A NOVA LEI DE COOPERATIVAS REDUCIRÁ A TRES O NÚMERO MÍNIMO DE SOCIOS PARA ESTIMULAR A CREACIÓN DESTAS SOCIEDADES

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presentou hoxe en rolda de prensa o anteproxecto de modificación da Lei de cooperativismo de Galicia
  • Coa reforma dótase ás cooperativas por Lei das ferramentas e métodos organizativos necesarios para mellorar a súa xestión diaria e reforzalas na súa vertente máis social
  • Mato apuntou que, con esta modificación, desde o Goberno galego “estamos a dar resposta á necesidade de adaptar a normativa autonómica en materia de cooperativas á realidade legal, social e económica actual”

Santiago, 8 de xullo de 2011.- A modificación da Lei de cooperativismo de Galicia, que vén de acometer a Consellería de Traballo e Benestar, establecerá –entre outras novidades- a redución xeralizada do número mínimo de socios a tres co fin de estimular a creación destas sociedades. Ata o de agora, de xeito xeral, estaba establecido nun número mínimo de catro socios. Así o explicou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, durante a presentación en rolda de prensa da modificación desta normativa, que ten como obxectivo amplificar o apoio da Xunta ao cooperativismo desde o punto de vista legal, adaptar a normativa aos novos tempos e flexibilizar e facilitar determinados trámites, xa que a primeira Lei de Cooperativas de Galicia data de 1998. A titular do departamento autonómico apuntou que con este Anteproxecto de Lei, desde o Goberno galego “estamos a dar resposta a necesidade de adaptar a normativa autonómica en materia de cooperativas á realidade legal, social e económica actual” desde unha dobre perspectiva: dotar ás cooperativas por lei das ferramentas e métodos organizativos necesarios para mellorar a súa xestión diaria, para que gañen en axilidade e competitividade; e reforzalas na súa vertente máis social, tanto na interacción cos seus socios como no fomento dos principios da igualdade, da conciliación e da responsabilidade social. Incidiu, así, en que “este é o momento de acometer unha reforma en profundidade, tendo en conta as variacións socioeconómicas e a evolución propia do cooperativismo nestes anos” e que permita respaldar o crecente proceso de profesionalización, consolidación e compromiso desta fórmula empresarial, “que constitúe todo un exemplo da combinación da dinamización económica coa cohesión do territorio e focalizada nas persoas”. Con esta reforma a Xunta continúa cumprindo o seu compromiso de apoio a un sector que sostén arredor de 20.000 empregos en Galicia, e que se está a revelar como unha fórmula especialmente estable e válida fronte a esta crise económica. De feito, o Plan Estratéxico que se está a desenvolver para o impulso ao cooperativismo está a obter unha boa resposta que se traduciu no ano 2010 na creación de máis de 40 cooperativas, e no incremento dos novos socios ata máis de 1.500, o dobre que no ano 2009. Máis en concreto, Mato subliñou a aposta que a modificación fai pola innovación mediante novas fórmulas organizativas, que permitirán ás cooperativas, novas ou xa existentes, adaptar a súa estrutura ás súas necesidades reais. En concreto, créase unha nova clase de cooperativa, a cooperativa mixta de traballo asociado. Trátase dunha sociedade singular e excepcional, que se caracteriza por incorporar a socios de capital que permitan financiar o proxecto empresarial. Esta nova fórmula está dirixida principalmente a impulsar o cooperativismo no sector industrial, onde se precisan importantes investimentos para a posta en marcha dos proxectos. Deste xeito, foméntase o acceso dos traballadores á propiedade de empresa. Os socios de capital participarán na cooperativa en función da súa achega ao capital social. En definitiva, o obxectivo desta nova fórmula é o de contribuír á captación de capital de posibles terceiros socios, pero tamén preservar o acceso efectivo do persoal asalariado da cooperativa á propiedade dos medios de produción.

