A CIG aposta pola mobilización social para frear unha segunda “reconversión encuberta” do sector naval

A central reclámalle ao Goberno español unha moratoria mentres non se adopte unha decisión sobre a legalidade do Tax Lease

VIGO/08-07-11

A Confederación Intersindical Galega (CIG) apostará pola mobilización diante da grave situación de crise que atravesa o sector naval pola falta de carga de traballo e tras a recente paralización do sistema de contratación con cobertura fiscal. A central nacionalista considera imprescindíbel unha resposta conxunta da sociedade galega para salvar unha industria da que dependen milleiros de empregos en todo o país.

Esta mesma mañá, delegados/as da federación do Metal da CIG analizaron nunha xuntanza celebrada en Vigo as serias dificultades que atravesa o naval e que poñen en serio risco a súa continuidade nos vindeiros anos. A principal conclusión do encontro foi a necesidade de iniciar contactos de cara a implicar a todas as organizacións políticas e sociais da comarca, así como á sociedade en xeral, co obxectivo de elaborar un calendario de mobilizacións. Ao mesmo tempo, anunciaron que lle reclamarán ao Goberno español que permita unha moratoria que faga posíbel contratar ou rematar proxectos nas mesmas condicións que até o de agora mentres a Unión Europea non adopta unha decisión definitiva sobre a legalidade do sistema de contratación con cobertura fiscal denominado Tax Lease e que vén de ser paralizado tras a denuncia de Holanda.

O feito de que algúns expertos consideren que a decisión podería atrasarse entre tres meses e un ano significa, entenden dende a CIG-Metal, que cando se resolva a maioría das empresas dos sector poderían ter pechado as súas portas. “Trátase dun novo atranco a unha das industrias máis importante do país co obxectivo final de conseguir desmantelalo como antes fixeron co sector lácteo”, indica o secretario nacional do Naval da central nacionalista. César Rodríguez sostén que o proceso que enfronta o sector é comparábel á reconversión dos anos 80, polo que non dubida en falar dunha “segunda reconversión encuberta”.

Sistema Tax Lease

O representante sindical explicou que a paralización do sistema de cobertura fiscal desbota calquera posibilidade de que as empresas galegas consigan novos contratos, “xa que os proxectos encareceríanse dun 20 a un 25%, o que non lle permitiría ser competitivos en Europa”.

A crise do naval estase a deixar sentir con forza incluso nas grandes empresas do sector, como é o caso da viguesa Barreras, que vén de anunciar a suspensión de pagos. A histórica compañía, da que dependen directa e indirectamente máis de 1.600 postos de traballo, representa entre o 40 e o 50% da produción da Ría de Vigo, polo que o seu peche podería provocar un efecto cadea sobre moitas das auxiliares.

Rodríguez lembrou que a CIG leva xa tempo advertindo das dificultades existentes nun sector que supón arredor do 30% da riqueza da comarca de Vigo e do que dependen máis de 10.000 postos de traballo directos e milleiros de indirectos en sectores como o transporte ou a produción de bens de equipo. “O 99,9% das empresas auxiliares xa se atopan inmersas nun ERE, ao igual que moitos estaleiros”, detallou. Finalmente, advertiu que se non se atopa unha solución nun breve espazo e tempo “cruzarase unha liña de non retorno que fará imposíbel a supervivencia das empresas e do sector no seu conxunto”.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: