MEDIO RURAL COLABORA CO CSIC NA IDENTIFICACIÓN DO PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO DO PARQUE NACIONAL DAS ILLAS ATLÁNTICAS

  • Cunha investigación que tamén ten por obxecto a localización e rexistro das entidades patrimoniais arqueolóxicas dos arquipélagos
  • O estudo enmárcase no proxecto “Procesos de formación e cambio da paisaxe cultural do Parque Nacional das Illas Atlánticas”

Santiago, 3 de setembro de 2011.- O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, xestionado pola Consellería do Medio Rural, está a colaborar co Laboratorio de Patrimonio do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) na realización dunha investigación que ten por obxecto a identificación, localización e rexistro do patrimonio arqueolóxico dos arquipélagos. O traballo iniciouse en xuño deste ano e desenvolverase ata decembro de 2013, baixo a dirección de Paula-Ballesteros-Arias e de Felipe Criado-Boado. O proxecto de actuación, denominado “Estudo Arqueolóxico do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (Pontevedra e A Coruña). Prospección arqueolóxica superficial”, enmárcase no programa “Procesos de formación e cambio da paisaxe cultural do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia”. Os estudos que comprende pretenden afondar no coñecemento do espazo cultural a través da arqueoloxía e de recoñecer as diferentes etapas crono-culturais que deron lugar á configuración actual deste espazo singular de illas. Como obxectivo básico desenvolverase un traballo de campo baseado nunha prospección superficial arqueolóxica, coa finalidade de obter unha catalogación fiable da zona. Mediante esta exploración arqueolóxica documentaranse todas aquelas entidades patrimoniais non documentadas e revisarase a situación patrimonial das xa catalogadas. Así mesmo, abordarase a caracterización e descrición doutras posibles entidades que poidan aparecer no transcurso do traballo de exploración.

Ámbito de estudo

O ámbito xeográfico deste estudo circunscríbese ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, que comprende espazos pertencentes a concellos de Pontevedra e da Coruña. Trátase do arquipélago de Ons (concello de Bueu); do de Cíes (concello de Vigo); o de Cortegada, (concello de Vilagarcía de Arousa). Na provincia da Coruña, no concello de Ribeira, sitúase o arquipélago de Sálvora. A localización do Parque, fronte ás Rías Baixas, crea unha barreira natural ante o océano que acentúa o ambiente estuario das rías. No medio terrestre destacan os sistemas dunares, os acantilados e os matos de toxo e brezo.

Morfoloxía das Illas Atlánticas

A orixe das illas está relacionada coa orixe das rías e do relevo litoral do Noroeste peninsular. A oroxenia hercínica transformou os sedimentos en rochas metamórficas e provocou ascensos sucesivos de magma que se ía solidificando lentamente no interior da codia e formando rochas graníticas. Estas últimas presentan máis pregamentos ou orientación dos seus minerais que as formadas nas épocas finais. A posterior erosión das rochas metamórficas deixa ao descuberto ás rochas graníticas. Respecto ás illas Cíes e Ons son de formas máis alargadas e caracterizadas por unha morfoloxía oposta entre as súas caras leste e oeste; o leste caracterizado por un relevo baixo e abundancia de areais e o oeste con predominio de acantilados e enseadas de coídos. En concreto, o arquipélago de Cíes está formado por tres illas: a illa Norte ou de Monteagudo, a illa do Medio ou do Faro e a illa do Sur ou de San Martiño. A zonas máis alta está na illa de Monteagudo, no Alto das Cíes, con 197 metros de altitude.

O arquipélago de Ons está conformado polas illas de Ons e Onza ou Onceta (ao Norte), e os illotes do Centolo (ao Sur) e Freitosa (ao Suroeste). A máxima elevación atópase no Alto do Cucorno, cunha vertixe de 128 metros de altura, onde se atopa o faro. Pola súa banda, a illa de Sálvora ten unha contorna redondeada e plana, coroada por grandes rochas esféricas denominadas “bolos”. Case todo o perímetro da illa é zona rochosa, a excepción de tres areais. A este arquipélago pertencen os illotes de Noro, Sagres, Vionta e Hervosa, asemade doutros de menor tamaño. Cortegada está no interior da ría e presenta un relevo máis baixo e unha contorna de areais e planicies rochosas. A este arquipélago pertencen a illa de Cortegada e outros grupos de illas, como as Malveiras ou as Briñas. En Cortegada atópase o maior bosque de loureiros da Península Ibérica.

A pegada da historia

As illas do Parque Nacional presentan unha traxectoria similar, co establecemento ou contacto de grupos humanos ao longo da prehistoria e da historia, que deixaron maior ou menor pegada. Foron ocupadas por distintas ordes monásticas na Idade Media; a inicios do segundo milenio foron propiedade da igrexa e, posteriormente, eran aforadas a nobres da época. Soportaron invasións para ser utilizadas como base de incursións á costa. Nelas aprécianse poboados de carácter tradicional, en diferente grao de conservación, nos que os seus habitantes, asemade de ao mar, dedicábanse á agricultura e gandería. Tamén se desenvolveron manufacturas de salgadura. Sen embargo, cada unha das illas presenta singularidades con respecto aos seus valores patrimoniais e culturais. Segundo diversa bibliografía sobre as Illas Atlánticas, no arquipélago de Cíes, atopáronse restos pertencentes ao paleolítico e ao neolítico. En base a esas análises, entre os seus elementos patrimoniais, tamén se atopa o Castro das Hortas, que se enmarca na Idade de Ferro, así como o mosteiro ou o convento de Santo Estevo, que se emprazan nos principios da Idade Media. Nas figuras patrimoniais de Ons, intégranse o castro de “Castelo dos Mouros”, coa “Cova dos Mouros”, que aglutina moitas das lendas da illa, e que datan da Idade de Ferro, ou o sepulcro “A Laxe do Crego”, da época medieval. Nas do arquipélago de Sálvora, inscríbese o Pazo de Sálvora, mentres que en Cortegada existen referencias de achados da época romana, así como un santuario da Idade Media.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: