ABERTOS AO PÚBLICO OS CENTROS DE INTERPRETACION DAS CÍES E ONS
Ámbolos complexos contan con exposicións permanentes que dan a coñecer os valores naturais, culturais e etnográficos dos catro arquipélagos que conforman o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia
- Os centros achegan ao visitante información actualizada sobre cada unha das illas que forman parte do espazo natural xestionado por Medio Rural
Santiago, 31 de xullo de 2011.- As illas Cíes e Ons, que forman parte do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia xestionado pola Consellería do Medio Rural, teñen abertos ao público os seus respectivos centros de interpretación. Estas oficinas abriron as súas portas tras pasar por diferentes remodelacións, con fin de poñer ao día os seus contidos e permitir que todo aquel interesado poida obter referencias actualizadas dos catro arquipélagos que conforman o Parque.
Ons
O centro de Ons está situado nas antigas escolas da illa, cunhas instalacións reformadas e restauradas para dar cabida a un lugar onde o visitante, pero tamén veciño ou investigador, poida comprender a historia da illa, a súa importancia na protección ambiental e un lugar de referencia etnográfico. Este complexo conta cunha sala de usos múltiples onde se celebran cursos, charlas e proxeccións que están a disposición de colectivos –previa solicitude– para a realización de actividades relacionadas co Parque Nacional. Ademais, conta cunha exposición permanente que se irá completando coas achegas dos propios veciños da illa, universidades e outros colectivos, para ter un lugar onde poder coñecer as características da zona como a súa paisaxe terrestre e marítima, a vida dos insulares, os costumes e sabedoría popular e, contemplar in situ, as embarcacións tradicionais deste paraxe.
Illas Cíes
O centro de información de Cíes atópase no antigo convento da illa norte; dispón dunha sala de novas proxeccións sobre o parque nacional (comprendendo os arquipélagos de Ons, Cíes, Sálvora e Cortegada), a súa flora, fauna, etnografía, cultura e medio mariño. Neste complexo tamén se levan a cabo diferentes cursos de formación e/ou divulgativos para dar a coñecer os valores naturais, culturais e etnográficos do parque, tratando de espertar a curiosidade entre os máis pequenos.