CATALOGADA UNHA NOVA ESPECIE NA FLORA DAS ILLAS CÍES

  • O novo taxón, tamén novo para a Ciencia, é unha herba da familia das fabáceas, co nome científico de Ornithopus x ciesianus Blanco-Dios Bernárdez & Rigueiro
  • O Parque Nacional das Illas Atlánticas, xestionado pola Consellería do Medio Rural, coordinou o estudo polo que se clasifica a nova especie e que inventaria a flora e a vexetación presente nas Illas, así como a súa localización e abundancia.

Santiago, 27 de agosto de 2011.- A flora das Illas Cíes conta cunha nova especie, tamén nova para a Ciencia. A súa catalogación é froito dun estudo coordinado polo Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e realizado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Departamento de Produción Vexetal da Escola Politécnica Superior de Lugo, coa participación de Antonio Rigueiro Rodríguez, J. Gaspar Bernárdez e Jesús Fernández Alonso.A investigación veuse desenvolvendo desde o ano 2008 co obxectivo de catalogar a flora das Illas Cíes, enmarcadas no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, xestionado pola Consellería do Medio Rural. Nas súas conclusións atópase a clasificación dun novo taxón para a Ciencia co nome de Ornithopus x Ciesianus Blanco-Dios, Bernardez & Rigueiro (BLANCO-DIOS et al 2011). Trátase dunha herba, que é un híbrido entre a Ornithopus compressus L. (denominada en galego pé de paxaro) e a Ornithopus sativus subsp.sativus, e que pertence á familia das fabáceas. Caracterízase por ser unha boa forraxeira en cultivos e pastizais. O estudo, que posibilitou a Consellería do Medio Rural a través do Parque Nacional, recolle un inventario da flora e a vexetación presente nas Illas Cíes e a súa localización e abundancia, a fin de poder atopalas e seguir a súa evolución. Así mesmo, inclúense, por primeira vez, todas as plantas cultivadas ou asilvestradas nas Illas, xa que bastantes delas teñen interese propio pola súa rareza ou o bo desenvolvemento, ou son potenciais invasoras agresivas, e en moitos casos pode non ser doado para o profano coñecer se son autóctonas ou non. Outro dos seus obxectivos é identificar as especies que deben ser protexidas pola súa inclusión nos listados galegos e españois de especies a conservar, e as que pola súa rareza nas Illas tamén o merezan.

Inventariados 602 taxóns

O resumo deste traballo enumera os taxóns atopados, cun cómputo global de 602. Entre eles inventaríanse as plantas espontáneas, con 415 taxa (incluíndo subespecies, variedades e 7 híbridos); plantas subespontáneas ou naturalizadas, con 44 taxa (incluído 1 híbrido); e plantas cultivadas, con 143 taxa, entre os que se inclúen 15 híbridos. Na categoría de espontáneos, os taxóns citados por primeira vez nas Cíes suman un total de 127 especies, subespecies, híbridos ou variedades novas para as Illas, entre o que se atopa o devandito Ornithopus x ciessianus. No grupo de subespontáneos cítanse por primeira vez 25 taxóns, mentres que no rango de cultivados, recóllense un total de 128 especies, subespecies, variedades, cultivares ou plantas de orixe híbrida cultivadas, que son novas para as Illas.

Coñecer os valores das Illas

As illas Cíes son as perlas das Rías Baixas, un dos seus maiores reclamos turísticos e forman parte fundamental do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Por todo elo é necesario o coñecemento en profundidade da súa flora e vexetación, como paso previo imprescindible para tomar as medidas de cara a súa axeitada conservación, así como para a divulgación dos seus valores botánicos entre os seus visitantes. Neste marco, o estudo referido vén a encher un oco existente no coñecemento destas Illas. Outros traballos similares fixéronse ou estanse a facer en Ons, Sálvora e Cortegada. A primeira aproximación á flora e fauna das Illas realízaa o pai Baltasar Merino, figura preeminente da botánica galega (aínda que nado en Burgos), que en agosto do ano 1879 estivo nas Illas por primeira vez. Nelas atopou algunhas plantas novas ou raras para Galicia, recollidas na súa obra Flora de Galicia, publicada en tres tomos entre 1905 e 1909. En 1943, Losa España publica o primeiro catálogo das Cíes, con preto dunhas 200 especies. Anos despois, en 1977, Antonio Rigueiro publica outro estudo ampliando a flora a 252 especies. O último traballo foi o de Javier e Pablo Guitián (1990), onde asemade do catálogo estudan as características físicas e a vexetación segundo o método sigmatista. Catalogan 374 taxóns (especies mais subespecies, variedades e híbridos) o que supón unhas 350 especies, incluíndo plantas cultivadas.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: