Máis de 3.000 traballadores e traballadoras toman as rúas de Vigo en defensa do sector naval

A mobilización, que terá continuidade o xoves, incluíu un paro de catro horas nos estaleiros que foi secundado de xeito masivo

VIGO/14-07-11

Máis de 3.000 traballadores e traballadoras do naval percorreron hoxe a pé as rúas de Vigo para reclamar o compromiso das Administracións públicas na defensa dun sector fundamental para a comarca que se atopa sumido nunha grave crise por mor da falta de carga de traballo e os problemas de financiamento. A protesta, que incluíu un paro de catro horas nos estaleiros e empresas auxiliares, rematou diante do edificio da Xunta de Galiza, onde os representantes sindicais lembraron que están en xogo máis de 10.000 empregos e reiteraron a súa aposta pola movilización social. A marcha polo centro da cidade partiu arredor das dez da mañá dos distintos centros de traballo situados na zona de Beiramar e en Teis. A esa hora, a práctica totalidade dos empregados/as abandonaron os seus postos para concentrarse ás portas dos estaleiros. Os primeiros grupos saíron de Freire e Vulcano para ir sumando compañeiros/as ao seu paso polas distintas empresas. Hora e media despois, xa con centos e centos de traballadores/as en cada un deles, atopábanse no cruce das rúas Colón e García Barbón para continuar conxuntamente o camiño cara a sede do Goberno galego na cidade. A comitiva abríaa unha faixa co lema “Polo futuro de Vigo, naval solución”. Durante o traxecto fóronse coreando consignas como “Sen traballo imos de cu”, “Naval solución” ou “Carga de traballo para o naval” e repartíronse panfletos informativos explicando a problemática que padece o sector.

Pasadas as 11.30 horas a marcha chegou ao edificio a Xunta, onde tomaron a palabra os representantes dos sindicatos convocantes, CIG, CCOO e UGT. Por parte da central nacionalista o encargado de dirixirse aos presentes foi o secretario nacional do Naval, César Rodríguez, que en primeiro lugar agradeceulles a todos os traballadores/as a súa presenza e lembroulles que a mobilización é o único xeito de salvar unha industria “ferida de morte”. Indicou que o naval é un sector estratéxico para Vigo xa que del dependen máis de 10.000 empregos directos e uns 30.000 indirectos, “ademais de xerar arredor do 30% da riqueza da comarca”.

Nova mobilización o xoves

Rodríguez fixo fincapé en que a CIG leva xa moitos meses advertindo dunha situación que cualificou como unha “nova reconversión encuberta” e citou as mobilizacións convocadas pola central nacionalista, como a manifestación que percorreu a cidade o pasado mes de abril. Tamén repasou as esixencias do sector, que pasan pola adopción de “medidas urxentes e eficaces que incentiven a demanda e apoien as necesidades de financiamento”. Neste senso, apostou por establecer unha moratoria para o sistema de cobertura fiscal Tax Lease que vén de ser suspendido e instou aos Gobernos español e galego a buscar modelos alternativos que permitan aos armadores encargar novos proxectos ou rematar os existentes. Ao mesmo tempo, criticou o feito de que a mala xestión das empresas está detrás da actual situación e reclamou que se depuren responsabilidades nese sentido xa que o sector recibiu importantes axudas económicas con cartos públicos. Finalmente, animou a todos os traballadores e traballadoras, así como á sociedade viguesa en xeral, a participar na manifestación convocada para o vindeiro xoves día 21 na cidade para “salvar un sector cuxa desaparición sería dramática para o conxunto dos galegos e galegas”.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: