MEDIO RURAL REITERA A OFERTA DE DIÁLOGO ÁS CONFRARÍAS A PROL DUN USO DAS ILLAS ATLÁNTICAS COMPATIBLE COA SÚA CONSERVACIÓN

  • A Consellería lémbralles aos pescadores que o Plan de Uso e Xestión do Parque é un documento aberto que cómpre aprobar xa, pois acumula un importante retraso, polo que poden presentar as alegacións que estimen oportunas
  • A Xunta pídelles aos pescadores a necesaria sensibilidade na protección e defensa deste contorno natural e lembra que canto máis coidado e mellor preservado estea maior será tamén a súa riqueza

Santiago, 14 de xullo de 2011.- A Consellería do Medio Rural amósase disposta a dialogar cos representantes das confrarías de pescadores sobre os contidos e a aplicación do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, pendente de ser analizado polo Consello da Xunta, como primeiro paso para iniciar formalmente a súa tramitación e someterse a participación e exposición pública.

O departamento que dirixe Samuel Juárez lémbralles aos pescadores que este documento acumula anos de retraso e que non se pode adiar por máis tempo. Ademais, quere reiterar que o principal obxectivo do plan é facer compatible a conservación do propio Parque Nacional (tendo en conta as súas necesidades e altos valores naturais) coa actividade socioeconómica da zona, nomeadamente a pesqueira. Neste sentido, non se busca prexudicar a ningún sector produtor, pero iso non significa que se descoide a protección deste espazo, o único catalogado en Galicia como Parque Nacional (que supón o maior rango de protección que pode ter un determinado territorio natural en España).

Necesaria sensibilidade ambiental

Nesta liña, Medio Rural pide ás confrarías a necesaria sensibilidade na protección e defensa deste contorno natural e lembra que canto máis coidado e mellor preservado estea maior será tamén a súa riqueza e os recursos susceptibles de seren aproveitados, sempre desde unha perspectiva de sostibilidade.

Cómpre salientar, ao tempo, que o dos pescadores non é o único colectivo interesado na conservación deste espazo, xa que o Parque Nacional no seu conxunto –e moi en particular as Illas Cíes– ten un indubidable atractivo turístico, que fai que se regulen (tamén a través do PRUX) as visitas que recibe. E neste sentido semella lóxico pensar que calquera afectación que poida sufrir incidiría tamén negativamente nesta riqueza turística. Trátase, pois, de buscar un equilibrio entre preservación e aproveitamento dos recursos, desde todos os puntos de vista.

Consulta informal

Medio Rural quere puntualizar que leva xa tempo dialogando sobre esta cuestión cos representantes das confrarías e que mesmo se lles consultou de xeito informal antes do período –que está a piques de abrirse– de exposición pública do plan, para recoller tódalas alegacións que se estimen pertinentes. Neste sentido, invítaselles tamén aos pescadores a facer uso deste dereito e trasladar tódalas alegacións que consideren oportunas, que obviamente serán estudadas.

A Consellería está mesmo aberta a reunirse de novo cos responsables das confrarías interesadas para explicarlles polo miúdo os contidos do plan que –cómpre insistir– é un documento aberto e lembra que estas entidades están representadas xa no propio Padroado do Parque.

Réxime de usos

O Plan elaborado por Medio Rural ten como finalidade fundamental establecer os criterios de xestión e definir as actuacións no Parque Nacional, decretando un réxime de usos de acordo cunha zonificación e fixando as previsións relativas ás actividades agrarias, de pesca e marisqueo, así como ás relativas á carga máxima diaria de visitantes. As actividades e aproveitamentos tradicionais practicados historicamente neste espazo protexido que non supoñan un impacto negativo significativo nos procesos ecolóxicos, considéranse compatibles e poderán manterse, supeditados á conservación dos valores naturais. A tal fin, cando resulte necesario, se adecuarán en intensidade, forma e demais condicións de realización para garantir a súa compatibilidade cos obxectivos do Parque.

Pesca e marisqueo

No caso particular da pesca e o marisqueo profesionais, contémplase a elaboración dun Plan Sectorial de Xestión Integral de Recursos do Parque, a desenvolver no prazo máximo de 1 ano desde a aprobación do PRUX.

Este será o documento de planificación e xestión que regule o conxunto de aproveitamentos de recursos mariños autorizados. No marco deste plan sectorial desenvolveranse plans de xestión específicos para as diferentes artes de pesca. Canto ás artes de marisqueo de tracción manual, como regra xeral o seu uso considérase permitido, agás nas zonas denominadas “de reserva” e, en todo caso, cóntase sempre –para a regulación específica desta actividade– coa participación e implicación de todos os actores con intereses na materia, e así se sinala especificamente no propio texto do plan.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

0 Respuestas a “MEDIO RURAL REITERA A OFERTA DE DIÁLOGO ÁS CONFRARÍAS A PROL DUN USO DAS ILLAS ATLÁNTICAS COMPATIBLE COA SÚA CONSERVACIÓN”

  1. Stacy Quayle dice :

    I really want to make a post about this on my blog. Thanks for your inspiring ideas. You are welcome to read my follow-up to this at howtogethits.net You can consider my post for July 15th to be the comment to this!

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: