HERNÁNDEZ SUBLIÑA QUE O AXUSTE DO CAUDAL DE EIRAS E ZAMÁNS GARANTE O ABASTECEMENTO Á POBOACIÓN ATA O MES DE XANEIRO DE 2012

O conselleiro avanza unha reunión para o vindeiro 29 de agosto cos alcaldes de Vigo, Soutomaior, Ponte Caldelas e Fornelos, para analizar conxuntamente as medidas posibles para completar os sistemas do abastecemento a Vigo dende Eiras

  • Esta medida preventiva permitiu incrementar a auga embalsada en Eiras nunha cantidade que supón 8 veces o caudal que se estaba subministrando dende Vigo a Baiona
  • En virtude do seguimento realizado pola Administración hidráulica sobre a situación do encoro de Eiras e Zamáns, conclúese que o nivel dos mesmos está a comportarse de acordo coas previsións realizadas ao inicio do mes de xullo
  • O conselleiro de Medio Ambiente aclara que, a pesares de que os niveis de auga encorada descenderon en 10 puntos respecto da situación do pasado ano, “a situación non é alarmante”
  • Recorda que a Xunta está vixiante e en permanente colaboración cos concellos
  • Sinala que é traballo dun Goberno responsable establecer medidas que garantan o abastecemento das augas aos núcleos de poboación, tanto en calidade como en cantidade
  • O conselleiro visitou esta mañá o acondicionamento da ETAP Vella de Nigrán, que hoxe mesmo iniciou as probas de funcionamento

Nigrán (Pontevedra), 9 de agosto de 2011.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, destacou esta mañá que o axuste do caudal dos encoros de Eiras e Zamáns garantirán o abastecemento á poboación ata o mes de xaneiro de 2012. Así o puxo de manifesto esta mañá durante unha visita ás obras de acondicionamento da Estación de tratamento de auga potable (Etap) vella de Nigrán. Aclarou que a decisión adoptada polo seu departamento de autorizar o axuste do caudal destes dous encoros (de 300 litros/segundo a 150 no de Eiras e de 20l/s a 5 no de Zamáns) camiña na liña estudada por Augas de Galicia, polo que a Xunta pode afirmar que hai auga suficiente para pasar o verán, incluso se pode dicir que se incrementou o umbral. Concretamente, esta medida preventiva de xestión do réxime de explotación dos encoros supón unha capacidade de reserva adicional duns 428.000 m3 ao mes, moi superior aos 60.000 m3 ao mes que se están a derivar dende o concello de Vigo ao concello de Baiona, e axudan a aumentar as garantías de abastecemento de modo significativo Nese senso, concluíu que no seguimento da situación do encoro de Eiras e Zamáns, o nivel dos mesmos está a comportarse de acordo as previsións realizadas ao inicio do mes de xullo. Aclarou que, se ben é certo que os encoros de abastecemento da bacía Galicia – Costa se atopan 10 puntos máis baixos que no ano pasado, concretamente nun 74% da súa capacidade fronte ao 85, non estamos ante unha situación de alarma, senón de preocupación. Recordou que a primavera deste ano foi unha das máis secas dos últimos 50 anos (foron meses extremadamente cálidos, con rexistros históricos de temperatura e escasos días de choivas), polo que a falta de chuvias inflúe directamente no caudal que alimenta as reservas dos encoros. Hernández manifestou que dende a Consellería de Medio Ambiente se mantén unha permanente vixilancia e colaboración estreita cos concellos para asesoralos na toma de solucións, así como o establecemento de medidas de urxencia, no caso de ser necesarias. Informou de que existen problemas nos sistemas máis fráxiles como as zonas onde se está subministrando auga dende captacións directas a pequenos ríos ou pozos. Como mostra desta colaboración recordou a medida preventiva de abastecer dende o encoro de Zamáns aos concellos de Baiona e Nigrán  Salientou o nivel de colaboración da Consellería cos concellos galegos na adopción de medidas extraordinarias –como a visitada hoxe-, que permiten incrementar as dispoñibilidade deste recurso en Nigrán. O conselleiro avanzou que vén de convocar aos alcaldes de Vigo, Soutomaior, Ponte Caldelas e Fornelos, o vindeiro 29 deste mes, para analizar de xeito conxunto as medidas posibles para completar os sistemas do abastecemento a Vigo dende o Encoro de Eiras.

ETAP de Nigrán

O conselleiro de Medio Ambiente visitou esta mañá as obras de acondicionamento da Estación de tratamento de auga potable (ETAP) vella da localidade pontevedresa de Nigrán, unha instalación que iniciou hoxe mesmo as probas para a comprobación do seu funcionamento, co que se leva a cabo un compromiso do Goberno galego plasmado o pasado mes de xullo, cando o organismo autonómico Augas de Galicia decidiu impulsar esta actuación, cun importe de en torno a 50.000 euros. Esta actuación implicou a instalación dun sistema de bombeo posto que o anterior non servía; a conexión á condución existente, na cal se deben realizar as probas oportunas para comprobar o correcto funcionamento. Coa nova infraestruturas ofrécese unha solución á alta concentración de ferro na auga que chega á ETAP nova o que fai que haxa que flocular, reducindo a capacidade desta ETAP a 70 l./s. (30 l./s. menos do habitual). A posta en marcha da ETAP vella achegará 30 l./s adicionais, permitindo que a capacidade de tratamento se manteña en 100 l./s, e se poida subministrar auga a Nigrán e Baiona nuns momentos do ano nos que as demandas de abastecemento son máis elevadas. Asemade, recordou que no Plan Galego de Infraestruturas Hidráulicas está recollida unha actuación de mellora da ETAP de Nigrán, que permitirá aumentar a súa capacidade de tratamento nos momentos en que entran en funcionamento os sistemas de eliminación de ferro. A Xunta de Galicia xa conta co proxecto redactado, que prevé un investimento de 1,1 millóns de euros, e está a pechar co concello de Nigrán as condicións de financiamento da actuación, dentro da liña de colaboración técnico – financeira entre a Administración Hidráulica de Galicia e as entidades locais.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: