A SECRETARIA XERAL PARA O TURISMO PRESENTA A SEXTA EDICIÓN DA FEIRA DO VIÑO DE MONTERREI, QUE SE CELEBRARÁ O 6 E 7 DE AGOSTO

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, que será a pregoeira da feira, destacou que se trata “dun evento vitivinícola de marcada personalidade” e que supón “unha maridaxe perfecta, a do turismo e a enoloxía”.

Ao acto, celebrado esta mañá no Hostal dos Reis Católicos, tamén asistiron o alcalde de Verín, Juan Jiménez Morán, e o presidente da Denominación de Orixe Monterrei, Antonio Méndez.

Santiago, 26 de xullo de 2011.- A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, presentou esta mañá a VI Feira do Viño de Monterrei, que terá lugar os días 6 e 7 de agosto no concello ourensán de Verín. Ao acto, celebrado no Hostal dos Reis Católicos, tamén asistiron o alcalde de Verín, Juan Jiménez Morán, e o presidente da Denominación de Orixe Monterrei, Antonio Méndez.

Na súa intervención, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, destacou que a Feira do Viño de Monterrei é “un evento vitivinícola de marcada personalidade” e que supón “unha maridaxe perfecta, a do turismo e a enoloxía”. Sinalou, ademais, que a celebración da sexta edición desta feira “é unha grande oportunidade para dar a coñecer a nosa terra”, ao tempo que definiu o enoturismo como “unha maneira de turismo experiencial para achegarse ao descubrimento de todo un territorio”.

Carmen Pardo, que ofrecerá o pregón da Feira do Viño de Monterrei o próximo día 6 de agosto, destacou o gran potencial co que conta o enoturismo en Galicia, un sector que, segundo dixo, “é quen de incrementar os fluxos, aumentar o gasto e traer turismo de interior e desestacionalizado”.

Nesta mesma liña, lembrou que “facer vivir Galicia a través do viño” é o obxectivo dos paquetes turísticos Vive Galicia, lanzados pola Secretaría Xeral para o Turismo e que veñen de cumprir a súa segunda edición. Trátase de seis paquetes que ofrecen experiencias vinculadas coa enoloxía e que levan por nome: Entre os viñedos do Ribeiro, Enoturismo na Ribeira Sacra; Lugo Romano e Robeira Sacra; Ribeira Sacra Lucense; De cata por Monterrei e Colores de Mencía. A  secretaria xeral para o Turismo fixo especial fincapé no paquete específico De Cata por Monterrei, que basea a súa oferta no enoturismo desta zona e que se combina con outros recursos como o termalismo, a tarvés de tratamentos como a viñoterapia.

No seu discurso, Carmen Pardo quixo destacar a aposta especial da Secretaría Xeral para o Turismo co enoturismo, un compromiso que se concreta en accións como o apoio a eventos relacionados coa gastronomía e coa promoción dos viños galegos ou como a posta en marcha, a través de Turgalicia, das Rutas dos Viños da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, xunto á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a Comissao de Viticultura da Regiao dos Vinhos Verdes de Portugal. Por último, subliñou a posta en marcha da primeira guía de enoturismo de Galicia, na que participan ata un total de cen concellos de Galicia.

Pola súa banda, o alcalde de Verín, Juan Jiménez Morán, asegurou que durante os próximos días 6 e 7 de agosto “compartiremos cos nosos veciños e visitantes o éxito rexional, nacional e internacional dos viños de Monterrei”. Destacou, ademais, que este recoñecemento público logrouse “grazas á labor do Consello Regulador e de cada unha das 25 adegas que conforman esta denominación” e que, segundo dixo, “situaron á comarca no mapa vitivinícola internacional” ao lograr premios no Concurso Mundial de Bruselas, Cata de Viños de Galicia, Concurso de Viños do Noroeste e ao acadar a inclusión dalgúns destes viños en guías tan prestixiosas como Campsa ou na revista The Wine Advocate, do crítico norteamericano Robert Parker.

Programa da feira

A sexta edición da Feira do Viño de Monterrei comezará o sábado 6 de agosto, ás 19.00 horas, cunha cata popular que correrá a cargo do director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe de Monterrei. Unha hora despois, terá lugar a inauguración oficial da feira co pregón da secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo. Ás 21.00 horas haberá unha actuación do grupo teatral Os quinquilláns e ás 21.30 horas serviranse cócteles feitos con viños de Monterrei.

Na xornada de domingo, a feira estará aberta desde ás 11.00 ás 14.30 horas da mañá, e das 19.00 ás 23.30 horas. A cata popular correrá a cargo de Nacho Costoya e, ademais, ao longo do día haberá actividades complementarias como catas de produtos galegos con denominación de orixe.

Xa pola noite, a partir das 21.00 horas, haberá teatro na rúa no que se representarán obras que teñen relación co viño. Por último, a Praza García Barbón acollerá a partir das 20.00 horas do domingo un concerto folk.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: