TRABALLO PROMOVE A CONTRATACIÓN DE 280 AXENTES DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL CUN INVESTIMENTO DE 6,3 MILLÓNS DE EUROS

  • O director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, presentou esta liña de axudas que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG)
  • Estas subvencións están destinadas aos concellos e ás entidades dependentes ou vinculadas á administración local
  • Estes técnicos de emprego promoven a implantación de políticas activas de emprego e a xeración de postos de traballo nos contornos locais e rurais
  • Entre outras funcións, asesoran aos futuros emprendedores sobre a viabilidade técnica, económica e financeira dos seus proxectos empresariais
  • Esta orde de axudas súmase aos programas de cooperación resoltos xa pola Consellería de Traballo e Benestar que beneficiarán este ano a máis de 6.700 persoas desempregadas, o que supón un investimento de máis de 72,5 millóns de euros
  • En global, o departamento autonómico destina en 2011 un total de 78,9 millóns de euros en medidas de fomento da empregabilidade que beneficiarán a contratación de preto de 7.000 persoas

Santiago, 18 de agosto de 2011.- A Consellería de Traballo e Benestar promove a contratación de máis de 280 axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDLs) a través dun investimento de ao redor de 6,3 millóns de euros. A función principal destes técnicos é a implantación das políticas activas de emprego e a xeración de postos de traballo no contorno local e rural. Os contratos novos que se asinen ou os que sexan prórrogas terán unha duración máxima de 12 meses. O director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, presentou hoxe esta liña de axudas que se suma ás subvencións xa resoltas relativas aos programas de Cooperación, tanto aos dirixidos a entidades locais como a entidades sen ánimo de lucro. Así, o responsable da área autonómica destacou que o Goberno galego destinará este ano un total de 78,9 millóns de euros en medidas de fomento da empregabilidade que beneficiarán a contratación de preto de 7.000 persoas. Este montante é o resultado da suma das subvencións concedidas a través dos programas de cooperación (72,5 millóns de euros) e a través da convocatoria de axudas a axentes de emprego e desenvolvemento local (6,3 millóns de euros). Con respecto a esta última liña de subvencións, que foi a presentada por Hermida, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a iniciativa para a contratación destes profesionais, que se configuran como impulsores do desenvolvemento económico e do emprego nos seus territorios, en tanto que promoven a creación e consolidación de iniciativas emprendedoras, potencian o autoemprego e as empresas da economía social, e favorecen a inserción laboral dos desempregados. Hermida apuntou que, en definitiva, se configuran como un “punto de referencia” en materia de emprego para as persoas do territorio onde actúan. Así, ocúpanse de estimular a actividade empresarial, de animar aos emprendedores e de informalos sobre a viabilidade técnica, económica e financeira dos seus proxectos empresariais. Por iso, o director xeral de Promoción do Emprego resaltou a importancia de deseñar e aplicar políticas activas orientadas a favorecer o desenvolvemento das zonas deprimidas, tendo especial relevancia o apoio ao emprego local desde a perspectiva de que existen novos filóns de emprego susceptibles de xerar novos postos de traballo.

 

Neste sentido, indicou a relevancia destas axudas, dado que explicou “a necesidade de potenciar o papel das entidades locais como motoras da creación de emprego e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido”.

Requisitos e prazo de solicitude

Os AEDL son profesionais cualificados que desenvolven funcións de carácter multidisciplinar. A propia orde esixe que os axentes deberán ser titulados ou diplomados universitarios, valorándose a experiencia profesional, así como os coñecementos adquiridos en cursos monográficos de desenvolvemento local ou proxectos de emprego. Ademais, co fin de garantir a formación e actualización permanente deste persoal, a Consellería de Traballo e Benestar organizará actuacións como reunións, cursos ou xornadas dirixidas estes técnicos. As entidades locais (concellos, deputacións ou mancomunidades) e as entidades públicas dependentes ou vinculadas a una administración local (institutos de desenvolvemento) poderán presentar a súa solicitude para optar a estas axudas ata o próximo 19 de setembro. A orde financia, como máximo, ata o 80 por cento dos custos da contratación dun axente de emprego e desenvolvemento local. Estes profesionais serán seleccionados polas entidades beneficiarias das axudas entre os demandantes de emprego ou coa tarxeta de mellora de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Rede de técnicos de emprego

Cabe lembrar que a Consellería de Traballo e Benestar ten constituída a Rede de técnicos de emprego de Galicia (formada por axentes de emprego das entidades sen ánimo de lucro e polos das entidades locais) como infraestrutura especializada na promoción do emprego e que ten distribución por todo o territorio galego. Co fin de contar cun sistema de comunicación axeitado para intercambiar experiencias e información interna, o departamento autonómico puxo en marcha –en colaboración co BIC-Galicia- unha plataforma informática (XATEMPREGO) dirixida a toda a rede, que sirve como ferramenta diaria de traballo, para aumentar a eficacia do traballo, e para, en definitiva, facilitar a xestión, coordinación, apoio e avaliación obxectiva e individual.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: