombeo en Mañufe para conectar as residuais da rede actual cos novos colectores. Esta conexión farase cun pequeno treito de tubo, cruzando o río Miñor ata o novo pozo de bombeo, proxectado en formigón armado.

 

A Consellería de Medio Ambiente, mediante a execución deste tipo de actuacións, pretende resolver carencias en infraestruturas dos concellos galegos. No caso de Gondomar, o proxecto ten como fin fundamental evitar as verteduras aos ríos Zamáns e Miñor, beneficiando as praias de Baiona e Nigrán e a zona marisqueira do esteiro do Miñor, que aumentará a súa produtividade e competitividade.

 

 

About Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: