MÁIS DE 2.500 MOZOS E MOZAS PARTICIPARÁN DURANTE O VERÁN NOS CAMPAMENTOS E CAMPOS DE TRABALLO DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, achegouse hoxe ata o campamento “Pontemaril” de Forcarei, e ata o albergue de “As Sinas” de Vilanova de Arousa
- Ao longo do verán, participarán só nestas dúas instalacións máis de 1.300 rapaces e rapazas
Pontevedra, 27 de xullo de 2011.- Máis de 2.500 mozos e mozas participarán durante os meses de xullo e agosto nos campamentos e campos de traballo que hai na provincia de Pontevedra, e que se organizan ao abeiro da “Campaña de verán 2011” que leva a cabo a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, desprazouse hoxe ata Pontevedra para visitar dúas das instalacións nas que se están a organizar actividades nestes días. Rodeiro visitou esta mañá o campamento xuvenil “Pontemaril”, situado en Forcarei, e o albergue xuvenil de “As Sinas”, de Vilanova de Arousa. Máis de 1.300 mozos e mozas participarán nas actividades destas dúas instalacións durante os meses do verán. A eles, sumaranse os participantes dos outros campamentos da provincia, de xeito que se chegará aos máis de 2.500 beneficiarios. O director xeral de Xuventude e Voluntariado desprazouse en primeiro lugar ata o albergue xuvenil de As Sinas. Actualmente, están participando nesta quenda de actividades –do 17 ao 28 de xullo- un total de 120 mozos e mozas de entre 13 e 15 anos de idade. Ao longo de todo o verán, o número de participantes nestas instalacións ascenderá a 600 persoas. As actividades deste albergue están centradas na proximidade ao mar deste centro. Así, ofrece obradoiros de vela, de dorna, de táboa, de piragüismo, de kayak de mar e aulas de natureza mariña. Posteriormente, Rodeiro visitou o campamento xuvenil “Pontemaril”, situado en Forcarei. A día de hoxe, hai nestas instalacións un total de 140 rapaces e rapazas de entre 12 e 14 anos de idade. Se se teñen en conta o resto de quendas, pasarán por “Pontemaril” ao longo de todo o verán un total de 720 participantes. Durante a súa estadía neste centro, os rapaces e rapazas realizarán actividades de sendeirismo, rutas ecolóxicas, bicicleta de montaña; así como outras actividades deportivas como o baloncesto, a piscina, o rocódromo e as actividades de convivencia e animación sociocultural.Hai que ter en conta que, ademais destas dúas instalacións, hai outros campos de traballo e campamentos que se están a desenvolver na provincia de Pontevedra, que son os que permiten chegar á cifra de máis de 2.500 participantes ao longo do verán. Ademais de Pontemaril e As Sinas, na provincia teñen actividades tamén o campamento xuvenil da Illa de Ons e o campo de traballo das Illas Cíes. Tamén se organizan diversas actividades para maiores de 18 anos nas Rías Baixas.
Campaña de verán
Ao longo de todo o verán participarán nos diferentes programas da campaña “Acción de Verán 2011” un total de 9.300 mozos e mozas en toda Galicia. O principal obxectivo da campaña é favorecer a participación da mocidade en múltiples actividades que teñen un compoñente de educación non formal no ámbito do ocio e o tempo libre.
Con esta oferta total, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado incrementa nesta edición as prazas da Campaña de verán nun 4,5 por cento máis que en 2010. Para poñer en marcha esta iniciativa, a Xunta destina a estas actividades un orzamento de máis de 3,2 millóns de euros, o que tamén permitirá a contratación de máis dun millar de mozos e mozas como monitores de tempo libre. A campaña oferta prazas en campamentos para menores de 18 anos, prazas para actividades para maiores de 18 anos; e prazas para campos de traballo. Ademais, resérvanse prazas para descendentes de galegos e galegas residentes no exterior e para persoas discapacitadas, menores tutelados pola Xunta e fillos e fillas de vítimas da violencia de xénero para que tamén poidan participar nestas actividades.