Compromiso social e conciliación

Doutra banda, Mato destacou “dous dos puntos mais importantes da reforma” que teñen que ver co “reforzamento das características diferenciadoras do cooperativismo, e que lle confiren o seu carácter de fórmula que contribúe a cohesión social e de vinculación ás persoas”: o compromiso social e a igualdade e a conciliación da vida laboral e familiar. Con respecto ao compromiso social, este Anteproxecto de Lei amplía as finalidades do Fondo de Formación e Promoción, que a partir da entrada en vigor desta modificación poderá destinarse a actuacións para a conciliación da vida laboral e familiar, así como para o fomento da igualdade, fomento da responsabilidade social, apoio a proxectos de emprendedores cooperativos xeradores de emprego, particularmente no eido dos servizos sociais, e ao financiamento de proxectos cooperativos. No que respecta á igualdade e conciliación da vida laboral e familiar, incorpóranse disposicións dirixidas a reforzar e garantir o principio de igualdade entre homes e mulleres. Entre outras cousas, incídese na necesidade de facer posible a conciliación, na adopción de medidas que favorezan ás socias vítimas de violencia de xénero, e na procura dunha presenza equilibrada de mulleres e homes na composición dos órganos sociais das cooperativas e nos órganos do Consello Galego de Cooperativas. Outro dos cambios principais que introduce a nova Lei en relación á mellora da xestión empresarial ten que ver coa regulación dos apoderamentos xerais ou singulares. Neste sentido, calquera persoa física coas facultades de representación, xestión ou dirección poderá ser obxecto deste apoderamento legal, para facilitar a xestión ordinaria con maior profesionalidade, competitividade e axilidade. Actualmente, a Lei de cooperativas unicamente permite a delegación de facultades de xestión e dirección a favor de conselleiros delegados –membros do consello reitor nomeados expresamente por maioría de 2/3 dos seus membros-. Coa modificación, permítese que esta delegación de facultades de xestión e dirección poda realizarse a favor de calquera persoa física, o que facilita a organización e funcionamento da cooperativa. Ademais, para mellorar a organización e o funcionamento das cooperativas, a modificación actúa en tres liñas básicas. Por unha banda, posibilita a válida constitución das asembleas xerais en segunda convocatoria e a plena validez dos acordos adoptados, con independencia dos socios asistentes. Por outra banda, para as cooperativas agrarias, modifícase a maioría necesaria para a aprobación do voto ponderado –consiste na atribución de máis de un voto aos socios que teñan máis volume de actividade cooperativizada-, o que na práctica facilitará a súa aplicabilidade real. Ademais, tamén se simplifica a estrutura societaria, ao darlle carácter voluntario ao órgano de Intervención, un organizo de fiscalización que ten como función principal a censura das contas anuais. Deste xeito, evítanse os problemas derivados de que persoas que poden non ter a formación técnica precisa asuman a responsabilidade de analizar documentos contables coa profundidade que esixe a censura de contas. Mato engadiu que, de cara ao obxectivo de alcanzar unha maior flexibilidade para a mellora da competitividade, hai outras dúas modificacións fundamentais. A primeira, a de posibilitar que as cooperativas agrarias desenvolvan actividade cooperativizada con terceiros socios, ata un límite máximo do 50% das realizadas cos socios, pero tomando como referencia a facturación global da sociedade, e non as actividades.

 

E, a segunda, modifícase e mellórase o límite de contratación de persoal asalariado no caso das cooperativas de ensino e de traballo asociado. Deste xeito, estas sociedades estarán menos limitadas á hora de atender ás necesidades puntuais de incremento de persoal. Así mesmo, esta nova norma vai dar resposta ás modificacións legais necesarias para a adaptación do réxime económico tanto ás novas normativas como á realidade socioeconómica actual. Neste punto destaca á redución do 30% actual ao 25% da dotación de excedentes a fondos obrigatorios.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

0 Respuestas a “A NOVA LEI DE COOPERATIVAS REDUCIRÁ A TRES O NÚMERO MÍNIMO DE SOCIOS PARA ESTIMULAR A CREACIÓN DESTAS SOCIEDADES”

  1. Bancanet dice :

    Continua el buen trabajo que tienes con tu pagina. felicitaciones!

  2. garmin nuvi dice :

    I like this A NOVA LEI DE COOPERATIVAS REDUCIRÁ A TRES O NÚMERO MÍNIMO DE SOCIOS PARA ESTIMULAR A CREACIÓN DESTAS SOCIEDADES | VGO MAGAZINE DIGITAL , enjoyed this one thanks for putting up keep update A NOVA LEI DE COOPERATIVAS REDUCIRÁ A TRES O NÚMERO MÍNIMO DE SOCIOS PARA ESTIMULAR A CREACIÓN DESTAS SOCIEDADES | VGO MAGAZINE DIGITAL.

Responder a Bancanet Cancelar respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: