O BNG entrevístase coa Presidenta da Cámara de Caminha para tratar a problemática do Ferri
Unha representación do BNG formada pola súa deputada en Madrid Olaia Fernández Davila, a concelleira da Guarda Hortensia García e o Responsábel Comarcal Xosé Manuel Méndez mantivo no día de onte unha longa reunión coa Presidenta da Cámara de Caminha para interesarse pola situación do Ferri A Guarda-Caminha.
Durante o transcurso desta reunión o BNG puido constatar, unha vez máis, a falla de responsabilidade do actual goberno español, que foi incapaz de manter o canal de navegación do Ferri levándoo a tal estado de abandono que imposibilita a supervivencia deste servizo de transporte. A falla de dragado periódico e a mala realización do mesmo dende que as autoridades españolas se fixeron cargo do seu mantemento acabaron por estragar a canle pola que debe transitar o Ferri. O mal mantemento inicial e a falla do mesmo nos últimos tempos foron deteriorando a canle de navegación até o ponto de provocar avarías na embarcación cada vez máis frecuentes e dificultando a recuperación deste paso no río Miño. “Nós entregamos unha canle que só precisaba traballos de mantemento mais no estado actual precisaría ser practicamente reconstruída para ser practicábel” declarou a Presidenta da Cámara de Caminha.
O BNG, que cualifica a reunión mantida na Cámara de Caminha como moi clarificadora, amósase sorprendido ante a desinformación a que o Alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas, tivo sometida á poboación guardesa. Pódese afirmar que o Sr. Freitas estaba informado da dramática situación do Ferri cando se adicaba a respostar con evasivas as reiteradas iniciativas do BNG sobre o tema. Dende a organización nacionalista lembran que xa no pasado ano o alcalde da Guarda, o señor Freitas, votou en contra de solicitar o compromiso do Goberno Central coa continuidade do servizo. Por aquel entón segundo o Alcalde “o compromiso do Goberno central do PSOE era xa un feito”.
Cando o pasado 26 de agosto o rexedor Guardés comunica á Cámara de Camiña que non se realizará un novo dragado do río apóiase nun informe ambiental segundo o cal sería preciso realizar un estudo de impacto ambiental antes de autorizar o novo dragado, estudo que se demoraría un ano en ser realizado. O que os nacionalistas consideran máis grave é que o mencionado estudo ten data de 11 de xuño… Segundo o BNG non ten xustificación algunha que sendo coñecedores dende xuño desta situación teñan ocultado durante todo o verán a realidade. Sabían que a canle non sería dragada e o servizo do Ferri non podería continuar. O Alcalde da Guarda terá que explicarlle á poboación por qué non fixo pública esta información.
A deputada nacionalista Olaia Fernández Davila comprometeuse unha vez máis a levar a problemática da Guarda ao Parlamento español e dende o BNG fan un chamamento a toda a sociedade guardesa a mobilizarse a favor dun servizo fundamental para o pobo da Guarda.